Contaminación luminosa

Exposición sobre contaminación luminosa.

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío ten un grupo de traballo específico sobre contaminación luminosa. Organizamos xornadas divulgativas, como o “Encontro da Noite” 2018 e 2019 na Coruña ou “O valor da noite” no Parlamento de Galicia, e preparamos unha exposición sobre contaminación luminosa que desde 2017 visitou máis de trinta espazos diferentes en toda Galicia (se queres que visite o teu centro, contacta connosco). Producimos diversos materiais divulgativos sobre este asunto, como a “Nota informativa sobre contaminación luminosa” (PDF, 150 KB) e a curtametraxe documental “A perda da escuridade”. Ademais, fixemos propostas sobre a protección da noite ante diferentes administracións (local, autonómica e estatal) e impulsamos a Declaración Institucional do Parlamento de Galicia en defensa do ceo nocturno. No blog da Agrupación Ío podes atopar ademais moitas anotacións que tratan diversos aspectos deste tema na categoría “Contaminación luminosa”. Podes escribirnos ao correo electrónico cl@agrupacionio.com.

Para saber máis sobre contaminación luminosa, podes ver aquí con subtítulos en galego e español o documental “Saving the Dark”, dirixido por Sriram Murali. E se a luz invade a túa casa e queres protestar ante a administración, podes empregar este modelo de escrito de queixa por intrusión luminosa.

* * *

Co apoio da empresa láctea Deleite producimos un folleto divulgativo sobre contaminación luminosa. Este é o seu contido.

Poucos inventos transformaron tanto as sociedades modernas, e para ben, como a iluminación artificial. Porén, na actualidade sabemos que o uso e o abuso da luz durante a noite ten consecuencias negativas que a ciencia empezou a desvelar nas últimas décadas. Chamámoslle contaminación luminosa a calquera efecto adverso provocado pola luz artificial. Mais… é para tanto?

É un problema ambiental? É. A consecuencia dos movementos de rotación e translación do noso planeta, as horas de luz (o día) e de escuridade (a noite) sucédense cun ritmo que varía moi lentamente desde hai miles de millóns de anos. Os seres vivos desenvolveron, ao longo da evolución, mecanismos de adaptación para tirar proveito deste ritmo natural anticipándose á saída e posta do Sol e aos cambios estacionais. A presenza de luz artificial pola noite cambia radicalmente as regras de xogo ao modificar un factor tan decisivo como é a natural alternancia de luz e escuridade. Cada especie adaptouse a ese padrón para ocupar o seu espazo; algunhas precisan moita luz e outras ningunha para poder alimentarse, orientarse, migrar ou reproducirse. Meter luz a destempo facilítalle as cousas a algúns seres vivos, os de hábitos diúrnos, a forza de deixar completamente desamparados a outros, os nocturnos, e na natureza, convén recordalo, son maioría estes últimos. Non é precisa demasiada luz para producir graves alteracións e estas non se limitan á contorna dos farois: os fotóns non coñecen fronteiras e así a luz artificial das vilas e cidades mal dirixida esténdese afectando o medio a moitos quilómetros de distancia. Para un animal nocturno un nivel de luz ínfimo, inapreciable para o ser humano, pode ser crítico. Hai unha morea de exemplos estudados na literatura científica, desde aves que se desorientan ao saíren do niño e mesmo chocan —por millóns— cos edificios iluminados, ás tartarugas mariñas que nacen dos ovos nas praias mais non conseguen chegar ao mar confundidas polos farois; tamén os insectos, decisivos para a polinización e cuxa desaparición é un dos problemas ambientais máis críticos do planeta, os corais, moitas especies vexetais… Cando foi a última vez que vistes un vagalume? E logo está a dilapidación de enerxía inherente á contaminación luminosa e o seu impacto na produción de gases de efecto invernadoiro e no quecemento global. A preservación e defensa da natureza hoxe require —e con urxencia— a preservación e defensa da escuridade da noite.

Canto diñeiro custa? Moito. No Estado español calcúlase que o gasto en enerxía para iluminar a noite anda cada ano arredor dos mil millóns de euros. De usarmos máis racionalmente a iluminación nocturna, como acontece en Alemaña, esa partida podería reducirse drasticamente, como mínimo un 30%, posiblemente máis. E ese aforro produciríase vila a vila, concello a concello, pois a iluminación da noite chega a supoñer a metade do gasto eléctrico das administracións locais. Imaxinades o que daría de si un millón de euros liberado cada ano na Coruña ou Vigo para investir en educación e cultura? O que representan cen mil euros máis cada ano nunha vila pequena?

