Boletín IAU de divulgación da astronomía

Xuño #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Inscrición aberta para o obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación
2) Novo logotipo e sitio web para CPS
3) A IAU e o Fondo Internacional Visegrád lanzan un programa de mobilidade para estudantes de astronomía
4) Mapa de Divulgación Mundial “Falling Walls”
5) Sobre a Lúa de novo
6) Novas NOC
7) Resultados do esquema de financiamento NOC 2022: Madagascar e Senegal
8) Oportunidades
9) Recursos interesantes
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezadas amigas, amigos e colegas,

Neste boletín presentamos moitas oportunidades interesantes para compartir o teu traballo en comunicación e educación astronómica, así como para aprender das experiencias doutras persoas. Animámosvos a asistir ao obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación, unha excelente oportunidade para tecer rede, escoitar opinións expertas na materia e compartir as mellores prácticas. Para alén deste obradoiro hai outras iniciativas próximas no tempo: a campaña “Sobre a Lúa de novo”, o mapa de divulgación mundial “Falling Walls” e a Conferencia PARI2022 que se celebrará a mediados de xullo.

Tamén nos encanta presentar algúns dos primeiros traballos do plan de financiamento NOC 2022: as oficinas NOC de Madagascar e Senegal colaboraron para acoller obradoiros para líderes de clubs de astronomía. A través dos obradoiros, a mocidade que participou está agora encamiñada a achegar a astronomía ás súas comunidades. É un exemplo representativo de como a rede NOC está dedicada a mellorar o acceso ás materias CTEM para a próxima xeración. Sentimos orgullo de fomentar esta rede de comunicación astronómica e agradecémoslles o seu importante traballo.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Inscrición aberta para o obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación

Xa está aberta a inscrición para o obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación, que terá lugar do 15 ao 17 de novembro! O tema do obradoiro é “aproveitar o potencial da astronomía para a educación formal”. En concreto, neste obradoiro abordaranse as preguntas: Como ensinamos astronomía? Cal é o papel da astronomía no ensino da física, a química ou o cambio climático?

Para rexistrarte, fai clic aquí.

2) Novo logotipo e sitio web para CPS

Acaba de darse a coñecer o logotipo e sitio web do novo Centro IAU para a Protección do Ceo Escuro e Tranquilo contra a Interferencia das Constelacións de Satélites (CPS).Para obter máis información sobre os seus programas, a protección do ceo escuro e tranquilo e as súas actividades, consulta o seu sitio web.

3) A IAU e o Fondo Internacional Visegrád lanzan un programa de mobilidade para estudantes de astronomía

En colaboración co Fondo Internacional Visegrád, a IAU está a patrocinar bolsas para estudantes de licenciatura e mestrado nos países do grupo Visegrád: República Checa, Hungría, República de Polonia e República Eslovaca. Para saber máis, consulta esta ligazón.

4) Mapa de Divulgación Mundial “Falling Walls”

Únete a unha comunidade global de comunicación científica engadindo as túas actividades de divulgación ao Mapa de Divulgación Mundial “Falling Walls” (Derrubando Muros). Tes máis información aquí.

5) Sobre a Lúa de novo

A Sociedade Astronómica Francesa ten o orgullo de presentar “Sobre a Lúa de novo”, un evento que terá lugar do 8 ao 10 de xullo. Descubre como podes participar, consulta o seu sitio web e rexistra o teu evento en liña aquí.

6) Novas NOC

a) NOC Bahrein

A NOC de Bahrein, Myriam Algassab, organizou un día completo de actividades para celebrar o Día dos Asteroides o 30 de xuño, que inclúe charlas e xogos. Para obter máis información, consulta o folleto promocional.

b) NOC Exipto

O 10 de xuño, un membro do equipo NOC Exipto, o doutor Mohamed El Sadek, deu unha conferencia no Observatorio Astronómico de Kottamia para aumentar o interese do público sobre a astronomía.

c) NOC Haití

Un membro do equipo NOC Haití, Rulx Narcisse,  apareceu nun programa de televisión local para falar das galaxias, en particular a Vía Láctea. Podes ver o episodio en francés e haitiano aquí.

d) NOC Sudán

O equipo NOC Sudán, en particular Mohammed Yahya e Anwar Ahmed Osman, envolveu a súa comunidade nun programa titulado Astronomía para crianzas e estudantes.

e) NOC Tunisia

O 18 de xuño, a nosa NOC Túnez, Mayssa El Yazidi, organizou unha charla co doutor Scott Wayne Roberts sobre o poder da observación das estrelas.

