Boletín IAU de divulgación da astronomía

Maio #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Anuncio de premios patrocinados pola IAU
2) Novas da Oficina IAU de Astronomía para a Educación
3) Páxina web do Día da Astronomía nas Escolas
4) Amplíase o prazo de Telescopios para todas as persoas 2022
5) Anunciados os simposios IAU de 2023
6) Convocatoria global de colaboración
7) Novas NOC
8) Oportunidades
9) Recursos interesantes
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Este boletín ofrécevos eventos de excelente ciencia e oportunidades para participar na comunicación astronómica. Por exemplo, dous dos nove Simposios da IAU anunciados para 2023 están dedicados a temas que se relacionan directamente coa misión da Oficina para a Divulgación da Astronomía, a astronomía para todas as persoas; a convocatoria de Telescopios para Todas as Persoas ampliouse para achegar máis voces da comunidade; e o Observatorio Las Cumbres busca propostas de proxectos educativos de comunidades desatendidas.

Agardamos que vos inspiren os esforzos incansábeis das nosas coordinacións nacionais de divulgación, que traballaron duro durante a celebración en maio do ceo escuro para ampliar o alcance da astronomía nas súas comunidades. Agradecémoslles todo o que fan.

De camiño ao final deste mes de concienciación sobre os ceos escuros e tranquilos, esperamos que sigades divulgando e protexendo os ceos por riba das vosas cabezas.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Anuncio de premios patrocinados pola IAU

a) Premio Gruber de Cosmoloxía

O Premio de Cosmoloxía da Fundación Gruber, copatrocinado pola IAU, recoñece figuras da ciencia cuxos descubrimentos ampliaron a nosa comprensión do Universo. O premio Gruber 2022 foi concedido a Frank Eisenhauer por desenvolver tecnoloxía que axudou a demostrar a existencia dun buraco negro no centro da nosa galaxia. Para obter máis información, consulta esta páxina.

b) Bolsas Gruber

A Fundación Gruber, en colaboración coa IAU, patrocina un programa de bolsas para xente nova e prometedora que se dedica profesionalmente á astronomía. Este ano recibiron as bolsas Itai Linial, Kunyang Li e Piyush Sharda. Para máis información sobre o seu traballo, consulta esta ligazón.

c) Premio Shaw

O Premio Shaw en Astronomía de 2022 foi concedido a Lennart Lindegren e Michael Perryman, dous astrónomos que dedicaron a súa carreira á astrometría, sobre todo nas misións Hipparcos e Gaia. Podes obter máis información aquí.

d) Premio de Doutoramento da IAU

A IAU outorga premios a estudantes de doutoramento polo traballo de tese máis importante dentro de cada división da IAU, máis un premio de doutoramento xeral. Para obter máis información sobre as persoas que gañaron os premios este ano, consulta esta ligazón.

2) Novas da Oficina IAU de Astronomía para a Educación

a) Anunciado un novo nodo OAE

A IAU anunciou unha nova sucursal da Oficina IAU de Astronomía para a Educación: o Nodo OAE Francia na Universidade CY Cergy París. A OAE céntrase na educación CTEM de estudantes de primaria e secundaria, especialmente en astronomía. Para máis información, consulta esta ligazón.

b) Obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación 2022

Convidámoste a unirte ao obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación do 15 ao 17 de novembro. O tema do obradoiro é “aproveitar o potencial da astronomía para a educación formal”. En concreto, neste obradoiro abordaranse as preguntas: Como ensinamos astronomía? Cal é o papel da astronomía na aprendizaxe da física, a química ou o cambio climático?

Para máis información sobre o obradoiro do ano pasado, consulta a súa páxina web.

3) Páxina web do Día da Astronomía nas Escolas

O subgrupo de traballo IAU Día da Astronomía nas Escolas, baixo a Comisión C1 da IAU, creou un sitio web para anunciar información sobre as actividades de astronomía nas escolas de todo o mundo. Podes explorar o sitio web aquí.

4) Amplíase o prazo de Telescopios para todas as persoas 2022

En atención ás solicitudes recibidas, amplíase até o 15 de xuño o prazo para enviar propostas para Telescopios para Todas as Persoas. Podes atopar máis información sobre o proceso de presentación aquí. Telescopios para todas as persoas distribúe telescopios entre comunidades desatendidas de todo o mundo. Acollemos con satisfacción propostas de proxectos que amplíen os horizontes das crianzas, os pais e as nais e o profesorado, para espertar o interese pola ciencia e sensibilizar sobre a igualdade de oportunidades para desenvolver unha carreira na astronomía.

5) Anunciados os simposios IAU de 2023

Os Simposios IAU pretenden avanzar significativamente nos seus campos e explorar cuestións clave a través de charlas invitadas, charlas propostas e pósters, así como os debates correspondentes. Anunciáronse os nove simposios para 2023, aos que todo o mundo está convidado a asistir. Dous simposios poden ser de especial interese para as persoas que len este boletín: “Astronomía e Constelacións de Satélites: Camiños a seguir” e “Ceo Escuro e Patrimonio Astronómico para impulsar o astroturismo en todo o planeta”. Para obter máis información, consulta o anuncio da IAU.