Que pasa coa saúde humana? Os seres humanos non somos unha excepción ás leis da bioloxía. Moitas das nosas variables fisiolóxicas van cambiando ao longo do día: a temperatura do corpo, a presión arterial, o estado de vixilia ou sono, a produción hormonal… Esa oscilación está rexida por un sistema de regulación cuxo período libre é algo maior que 24 horas, de aí que falemos dun «ritmo circadiano», próximo, mais non exactamente igual, a un día terrestre. Para evitar a acumulación de desfases, o noso reloxo biolóxico central precisa «poñerse en hora» cada día, e o estímulo máis importante para iso é o ciclo de luz natural. Existen na retina do ollo células fotorreceptoras específicas, descubertas en 2002, cuxa función é indicarlle a unha rexión concreta do cerebro (o «núcleo supraquiasmático») o nivel de iluminación ambiental. A luz que chega aos ollos axuda así á correcta sincronización do sistema de regulación, tanto para activar os procesos fisiolóxicos propios da nosa condición de animais diúrnos como os correspondentes ao tempo de descanso nocturno.
Hoxe en día experimentamos un problema dobre. Polo día, gran parte da poboación recibe moita menos luz da que debería (porque pasa demasiado tempo pechada entre catro paredes, sen que lle dea a luz solar). Pola noite, porén, estamos sobreexpostos á luz tanto no exterior como no interior das casas —incluída a das omnipresentes pantallas, desde os móbiles até as de publicidade—. Mandamos unha mensaxe equivocada ao cerebro: o nivel de luz que nos rodea non lle permite recoñecer coa suficiente claridade a diferenza entre o día e a noite, para dar inicio aos procesos axeitados a cada período. As alteracións que iso induce relaciónanse cunha longa e variada serie de graves patoloxías. É un campo de investigación en pleno apoxeo.

A iluminación LED mellora ou empeora a situación? A tecnoloxía LED ten grandes virtudes: pode producir luz cun baixo consumo de enerxía e dirixila con gran precisión aló onde se necesita, ten tempos brevísimos de acendido e apagado, pode graduarse en intensidade e permite unha fácil manipulación das cores. Mais, como calquera outra tecnoloxía, depende de como a usemos. Os LED son eficientes, si, mais se por selo se nos vai a cabeza e poñemos farois a esgalla a eficiencia teórica pode non traer aforro real ningún. Algo parecido sucede coa contaminación luminosa, para a cal o LED pode ser unha solución ou un problema aínda maior. Se o nivel de iluminación aumenta, por ben dirixidas que estean as lámpadas tamén aumentará a luz que reflicte o pavimento e, en consecuencia, chegará luz onde non debe chegar. Se ademais a luz LED escollida é, como pasa agora na inmensa maioría dos concellos, de alto contido en azuis (con «temperatura de cor» por riba dos 2700K), medrará aínda máis a contaminación luminosa pola maior capacidade que ten a luz azul de dispersarse na atmosfera. Empregarmos LED, per se, non é garantía de nada. De feito, o sistemático mal uso que se vén facendo desta tecnoloxía nos últimos anos non fixo máis que empeorar os problemas.

Quedan aínda sitios escuros? Cada vez menos. Segundo o Atlas mundial do brillo artificial da noite, publicado en 2016, o 80% da poboación mundial convive con ceos contaminados. Nun ceo verdadeiramente escuro, nunha noite sen lúa deberiamos ver a ollo nu arredor de 4500 estrelas. Nas cidades, con sorte, veremos un cento, nos centros urbanos tal vez nin unha decena. Entre unha cifra e outra hai unha variada gama de situacións. En Galicia persisten aínda zonas con bos ceos, cun gran potencial de desenvolvemento sustentable, mais mesmo estas están xa afectadas pola luz e precisamos canto antes accións que preserven a calidade da noite.
As noites estreladas formaron parte da paisaxe da humanidade durante toda a historia e alentaron a creatividade científica e artística. Sen paisaxes estreladas non teríamos a Galileo, aos Herschel (William, Caroline e John) nin a Henrietta Leavitt, que nos deu ferramentas para medir distancias no universo; mais tampouco teriamos a poesía de Walt Whitman ou a de Rosalía de Castro, que agora dá nome a unha estrela, nin os cadros que pintou Van Gogh. A nosa imaxinación voou sempre nas ás da noite. A noite é necesaria: foi unha verdade poética en mans de Xosé María Díaz Castro e xa é, tamén, unha verdade científica. Somos conscientes do que perdemos cando perdemos a noite?

Que podemos facer? No esencial, asumirmos que a luz artificial durante a noite actúa como un axente contaminante e tratármola como tal, mesmo lexislando con esa finalidade. Xa que logo, a luz artificial debe utilizarse unicamente onde sexa necesaria, sen vertela en espazos adxacentes nin lanzala ao ceo; candosexa precisa, evitando luces prendidas innecesariamente en horas sen tránsito nin uso; co nivel axeitado, isto é, coa intensidade imprescindible para desenvolvermos as tarefas e non máis da necesaria; e co espectro adecuado, evitando as compoñentes máis contaminantes (azuis e violetas). Cómpre, ademais, facermos estudos técnicos e medicións precisas para avaliar o estado das instalacións e apoiarmos a investigación e a divulgación neste campo. A diferenza doutras formas de contaminación, a luminosa é fácil (e barata) de evitar.
No noso ámbito privado, podemos poñer os medios para iluminar ben (que non é o mesmo que iluminar moito). Tamén podemos esixirlles ás administracións que fagan o que deben. Colaborar coa divulgación do problema para racharmos cunha inercia de décadas en favor das luces sen control, que respondía á mesma idea errada de progreso que vía ben o asfaltado das carballeiras. E descubrir a noite, quen non a coñeza. Experimentar a súa escuridade, chea de vida e de estrelas, e as emocións esenciais que dela nacen.

Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío), Salva Bará (Universidade de Santiago de Compostela) e Ana Ulla (Universidade de Vigo). Actualización dun artigo escrito para a Revista Luzes, número 60, setembro de 2018. Fotografía da portada: Óscar Blanco (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío). Deseño e maquetación do folleto: Marta Cortacans.