7) Resultados do esquema de financiamento NOC 2022: Madagascar e Senegal

En resposta non só á falta de clubs de astronomía nos seus países, senón tamén ao problema global que para relacionarse coa próxima xeración de entusiastas da astronomía supuxo a pandemia de COVID-19, os equipos NOC de Madagascar e Senegal traballaron conxuntamente para formar os ORION Astro Labs. Estes dous obradoiros híbridos de tres días formaron a 50 aspirantes a liderar clubs de astronomía tanto en Madagascar como en Senegal. Entre os contidos houbo observación do ceo nocturno, actividades prácticas, intercambio de información sobre a recadación de fondos, boas prácticas e uso das redes sociais. Agora, estas persoas que lideran clubs de astronomía están ben encamiñadas para dirixir actividades de divulgación nas súas comunidades locais e poñer en práctica o que aprenderon. Podes atopar algunhas fotos dos seus esforzos aquí.

8) Oportunidades

a) Xa está aberta a inscrición para a Conferencia PARI2022

A conferencia Sensibilización Pública sobre as Infraestruturas de Investigación 2022 (PARI2022, polas siglas en inglés: Public Awareness of Research Infrastructures) ten lugar do 18 ao 20 de xullo na sede da SKAO en Cheshire, Reino Unido. PARI 2022 abordará unha ampla gama de temas de interese, como a comunicación do impacto social das infraestruturas de investigación, a importancia das comunicacións para promover a equidade, a diversidade e a inclusión, a relación entre a ampla gama de partes interesadas, a investigación da comunicación científica, as estratexias, práctica de PR e formación práctica opcional para profesionais. A participación remota ten un prezo de 30 £ e a presencial de 230 £. A inscrición xa está totalmente aberta e o programa preliminar detallado das charlas está dispoñíbel na páxina web.

b) Convocatoria piloto 2022 do Global Research Council SDG

A convocatoria dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) de 2022 do Global Research Council (GRC) ten como obxectivo facilitar e acelerar a consecución dos ODS mediante proxectos de investigación e innovación en curso ou rematados recentemente. Para obter máis información, consulta o seu sitio web.

c) Inscríbete no Simposio ASSA deste mes de outubro

Celebra os 100 anos da Sociedade Astronómica de África Austral (ASSA) durante o seu simposio híbrido, que terá lugar do 14 ao 16 de outubro en Cidade do Cabo. Para saber máis e inscribirte, consulta esta ligazón.

d) ASSA 30 Sub 30

A Sociedade Astronómica de África Austral (ASSA) lanzou un Proxecto Especial – 30 Menores de 30 – que ten como obxectivo apoiar as carreiras de persoas novas que se dedican profesionalmente á astronomía e estudantes de mestrado e doutoramento. Para obter información sobre esta oportunidade e como propoñer candidaturas, consulta esta ligazón.

9) Recursos interesantes

a) “Escoitar a magnetosfera: como facer audíbeis as ondas ULF” de Archer et al. [Contido en inglés]

Hai pouco publicouse un novo artigo que se baseou no coñecemento e experiencia do público para idear unha nova forma de facer audíbeis os datos astronómicos da magnetosfera. Podes atopar o artigo aquí.

b) A ciencia como forma de curar e conectar [Contido en inglés]

A astrónoma da Universidade Estatal de Arizona, Lindy Elkins-Tanton, describe nas súas novas memorias como atopa significado, conexión e cura a través do estudo do universo. Podes ler aquí unha entrevista coa autora e descubrir máis información sobre o novo libro.

c) Libro de texto de astronomía de OpenStax de balde [Contido en inglés]

OpenStax publica un libro de texto introdutorio gratuíto en liña: “Astronomy”, de Fraknoi, Morrison e Wolff. Aínda que agora é o libro de texto de astronomía máis usado nos Estados Unidos, non necesitas ir á clase para usalo. A segunda edición pódese atopar neste sitio web xunto con materiais auxiliares gratuítos e un método de xestión da aprendizaxe.

d) Podcast Artes no CERN [Contido en inglés]

Un novo podcast da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) mostra as conexións e colisións entre a física e a arte. Podes escoitar os episodios aquí.

10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.