Boletín IAU de divulgación da astronomía

Maio #1

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Programa piloto de formación do profesorado da OAE
2) Novas do Grupo de Traballo Mulleres en Astronomía
3) Campaña de financiamento da OAD para formar estudantes de tribos como astroguías
4) Telescopios para todas as persoas 2022
5) Boletín do Día Internacional da Luz
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,
Este boletín presenta moitas excelentes oportunidades para asistir a conferencias e seminarios web, incluída a Conferencia Internacional de Astronomía Indíxena. Esperamos que asistades e aprendades deste grupo tan diverso de persoas.

Tamén temos o pracer de dar a coñecer o proxecto Telescopios para todas as persoas 2022! Este proxecto distribúe telescopios a comunidades desatendidas de todo o mundo e os proxectos gañadores de anteriores edicións fixeron unha divulgación incríbel como resultado. A data límite achégase rapidamente (1 de xuño), polo que debedes enviar as vosas solicitudes o antes posíbel.

Por último, esperamos que saquedes proveito do mes de concienciación sobre os ceos escuros e tranquilos. Ao abeiro do Día Internacional da Luz da UNESCO do 16 de maio, este proxecto crea conciencia sobre a necesidade de preservar os ceos escuros e tranquilos. Para saber máis, non deixes de ler o boletín do Día Internacional da Luz.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Programa piloto de formación do profesorado da OAE

A Oficina de Educación en Astronomía abriu unha liña de financiamento para as Coordinacións Nacionais de Educación en Astronomía (NAEC), en colaboración con profesionais locais da docencia e da astronomía. As propostas gañadoras recibirán até 2000 euros para planificar e desenvolver programas piloto de formación do profesorado. Para saber máis, consulta a súa páxina web.

2) Novas do Grupo de Traballo Mulleres en Astronomía

a) Actualización da Memoria Anual

Para leres o Informe Anual do Grupo de Traballo de Mulleres en Astronomía (WiA WG), preme nesta ligazón.

b) Participar nunha enquisa sobre o impacto da COVID-19 na carreira e a produtividade das astrónomas

Esta enquisa que leva só cinco minutos foi realizada polo WiA WG para estudar o impacto da pandemia de COVID-19 na carreira e produtividade das astrónomas. Desde xaneiro recibiron 80 respostas de astrónomas de 19 países. Para engadir a túa voz, fai clic nesta ligazón.

c) Actualización da revista ENSEMBLE

O WiA WG aínda acepta contribucións para o próximo número da revista ENSEMBLE, que se publicará en xuño.

d) Sesión de orientación do IAU WiA WG

O WiA WG invita a estudantes de doutoramento, postdoc e investigadoras a unirse á sesión de orientación do IAU WiA WG o 25 de maio de 13:30 a 15:30 CET. Esta é unha oportunidade para que as mentoras e mentoreadas se reúnan, fagan preguntas, obteñan respostas, compartan experiencias e discutan. Todas son benvidas! Para rexistrarte, segue esta ligazón.

e) Únete ao IAU WiA WG

As persoas socias da IAU de calquera xénero poden unirse á IAU WiA e ás súas actividades. Se desexas unirte ao Grupo de Traballo, envía un correo electrónico a iauwia2124@gmail.com.

3) Campaña de financiamento da OAD para formar estudantes de tribos como astroguías

A Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD) financiou recentemente un proxecto para educar en astronomía a estudantes de tribos desfavorecidas e darlles adestramento como astroguías. Este proxecto, organizado por AstronEra, iniciou agora unha campaña de financiamento para completar a subvención da OAD. Para obter máis información sobre o proxecto e como podes axudar a apoiar o seu traballo, consulta este sitio web.

4) Telescopios para todas as persoas 2022

Telescopios para todas as persoas é un proxecto liderado pola Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía (OAO), Sterren Schitteren Voor Iedereen (As estrelas brillan para todas as persoas — SSVI), Bresser e a Universidade de Leiden. O seu obxectivo é distribuír 15 telescopios a comunidades desatendidas de todo o mundo. As propostas e recomendacións deben escribirse en inglés e enviarse a través deste formulario antes das 23:59 hora local do 1 de xuño de 2022. Para obter máis información sobre o proceso de solicitude, consulta o seu sitio web.

5) Boletín do Día Internacional da Luz

Achégase o Día Internacional da Luz (IDL)! Asegúrate de consultar o último boletín informativo do equipo de IDL, que inclúe historias sobre proxectos en preparación. Podes ler e subscribirte ao seu boletín aquí, manterte ao día das novidades no seu sitio web aquí e rexistrar os teus eventos de IDL aquí.

