Boletín IAU de divulgación da astronomía

Novembro #2

Neste boletín:

Nota editorial
Asunto destacado: Lembranza de Carolina Ödman-Govender
1) Participa na nosa enquisa sobre o boletín informativo de divulgación astronómica da IAU
2) Actas preliminares do 4º Obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación
3) Abre a canle de YouTube do Día da Astronomía nas Escolas
4) 20º Aniversario do Journal of Science Communication
5) Únete ao próximo Foro Seminario de Astronomía Cultural Aberta
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Nota editorial

Prezadas amigas, amigos e colegas,

Neste boletín lembramos a nosa querida colega, a doutora Carolina Ödman-Govender. Malia o seu falecemento, o seu legado persistirá a través da sólida base que deixou atrás. Podedes ler o asunto destacado desta edición para coñecerdes formas de lembrar a Carolina.

Unha vez máis, animámosvos a participar na enquisa do boletín informativo de divulgación astronómica da IAU, se aínda non o fixestes. Esta é a vosa oportunidade de dar forma ao futuro do boletín, e esperamos que todas as persoas aproveiten a oportunidade de expresar as súas opinións sobre como podemos mellorar.

Tamén queremos transmitir unha cordial felicitación aos nosos compañeiros do Journal of Science Communication (JCOM), que este ano celebran o seu 20 aniversario. Podedes atopar a súa edición especial máis abaixo.

Aínda que hai moitas oportunidades e recursos para aproveitar neste boletín, gustaríanos destacar unha en particular: a Bolsa de Desenvolvemento de Carreira “Out to Innovate” para estudantes de posgrao e posdoctouramento trans, intersex e non binarios. Se sodes ou coñecedes estudantes que poderían beneficiarse deste programa, difundídeo. Achégase rapidamente a data límite de presentación de solicitudes.

Moitas das nosas coordinacións nacionais de divulgación (NOC) están ocupadas cos preparativos finais de NameExoWorlds. Está a piques de chegar a data límite para construír un equipo, realizar un evento de divulgación e enviar un nome para a competición. Buscade a vosa coordinación nacional nesta ligazón para saber máis sobre como podedes participar hoxe! Grazas ás coordinacións nacionais que fan posíbeis estes e moitos outros programas da OAO.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Asunto destacado: Lembranza de Carolina Ödman-Govender

É con moita tristeza que anunciamos o falecemento da nosa compañeira e amiga Carolina Ödman-Govender. Carolina foi profesora asociada na Universidade Western Cape (UWC) e directora asociada de Desenvolvemento e Divulgación do Instituto Interuniversitario de Astronomía Intensiva de Datos en Sudáfrica (IDIA). Carolina tivo unha longa historia de servizo á divulgación e á educación da astronomía a través da IAU e fóra dela. Foi a primeira xestora de proxectos internacionais de Universe Awareness (UNAWE) na Universidade de Leiden de 2005 a 2010 e formou parte do comité organizador da Comisión C2 Comunicar Astronomía co Público.

O traballo pioneiro da doutora Ödman-Govender cambiou o panorama da divulgación, desenvolvemento e educación da astronomía, e en 2018, durante a XXX Asemblea Xeral da IAU, recibiu un premio especial da IAU para a Divulgación, Desenvolvemento e Educación da Astronomía. A presidenta da IAU, Debra Elmegreen, sinala: “Carolina foi un modelo de coraxe e resistencia, e a súa eterna boa alegría foi unha inspiración para nós”.

A nosa comunidade botará moito de menos á doutora Carolina Ödman-Govender. A súa memoria e o seu legado continuarán a través das persoas coas que contactou ao longo da súa vida.

O seu funeral tivo lugar o 20 de novembro, na compaña de familiares e xente amiga. Podedes atopar unha transmisión do servizo funerario nesta ligazón.

Facede clic aquí para ver unha mensaxe especial de amor, agradecemento e recordo do marido de Carolina, Kevin Govender (Director da Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento).

Se coñecestes a Carolina e queredes compartir as vosas lembranzas dela, podedes enviar a vosa mensaxe a celebrate.carolina@gmail.com.

1) Participa na nosa enquisa sobre o boletín informativo de divulgación astronómica da IAU

Durante anos, o Boletín de Divulgación da Astronomía da IAU tróuxoche noticias da IAU, a comunidade de divulgación astronómica, as Coordinacións Nacionais de Divulgación e oportunidades e recursos de todo o mundo. De cara ao futuro, queremos darlle forma ao boletín informativo para que sirva mellor ás nosas comunidades. Ao responderes a esta enquisa, axudarasnos a mellorar os recursos que ofrecemos. Grazas, de antemán, pola túa contribución.

2) Actas preliminares do 4º Obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación

O 4º Obradoiro de Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación xa pasou, mais aínda hai unha oportunidade de aprender dos relatorios se perdiches o evento (ou queres ver de novo algo que escoitaches). As actas preliminares do Obradoiro están dispoñíbeis en liña. Podes atopar os artigos neste sitio web.

3) Abre a canle de YouTube do Día da Astronomía nas Escolas

O Grupo de traballo Investigación e Métodos de Educación en Astronomía da IAU, baixo a Comisión C1 Educación en Astronomía e Desenvolvemento, creou unha nova canle de YouTube para o Día da Astronomía nas Escolas (AdiS, polas siglas en inglés). Podes informarte e mirar os vídeos na súa canle.

