Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Febreiro 2020 #1

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Actividades en todo o mundo para celebrar a Terra e o 30º aniversario do “Punto Azul Pálido”
2) Lanzada a oficina rexional de astronomía para o desenvolvemento da América do Norte
3) Anunciadas as persoas gañadoras do proxecto global Día da Astronomía nas Escolas
4) Colabora coa Guía de Mulleres da Astronomía Contemporánea
5) Acéptanse candidaturas para os Premios de Educación Astronómica
6) Concurso de redacción CTEM para estudantes entre 13 e 19 anos
7) Rede Auroras en vivo – Recurso para a astronomía amadora
8) Amas as estrelas? Unha proposta única para o Día de San Valentín
9) Reunións e eventos globais
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

O noso equipo reuniuse recentemente coa Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD) da IAU en Sudáfrica, para unirse á OAD nas reunións rexionais presenciais en calidade de observador. Foi un momento moi importante para aprendermos con eles e elas e fortalecermos as ligazóns coas diferentes rexións OAD (ROAD) e centros de idiomas (LOAD). Tamén asistimos ao obradoiro de Ciencia para o Desenvolvemento, organizado conxuntamente pola Oficina Rexional do Consello Internacional de Ciencias para África e a IAU OAD. Foi un pracer reunírmonos con colegas doutras ciencias para descubrir como podemos apoiar o uso da astronomía para mellorarmos o noso mundo. Parabéns ás persoas que forman parte do equipo anfitrión por levaren a cabo un obradoiro satisfactorio e impactante!

Neste boletín, destacamos as celebracións “Pale Blue Dot” (Punto Azul Pálido): a mellor maneira de finalizar un ano de celebracións IAU100! Tamén queremos facer un chamamento á vosa contribución na guía “Mulleres en astronomía” e suxerirvos que pasedes un día de San Valentín único mostrando o voso amor polas estrelas a través do programa Globe at Night.

Desexámosvos os ceos máis despexados,

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU

1) Actividades en todo o mundo para celebrar a Terra e o 30º aniversario do “Punto Azul Pálido”

Logo dun ano de botar a mirada sobre cen anos de fitos na astronomía co IAU100, a IAU agora nos pide que nos miremos a nós mesmos, o planeta Terra. No último proxecto global IAU100, multitude de eventos en todo o mundo amosarán como a astronomía axuda a comprender o lugar do noso fogar planetario no universo e como podemos afrontar os desafíos globais. Estes eventos terán lugar entre o 13 e o 20 de febreiro de 2020.

Máis información: https://www.iau-100.org/pale-blue-dot-announcement

2) Lanzada a oficina rexional de astronomía para o desenvolvemento da América do Norte

A oficina rexional de astronomía para o desenvolvemento da América do Norte estableceuse oficialmente o 29 de xaneiro de 2020 nunha cerimonia en Cidade do Cabo, África do Sur. A oficina traballará estreitamente coa Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da IAU (IAU OAD). No evento participou Ewine van Dishoeck, presidenta da IAU, e marcou o nacemento da undécima oficina rexional de astronomía para o desenvolvemento.

Tedes máis información aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann20004/

3) Anunciadas as persoas gañadoras do proxecto global Día da Astronomía nas Escolas

Dúas categorías de premios foron creadas para recoñecer as persoas que organizaron eventos especiais do proxecto global Día da Astronomía nas Escolas en novembro de 2019. Os nomes das persoas gañadoras veñen de ser anunciados.

Máis información: https://www.iau-100.org/astronomy-day-in-schools-winners

4) Colabora coa Guía de Mulleres da Astronomía Contemporánea

A rede do grupo de traballo IAU para a educación astronómica nas escolas convídavos a participar na creación dunha guía básica de mulleres na astronomía contemporánea. Cada país pode enviar até catro nomes coas respectivas fotografías e unha breve biografía. As astrónomas formarán parte da guía “As mulleres sosteñen a metade do ceo”.

O anuncio farase o 11 de febreiro, Día Internacional das Mulleres e das Nenas na Ciencia, e a guía publicarase o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

A actual guía pode atoparse aquí: https://izi.travel/en/c824-iau-100-las-mujeres-sostienen-la-mitad-del-cielo/es

O anuncio público está dispoñíbel aquí: https://www.facebook.com/NASE-Network-for-Astronomy-School-Education-621214461656412/

5) Acéptanse candidaturas para os Premios de Educación Astronómica

A Sociedade Astronómica do Pacífico (ASP) acepta candidaturas para dous premios en educación astronómica:

-O Premio Thomas Brennan para a excelencia en educación astronómica en secundaria

-O Premio Klumpke-Roberts para contribucións extraordinarias no coñecemento público da astronomía

As candidaturas deben recibirse antes do 1 de marzo de 2020.

Máis información e ligazóns ao novo sitio de candidaturas en liña, aquí: https://astrosociety.org/who-we-are/awards/

Grazas a Andrew Fraknoi por compartir a noticia.

6) Concurso de redacción CTEM para estudantes entre 13 e 19 anos

A rede educativa e de noticias científicas do New York Times organiza un concurso de redacción para estudantes. Os e as estudantes deben elixir un asunto ou pregunta no ámbito da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería, as matemáticas ou a saúde que lles interese e logo escribiren un texto de 500 palabras que atrape e ilumine aos lectores e lectoras. O concurso internacional remata o 3 de marzo de 2020.

Máis información e formularios de participación nesta ligazón: https://www.nytimes.com/2020/01/23/learning/stem-writing-contest-explain-a-concept-in-a-clear-engaging-way.html

7) Rede Auroras en vivo – Recurso de astronomía amadora

A rede Auroras en vivo é un detector e sistema de alerta en tempo real para auroras a través dunha rede de cámaras de ceos escuros. A app está dispoñíbel no Reino Unido e os EEUU.

Máis información: www.liveauroranetwork.com

Grazas a Steven Collins por compartir o recurso.

8) Amas as estrelas? Unha proposta única para o Día de San Valentín

Poucas vistas son máis románticas ca un ceo cheo de estrelas, mais cada vez hai menos lugares na Terra onde poidamos gozar aínda dun ceo verdadeiramente escuro e cheo de estrelas. A contaminación luminosa significa que nos arriscamos a perder un dos máis románticos espectáculos da natureza, así que este Día de San Valentín os astrónomos e as astrónomas están pedíndolle á xente que amose o seu amor polas estrelas facendo observacións da contaminación luminosa como parte do programa global Globe at Night.

Máis información, aquí: https://nationalastro.org/news/love-the-stars-astronomers-have-a-unique-suggestion-for-valentines-day/

Descubre máis sobre o Globe at Night nesta ligazón: https://www.globeatnight.org/

9) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) Encontro rexional IAU Asia-Pacífico (APRIM)
Datas: do 6 ao 10 de xullo de 2020
Lugar: Perth, Australia
Máis información: https://aprim2020.org/

b) Campamento astronómico internacional para a mocidade
Datas: do 12 de xullo ao 1 de agosto de 2020
Lugar: Baños de Montemayor, España
Máis información: www.iayc.org

c) Conferencia CAP 2020
Datas: do 21 ao 25 de setembro de 2020
Lugar: Sydney, Australia
Máis información: https://www.communicatingastronomy.org/cap2020/

d) IAUS 367: Educación e Patrimonio na Era do “Big Data” en Astronomía
Datas: do 9 ao 14 de decembro de 2020
Lugar: Bariloche, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/iaus367/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o último número do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2020!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.