6) Novas NOC

a) Haití

O equipo NOC Haití tomou fotos e compartiu a experiencia do halo solar coa cidadanía de Port-au-Prince, sobre a cal podes ler máis aquí. Tamén crearon tres novas entidades que traballarán para promover a astronomía en Haití: unha Rede de Clubs de Astronomía, Astronomía nas Escolas e Astronomía na Igrexa (Comunidades Relixiosas).

b) Grecia

Unha das NOC para Grecia, Margarita Metaxa, en colaboración con varias organizacións e asociacións locais, organizou unha xornada sobre preservación do ceo escuro. Para obter unha ligazón á páxina web da súa conferencia, consulta a sección Oportunidades máis abaixo.

c) Kuwait

O noso NOC Kuwait, Khaled A. Al-jamaan, deu unha conferencia no Centro Cultural Sheikh Abdullah Al Salem sobre o Calendario Hijiri, o calendario islámico que se basea nas fases da Lúa. A charla incluíu unha historia do calendario, como calcular o inicio e o final dun mes e os cálculos astronómicos implicados na formulación do calendario.

7) Oportunidades

a) Seminario web “O desafío das megaconstelacións” 7-8 de maio

Únete á Federación de Sociedades Astronómicas no seu webinar gratuíto de dous días (7-8 de maio) sobre as megaconstelacións de satélites, o seu impacto na astronomía e os seus efectos na sociedade. A inscrición está aberta a todas as persoas: profesionais da astronomía, practicantes de astronomía amadora, estudantes e docentes. Para rexistrarte, fai clic aquí.

b) Conferencia sobre Preservación de Ceos Escuros para a Sostibilidade, Observacións Astronómicas, Saúde, Ecosistemas e Cultura 16-17 de maio

Unha das NOC Grecia, en colaboración co Comité Astronómico Nacional Grego, o Instituto de Astronomía, Astrofísica, Aplicacións Espaciais e Teledetección, Philekpedeftiki Etería e a Oficina de Educación Secundaria de Β΄Atenas, organiza unha conferencia de dous días sobre preservación do ceo escuro os días 16 e 17 de maio. Para ter máis información e inscribirte, visita a súa páxina web.

c) Xa está aberta a convocatoria de propostas da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento

Xa está aberta a convocatoria de propostas de 2022 da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD). A fase 1 da convocatoria terá lugar o 31 de maio. Só un número limitado de propostas da Fase 1 serán convidadas a presentar unha proposta na Fase 2. Para obter máis información sobre o programa e os seus temas para esta convocatoria, consulta a súa páxina web.

d) Conferencia Internacional de Astronomía Indíxena 27-29 de xullo

Únete á Conferencia Internacional de Astronomía Indíxena este mes de xullo para tecer rede, aprender sobre os sistemas de coñecemento indíxena e escoitar a persoas expertas sobre o aproveitamento da astronomía indíxena para o desenvolvemento e o empoderamento social, cultural, educativo e económico. Para saber máis, preme aquí.

e) III Encontro da Noite 14 de maio

O 14 de maio terá lugar na Coruña, Galicia, a III edición do III Encontro da Noite. Esta reunión gratuíta centrarase na contaminación luminosa, a preservación do ceo escuro e a importancia dos ceos escuros. Para máis información (en galego e castelán), consulta a súa páxina web.

8) Recursos interesantes

a) Nais en astronomía [Contido en inglés]

Este libro contén historias dunha colección internacional de astrónomas nais. Con estas historias espérase amplificar as voces das nais astrónomas, concienciar sobre os retos aos que se enfrontan, destacar o impacto positivo da maternidade nas súas carreiras e crear un sentido colectivo de empoderamento. Para ler máis e descargar o libro, consulta esta páxina.

b) Relanzamento de Subaru Kids [Contido en inglés e xaponés]

O sitio para nenos e nenas do Telescopio Subaru acaba de relanzarse en inglés e en xaponés. As crianzas únense a Subby, o personaxe oficial do Telescopio Subaru, para explorar o espazo e a astronomía a través de materiais en liña, cuestionarios, vídeos e manualidades. Podes atopar máis información na súa páxina web.

c) Carteis interactivos de constelacións [Contido en portugués]

O persoal do Museu da Vida estivo traballando nun proxecto especial de elaboración de mapas interactivos das constelacións, incluídas as do pobo guaraní. Fai clic nesta ligazón para obter máis información.

9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.