4) 20º Aniversario do Journal of Science Communication

O Journal of Science Communication (JCOM) publicou un número especial en homenaxe ao seu 20 aniversario. Este número presenta comentarios sobre a natureza e o estado da comunicación científica, as prácticas de inclusión e xustiza, a intersección da investigación, a práctica e a teoría, e as formas en que o JCOM contribuíu ao avance do campo. Para acceder a este número especial, consulta esta ligazón.

5) Únete ao próximo Foro Seminario de Astronomía Cultural Aberta

O Foro de Astronomía Cultural Aberta (OCAF, polas siglas en inglés) pon o foco nas formas en que as diversas culturas percibiron os obxectos celestes, coa esperanza de comprender mellor o papel da astronomía nas culturas e a súa influencia na astronomía actual. O próximo seminario OCAF terá lugar o 1 de decembro ás 23:00 UTC a través de Zoom. O profesor Hilding R. Neilson da Memorial University of Newfoundland & Labrador impartirá unha charla titulada “The night sky is part of the land: the ongoing colonization in astronomy research and space exploration” (“O ceo nocturno é parte da terra: a colonización en curso na investigación astronómica e a exploración espacial”). Para máis información, consulta este sitio web.

6) Novas NOC

Moitas nosas coordinacións nacionais de divulgación están ocupadas planificando e desenvolvendo eventos de divulgación para o certame NameExoWorlds 2022. Busca o equipo NOC máis próximo nesta ligazón e mira como podes participar!

a) Marrocos

O noso antigo NOC de Marrocos, Zouhair Benkhaldoun, está a axudar na planificación do Festival de Astronomía de Marrakech que terá lugar do 28 de novembro ao 3 de decembro. Infórmate na súa páxina web.

b) Haití

Un membro do equipo NOC de Haití, John Masken Larose, creou outro vídeo educativo sobre astronomía e aloxouno na súa canle de YouTube. Este último vídeo é sobre a constelación de Orión. Podes velo agora aquí.

7) Oportunidades

a) Bolsa para estudantes de posgrao e de posdoutoramento trans, intersex e non binarios

A bolsa Out to Innovate Career Development, antes coñecida como Ben Barres Fellowship, é un premio entre 2000 e 5000 dólares para o desenvolvemento profesional de estudantes de posgrao trans, intersexuais e non binarios e bolseiros posdoutorais en áreas CTEM.

A data límite para solicitala é o 2 de decembro ás 23:59 UTC-5.

Para máis información, consulte a súa páxina web.

b) Recensión do libro “Strategic Science Communication: A Guide to Setting the Right Objectives for More Effective Public Engagement”

No artigo “Balancing practice and research: a framework for strategic science communication”, a autora revisa o libro “Strategic science communication: A guide to setting the right objectives for more effective public engagement” de John Besley e Anthony Dudo. Podes ler máis sobre este libro, a comunicación científica estratéxica e como levar a investigación á práctica nesta ligazón.

c) Primeira convocatoria: Conferencia Anual AfAS 2023

A Conferencia Anual da Sociedade Astronómica Africana (AfAS) celebrarase do 13 ao 17 de marzo de 2023. A conferencia organizarase como unha reunión híbrida (en liña e presencial) en colaboración co Wits Center for Astrophysics. A sede física é o Wits Origins Center en Johannesburgo, África do Sur. Podes enviar un resumo (de tema científico ou relacionado coa educación, o desenvolvemento e a divulgación) antes do 9 de xaneiro de 2023.

Para máis información, consulta a súa páxina web.

Para inscribirte na conferencia, consulta este sitio web.

d) Hackaton de datos científicos da AfAS, DARA, OAD e IDIA

A Sociedade Astronómica Africana (AfAS), en parcería con Development in Africa with Radio Astronomy (DARA) Big Data, a Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD) e o Instituto Interuniversitario de Astronomía Intensiva en Datos (IDIA), organiza un evento presencial Hackathon de Datos Científicos na Universidade de Witwatersrand do 18 ao 20 de marzo de 2023. Poden rexistrarse no evento as persoas que estudan graos e posgraos ou son profesionais de calquera campo CTEM en toda África. A información e a inscrición para o hackathon están nesta ligazón.

e) O Foro Inaugural de Laureados de Hong Kong está a contratar novos científicos

O Hong Kong Laureate Forum (HKLF) é un programa dunha semana de duración no que as persoas seleccionadas terán a oportunidade de interactuar e compartir ideas con figuras científicas de renome mundial, entre elas as galardoadas co premio Shaw. O Foro inaugural celebrarase entre o 13 e o 18 de novembro de 2023.

A xente nova que traballa nos campos da astronomía, as matemáticas e as materias relacionadas pode presentar a súa solicitude antes do 18 de decembro ás 23:59 UTC+8.

Para saber máis, fai clic nesta ligazón. Para obter máis información sobre elixibilidade, patrocinio e inscrición, consulta este documento.

8) Recursos interesantes

a) Oportunidades e recursos de Ohana Kilo Hoku

A organización dirixida por persoas nativas hawaianas, Ohana Kilo Hōkū, ten excelentes recursos e oportunidades para profesionais da astronomía que queren facer divulgación, membros da comunidade que desexan achegarse á astronomía ou profesorado que quere incorporar a astronomía ás súas aulas. Infórmate na súa páxina web.

b) Programa “Shadow the Scientist”

Preguntácheste algunha vez como se observa o ceo nocturno na astronomía profesional? Esta é a túa oportunidade de atender unha sesión de observación de astronomía. O programa “Shadow the Scientist” permite ao público sintonizar con profesionais da astronomía que observan o Universo cos telescopios de Maunakea. Para obter máis información sobre as sesións pasadas e próximas e como participar, consulta o seu sitio web.

9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.