Estrela Rosalíadecastro

 

Nun acto celebrado o 17 de decembro de 2019 en París a Unión Astronómica Internacional (IAU, polas siglas en inglés) fixo públicos os resultados oficiais das 112 campañas nacionais “NameExoWorlds”. Foi esta unha das accións coas que a IAU, fundada en 1919, celebrou o seu centenario, e con ela 780000 persoas en todo o mundo puideron participar no nomeamento de estrelas e exoplanetas. A estrela asignada a España, até aquel momento chamada HD149143, na constelación de Ofiúco, o Serpentario, leva desde entón como nome “Rosalía de Castro”. O único exoplaneta descuberto nela polo momento chámase “Río Sar”.

Esa foi a proposta que fixo a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, que resultou a máis votada con clara diferenza sobre as demais. A campaña en favor da candidatura de Rosalía de Castro non sería posíbel sen o apoio total da Fundación Rosalía de Castro e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña. E o final feliz non acontecería de non ser polas miles de persoas que apoiaron a nosa proposta e axudaron a difundila. A todas elas, o noso máis cálido agradecemento. E grazas tamén aos medios de comunicación galegos que se volcaron na difusión da campaña #EstrelaRosalía. Agora xa é definitivo: hai unha estrela no ceo que se chama Rosalía de Castro.

Recomendámosvos que consultedes a listaxe de 112 parellas finalmente aprobadas a través deste mapa do mundo elaborado por Guillem Anglada.

A estrela Rosalíadecastro

A estrela Rosalíadecastro é unha anana amarela parecida ao noso Sol situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco, o Serpentario. A súa magnitude relativa é 7,89, o cal a converte nun obxecto visíbel con prismáticos en ceos escuros. O exoplaneta Ríosar foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela.

Imaxe: Marta Cortacans, adaptada de IAU e Sky & Telescope, Roger Sinnott & Rick Fienberg (Serpentario, CC BY 3.0.), Stellarium (visión con prismáticos) e Luis Sellier (fotografía de Rosalía).

En caso de que se descubran máis exoplanetas na estrela Rosalíadecastro, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío xa propuxo outros topónimos asociados á vida e obra da escritora: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.

Rosalía de Castro

Rosalía de Castro (1837-1885) é a figura máis relevante das letras galegas, mais é tamén unha das máis importantes escritoras en lingua castelá. A súa obra, sexa en galego ou en español, sexa no campo da poesía, da narrativa ou do ensaio, convértea nunha referencia universal. Foi unha escritora crítica con toda clase de inxustizas, grande defensora da natureza e indiscutibelmente feminista. Un tesouro cultural que traspasa xeracións, por iso Rosalía resulta sempre plenamente contemporánea e permanece viva na sociedade actual.

Fotografía: Luis Sellier

Rosalía feminista

Xa en “Lieders”, un pequeno artigo escrito en 1858, expuña como principios básicos do seu pensamento a liberdade e a igualdade:

“Jamás ha dominado en mi alma la esperanza de la gloria, ni he soñado nunca con laureles que oprimiesen mi frente. Sólo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios, aunque alrededor hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud”.

Noutro artigo posterior, “Las literatas”, ironiza sobre a visión que a sociedade do seu tempo tiña das mulleres que escribían, consideradas pouco menos que unhas intrusas nun labor de homes e obxecto das máis bastas críticas e burlas. As conviccións feministas de Rosalía esténdense a toda a súa obra, e fanse especialmente evidentes nos seus tres libros de poesía fundamentais, “Cantares gallegos”, “Follas novas” e “En las orillas del Sar”.

Fotografía: María Cardarelly

 

Has de cantar,
meniña gaiteira,
has de cantar,
que me morro de pena.
[Cantares Gallegos]

Daquelas que cantan as pombas i as frores
todos din que teñen alma de muller.
Pois eu que n’as canto, Virxe da Paloma,
ai!, de que a terei?
[Follas Novas]

Pero yo en el rincón más escondido
y también más hermoso de la tierra,
sin esperar a Ulises,
que el nuestro ha naufragado en la tormenta,
semejante a Penélope
tejo y destejo sin cesar mi tela.
[En las orillas del Sar]

 

 

Rosalía ecoloxista

Entregada con paixón á reivindicación da paisaxe galega, Rosalía é a grande cantora da terra e a natureza. A súa voz poética, en consecuencia, non dubidará en erguerse contra a destrución do medio ambiente: a desaparición de calquera bosque autóctono é un atentado doloroso contra o patrimonio natural, contra a harmonía viva dos ecosistemas.

Retrato de Rosalía por Modesto Brocos.

 

Prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento.
[Cantares gallegos]

Grilos e ralos, rans albariñas,
sapos e bichos de todas cras,
mentras ó lonxe cantan os carros,
que serenatas tan amorosas
nos nosos campos sempre nos dan!
[Follas novas]

Mas nosotros, si talan nuestros bosques
que cuentan siglos… -¡quedan ya tan pocos!-
[En las orillas del Sar]

 

 

 

 

O ceo de Rosalía

No tempo de Rosalía a contaminación luminosa non existía e en consecuencia todas as persoas convivían con naturalidade coa noite. O firmamento e os corpos celestes formaban parte do seu día a día e inevitabelmente están integrados na súa literatura. A noite, símbolo a miúdo de soidade e desgraza, é tamén refuxio e compañía para a autora, e a Lúa e as estrelas serán interlocutoras habituais do seus sentimentos máis íntimos.

