O sábado 26 de outubro no Salón de Actos da Casa das Ciencias (o palacete pequeno no Parque de Santa Margarida) a Agrupación Ío celebrará a segunda edición do Encontro da Noite, xornada divulgativa que ten como temas de debate a contaminación luminosa, a posta en valor do patrimonio nocturno e a preservación da escuridade. Este encontro, cuxa primeira edición tivo lugar en maio de 2018, conta co apoio da Concellaría de Educación, Cultura e Memoria Histórica. A asistencia é gratuíta.

Igual que na primeira edición, as conferencias e actividades da mañá e da tarde son de entrada libre mentres existan localidades, mais imos reservar certo número de prazas para as persoas que desexen asistir á xornada completa e asegurarse asento para todas as conferencias recibindo, ademais, un certificado de asistencia. A inscrición previa poderá facerse a través deste formulario en liña até as 15:00 do venres 25 de outubro.

Este é o programa (case) definitivo do II Encontro da Noite:

Sábado 26 de outubro de 2019. Salón de actos da Casa das Ciencias (Parque de Santa Margarita).

11:00 Apertura do encontro

11:15 Relatorio 1: O uso de luz na planificación da seguridade: unha visión criminolóxica con perspectiva de xénero. Anna Almécija, avogada, criminóloga, directora de seguridade privada, profesora asociada da EPSEB-UPC e colaboradora en EPSI-UAB.

12:15 Relatorio 2: A contaminación luminosa e o medio ambiente. Joaquín Baixeras, profesor da Universitat de València.

13:15 Relatorio 3: Loita contra a contaminación luminosa: luces e sombras do regulamento andaluz. Jesús Navas, mestre de Primaria, membro de Cel Fosc, da Agrupación Astronómica de Málaga Sirio e de Ecologistas en Acción.

16:30 Sesión de relatorios breves coa participación de José Enrique Alcázar, enxeñeiro industrial municipal, servizo de iluminación pública do Concello da Coruña; Ángel G. Calvo (delegado do Comité Español de Iluminación en Galicia); Ana Ulla (astrofísica da Universidade de Vigo).

17:30 Obradoiro 1: Street Spectra: caracterización de farois nas rúas. Jaime Zamorano, do Departamento de Física da Terra e Astrofísica da Universidade Complutense.

18:15 Obradoiro 2: Como medir a contaminación luminosa e non morrer no intento. Salvador Bará Viñas, profesor da Facultade de Óptica e Optometría da Universidade de Santiago de Compostela.

19:00 Clausura da xornada no Salón de Actos da Casa das Ciencias.

19:30 Relatorio 4: Pirineos la Nuit. Fernando Jáuregui, astrofísico do Planetario de Pamplona. esta conferencia celebrarase no Planetario da Casa das Ciencias; a entrada será gratuíta mediante convites que se repartirán a partir das 19:00. Nota: as persoas que se inscriban na xornada completa do II Encontro da Noite terán praza asegurada se o indican ao encher o formulario.