6) Convocatoria global de colaboración

O Observatorio de Las Cumbres ofrece 1000 horas para proxectos educativos utilizando a súa rede robótica de telescopios de 10 x 0,4 m. Todas as solicitudes de proxectos educativos son benvidas, mais recoméndanse especialmente as de comunidades desfavorecidas e do mundo en desenvolvemento. O prazo remata o 12 de xuño de 2022. Para obter máis información, consulta esta ligazón.

7) Novas NOC

a) Barbados

O noso NOC Barbados, David Marshall, realizou un evento híbrido para mostrar a eclipse total de Lúa do 15 ao 16 de maio.

b) Brunei

O noso NOC Brunei, Hazarry Haji Ali Ahmad, transmitiu en directo a ocultación lunar de Venus, visíbel no sueste asiático. Podes atopar a transmisión na súa canle de YouTube.

c) Italia

O equipo NOC Italia elaborou un informe para este trimestre, que podes consultar aquí.

d) Exipto

A nosa NOC Exipto, a doutora Somaya Saad, en colaboración co Instituto Nacional de Investigación de Astronomía e Xeofísica de Helwan, O Cairo, guiou o público nun evento de observación híbrida da eclipse lunar na madrugada do 16 de maio utilizando os telescopios do Observatorio Solar de Helwan e o Observatorio Astronómico de Kottamya. Ademais, a doutora Saad tamén ofreceu unha charla en liña polo Día Internacional da Luz titulada “A evolución da tecnoloxía da luz e o seu papel no desenvolvemento da astronomía”.

e) Etiopía

Despois da eclipse lunar, o noso NOC Etiopía, Kirubel Menberu, en asociación coa Sociedade de Ciencia Espacial Etíope (ESSS), o Instituto de Ciencias Xeoespaciais e Espaciais (SSGI) e a Universidade de Semera (SU) organizaron un evento para observar a Lúa e outros obxectos do sistema solar en Semera, Afar.

f) Kuwait

O NOC Kuwait, Khaled A. Al-jamaan, continuou este mes a súa serie de obradoiros de astronomía para crianzas cunha lección sobre as constelacións e unha actividade na que a rapazada entre os 7 e os 11 anos crearon e nomearon as súas propias constelacións.

8) Oportunidades

a) Únete ao Grupo de Traballo sobre Cambio Climático da IAU

O estudo da astronomía proporciona unha perspectiva única do Universo que destaca a fraxilidade da vida na Terra. O Grupo de Traballo da IAU sobre a Comunicación do Cambio Climático a través da Astronomía pretende utilizar esta perspectiva para poñer de relevo os problemas relacionados co cambio climático. O Grupo de Traballo está a buscar novos membros e calquera persoa pode propoñerse. Para máis información, envía un correo electrónico a public@oao.iau.org.

b) II Festival de Astronomía do INAF, “Universo atractivo”

Despois do éxito da primeira edición, o INAF organiza os días 10 e 12 de xuño de 2022 a segunda edición dun Festival de Astronomía – “Universo atractivo”- en Castellaro Lagusello, preto de Mantova, no norte de Italia. O foco central desta edición será a gravidade; o festival terá exposicións, obradoiros prácticos, proxeccións de mapas murais, películas, espectáculos, conferencias divulgativas e observacións con telescopio. Os obxectivos do festival son múltiples: promover a difusión da cultura e do coñecemento científico a través da divulgación e conectar institutos de investigación e universidades cos centros educativos e co público en xeral mediante a chamada educación entre iguais, así como potenciar a beleza da zona e os seus lugares históricos. Para máis información e imaxes da primeira edición deste festival, consulta esta ligazón.

c) Únete á comunidade de eventos globais do Día do Asteroide

Cada 30 de xuño persoas de todo o mundo organizan eventos locais para crear conciencia sobre a protección do noso planeta contra a colisión de asteroides, explorar como se poderán usar no futuro recursos dos asteroides e coñecer as orixes do sistema solar a través deles. Para obter axuda para organizar un evento, consulta este recurso (contido en inglés, español, portugués e francés).

9) Recursos interesantes

a) Nova investigación sobre ciencia cidadá nas escolas [Contido en inglés, resumo en inglés, portugués e español]

Acaba de publicarse un novo traballo titulado “Ciencia cidadá nas escolas: a importancia das relacións interpersoais”. As tres persoas que asinan o artigo dirixíronse específicamente a comunidades con baixa conciencia astronómica e demostran que as relacións interpersoais son importantes non só para os resultados das e dos estudantes senón tamén para a eficacia do proxecto de ciencia cidadá. Para lerdes o artigo, seguide esta ligazón. Hai máis información sobre o proxecto na súa páxina web.

b) Novo informe para mellorar os esforzos DEIA da NASA [Contido en inglés]

Un novo informe das Academias Nacionais de Ciencias, Enxeñaría e Medicina describe como a NASA pode mellorar para cumprir os seus obxectivos de diversidade, equidade, inclusión e accesibilidade (DEIA). Para lerdes o informe e obterdes máis información, consultade a súa páxina web.

10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.