Debuxo de Rosalía por Antonio Portela

 

Colleume a noite,
noite brillante,
cunha luniña
feita de xaspes,
e fun con ela
camiño adiante,
cas estreliñas
para guiarme,
que aquel camiño
solo elas saben.
[Cantares gallegos]

As noites son tranquilas e serenas,
craro é sempre o luar,
por antre as tellas entran os seus raios
i hastra ó meu leito van,
i así durmo alumado pola lámpara
que ós probes lle luz dá.
Lámpara hermosa, eternamente hermosa,
consolo dos mortals.
[Follas novas]

 

A Terra a 1400 millóns de quilómetros vista pola sonda Cassini como un punto de luz entre os aneis de Saturno. Imaxe: NASA/JPL-Caltech/Space Science Institute.

Los astros son innúmeros, al cielo
no se le encuentra fin,
y este pequeño mundo que habitamos,
y que parece un punto en el espacio,
inmenso es para mí.
[En las orillas del Sar]

Planetas

Chamámoslle “planetas” aos corpos celestes sen luz propia que dan voltas arredor do Sol, teñen masa suficiente como para ter forma aproximadamente esférica e limparon a zona da súa órbita doutros obxectos ríxidos (isto é, son os corpos claramente dominantes na súa órbita). O sistema solar está formado por oito planetas: ademais da Terra, os cinco que se poden ver a simple vista e se coñecen desde a antigüidade (Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno) e os dous observados despois da invención do telescopio (Urano e Neptuno).

Imaxe: NASA/JPL. adaptada por Marta Cortacans.

Planetas ananos

O descubrimento de novos obxectos máis alá de Neptuno fixo que a Unión Astronómica Internacional aprobase a creación dunha nova categoría, non sen polémica: a de “planetas ananos”. Os planetas ananos tamén orbitan o Sol e teñen forma esférica, mais non limparon a súa zona doutros obxectos ríxidos. Nesta categoría foron recolocados Plutón, Ceres (o maior obxecto do cinto de asteroides) e os novos corpos identificados no século XXI: Haumea, Makemake e Eris.

Imaxe: NASA adaptada por Marta Cortacans

Exoplanetas

No universo existen centos de miles de millóns de galaxias, cada unha delas con centos de miles de millóns de estrelas. Dábase por suposto que arredor doutras estrelas podería haber planetas, mais até hai poucos anos non había tecnoloxía suficiente para a súa detección. Foi en 1995 cando se anunciou a presenza dun corpo que orbitaba a estrela 51 Pegasi, na constelación de Pegaso: era o primeiro exoplaneta, o primeiro planeta fóra do noso sistema solar do que tivemos noticia.

Na actualidade coñécense case catro mil exoplanetas e a cifra segue medrando constantemente. Para detectalos empréganse métodos moi variados e complexos, que moi raras veces pasan pola observación directa. Os métodos que até agora deron máis resultados son o da fotometría de tránsitos, que consiste na observación da leve diminución do brillo da estrela cada vez que o exoplaneta transita (pasa) por diante dela, e o da velocidade radial, que se basea na detección das pequenas variacións da órbita da estrela por influxo gravitacional do planeta que a orbita.

MÉTODO DA FOTOMETRÍA DE TRÁNSITOS

Imaxe: NASA adaptada por Marta Cortacans

MÉTODO DA VELOCIDADE RADIAL

Imaxe: ESO adaptada por Marta Cortacans

A campaña

Para promover a candidatura da #EstrelaRosalía preparamos diversos materiais:

Cinco paneis divulgativos que levan percorrendo Galicia desde finais de outubro. Podes ver onde están agora nesta ligazón. Se queres pedirnos un panel para que visite o teu centro, contacta connosco!

-Unha serie de imaxes para difundir a iniciativa entre as redes sociais, que podes ver aquí en diferentes formatos.

200 carteis en papel para dar a campaña. Podes velos e descargalos en formato PDF nesta ligazón.

10000 panfletos sobre a campaña #EstrelaRosalía. Podes velos e descargalos en formato PDF nesta ligazón.

-E até fixemos un acto na rúa, como corresponde a toda boa campaña electoral:

E para seguir en directo o anuncio oficial, o 17 de decembro de 2019 convocamos unha “quedada” á cal convidamos á prensa, o presidente da Fundación Rosalía de Castro e representantes da corporación municipal.

As accións divulgativas non remataron coa elección oficial do nome. Despois diso, e en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, producimos 5000 mapas do ceo que dan conta do firmamento que podemos ver en Galicia ao longo do ano e explican como localizar a estrela Rosalíadecastro con prismáticos. E continuamos dando charlas en diferentes centros educativos e culturais, aínda que a COVID-19 recortou notabelmente os nosos plans:

-No auditorio da Casa de Rosalía, en Padrón, o venres 20 de decembro de 2019.

-No CIFP Ánxel Casal – Monte Alto da Coruña, o luns 10 de febreiro de 2020.

-No MUNCYT da Coruña, o sábado 7 de marzo de 2020.

-No CEIP de Laredo (Redondela), o mércores 10 de xuño de 2020 (charla en liña).

E tamén fixemos observacións públicas da estrela Rosalíadecastro:

-Na aira da Casa de Rosalía en Padrón, o mércores 15 de xullo de 2020.