Boletín IAU de divulgación da astronomía

Xuño #1

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Anuncio de premios patrocinados pola IAU
2) Novas de NameExoWorlds 2019
3) Oficina para a Divulgación da Astronomía – Formación co Telescopio Espacial Webb
4) Convocatoria de propostas “Baixo un mesmo ceo”: proxectos seleccionados
5) Conclusión do mes de concienciación sobre os ceos escuros e tranquilos
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Neste boletín damos conta dalgunhas colaboracións clave que se cristalizan en oportunidades para as persoas que comunican astronomía en todo o mundo. Por exemplo, a OAO estableceu unha nova colaboración coa NASA que esperamos que supoña moitas máis oportunidades para alén do programa de formación para a rede NOC, NAEC, ROADS e LOAD.

Encántanos ver o desenvolvemento dos nosos proxectos, os antigos e os novos. Malia a pandemia, seguen xurdindo novas emocionantes do certame NameExoWorlds de 2019 e ademais anunciamos as propostas aceptadas na convocatoria “Baixo un mesmo ceo”, proxectos inmensamente importantes que apoiarán e preservarán o coñecemento das comunidades locais.

Tamén neste boletín atoparás unha serie de excelentes oportunidades e recursos, entre eles o proxecto Telescopios para Todas as Persoas, cuxo prazo se prorrogou até o 15 de xuño. Aproveita (ou comparte nas túas redes) esta incríbel oportunidade!

Finalmente, queremos darlles as grazas á comunidade que traballa nas Coordinacións Nacionais de Divulgación polo seu asombroso traballo durante as dúas últimas semanas. Podes atopar unha mostra das súas actividades inspiradoras máis abaixo.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Anuncio de premios patrocinados pola IAU

a) Premio Kavli de Astrofísica

O Premio Kavli outórgase a figuras que fixeron contribucións significativas nos campos da astrofísica, a nanociencia e a neurociencia. As persoas laureadas de 2022 – Conny Aerts, Jørgen Christensen-Dalsgaard e Roger Ulrich- foron seleccionadas polo seu traballo no desenvolvemento dos métodos necesarios para estudar o interior das estrelas. Para obter máis información, visita este sitio web.

b) Premios de Divulgación, Desenvolvemento e Educación en Astronomía

En febreiro, a IAU anunciou tres novos premios en divulgación, desenvolvemento e educación en astronomía. Recentemente publicáronse os nomes das persoas gañadoras en 2022: Astronomy Picture of the Day (APOD), un sitio web creado por Robert J. Nemiroff e Jerry T. Bonnell (Divulgación); Michèle Gerbaldi (Desenvolvemento); e Rosa Doran (Educación). Os premios entregaranse na XXXI Asemblea Xeral da IAU en Busan, Corea do Sur, este agosto.

2) Novas de NameExoWorlds 2019

a) Resultados científicos sobre un sistema NameExoWorlds 2019

En 2019, como resultado da competición NameExoWorlds, Nepal nomeou unha estrela, Sagarmatha, e a súa compañeira planetaria, Laligurans. Este sistema foi máis estudiado nun traballo de investigación recente realizado por estudantes de grao. Podes atopar o texto da nota de prensa aquí e o documento aquí.

b) Benvida á gañadora de NameExoWorlds 2019 no TNG de La Palma

En 2019, Elia Ceci era unha estudante de secundaria de Italia central que suxeriu os nomes gañadores da estrela HD102195 e o seu compañeiro planetario: Phlegethon e Lethe. Aínda que en 2019 lle prometeron unha viaxe a La Palma para ser astrónoma durante dúas noites, a COVID-19 cambiou os plans. A pesar dos dous anos de atraso, esta viaxe non é menos especial. Agora estudante de astronomía na Universidade de Boloña, Elia puido observar as estrelas no telescopio máis grande de Italia, o Telescopio Nazionale Galileo. Podes saber máis sobre esta historia aquí.

3) Oficina para a Divulgación da Astronomía – Formación co Telescopio Espacial Webb

A semana pasada, a OAO asociouse coa NASA e o equipo do Telescopio Espacial James Webb para impartir dous programas de formación para as persoas que traballan nas Coordinacións Nacionais de Divulgación (NOC), Coordinacións Nacionais de Educación en Astronomía (NAEC) e as Oficinas Rexionais e Lingüísticas de Astronomía para o Desenvolvemento (R/LOADs). Ao longo das dúas sesións, tivemos 127 persoas inscritas de 67 países diferentes. Durante estes adestramentos coñeceron a ciencia do telescopio Webb e traballaron conxuntamente nunha tormenta de ideas sobre a publicación das primeiras imaxes, que terá lugar o 12 de xullo. Prestade atención a novas noticias desta colaboración.

4) Convocatoria de propostas “Baixo un mesmo ceo”: proxectos seleccionados

A convocatoria de propostas “Baixo un mesmo ceo” concedeu subvencións de até 2.000 euros a proxectos que utilicen a astronomía cultural e a súa divulgación para recoñecer o coñecemento e os sistemas de aprendizaxe indíxenas. A OAO comprácese de anunciar a selección de cinco proxectos: “Etnoastronomía guaraní no noroeste arxentino”, de Arxentina; “O ceo e o pobo de Maumere”, de Indonesia; “Arte e Cultura Indíxena Urbana” en Río de Janeiro, no Brasil; “Diálogos interculturais sobre cosmoloxía: mirando co corazón baixo un mesmo ceo”, de Colombia; e “Programa baixo o ceo de Irán”, de Irán.

5) Conclusión do mes de concienciación sobre os ceos escuros e tranquilos

En consonancia co Día Internacional da Luz da UNESCO o 16 de maio, a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía dedica todo o mes de maio á concienciación da escuridade da noite. Este proxecto divulga a necesidade de preservar os ceos escuros e tranquilos. Ao longo de maio, a xente tivo a oportunidade de coñecer a importancia dos ceos escuros para a cultura, o patrimonio e a saúde humana, así como o seu uso para a investigación astronómica. En 2022, a OAO realizou un concurso de debuxo que recibiu máis de 200 envíos, unha campaña de redes sociais e “Un Ceo, Unha Casa: Un seminario para a protección dos ceos escuros e tranquilos”. O seminario reuniu a Connie Walker, Jessica Heim, Jaroslav Merc e Sonal Asgotraa para compartiren a súa conexión co ceo escuro, a súa importancia para as culturas do mundo e o noso ecosistema global. A gravación do seminario está dispoñible aquí.

6) Novas NOC

a) NOC Exipto

A NOC Exipto, a doutora Somaya Saad, e o seu equipo involucraron crianzas locais en varias actividades diferentes no Observatorio de Kottamia a finais de maio.

b) NOC Etiopía
Un membro do equipo NOC Etiopía, Kirubel Menberu, compartiu unha serie de actividades que realizaron en abril e maio en colaboración con ESSS, incluíndo eventos de divulgación en escolas e universidades locais.

c) NOC Haití

O equipo NOC Haití e a súa Coordinación de Clubs de Astronomía mantiveron unha reunión en liña para que as persoas que lideran os clubs discutisen (en francés e crioulo) como establecer clubs orientados á ciencia. Ademais, o equipo NOC Haití, en colaboración co Club de Astronomía de Tabarre (CAT), organizará unha conferencia con motivo da celebración do Día Internacional do Asteroide. O 30 de xuño ás 19:00 EDT, organizarán unha conversa co fundador do CAT, John Masken Larose, moderada por Lydie Perpignan, a cofundadora de CAT e membro do equipo NOC Haití.

d) NOC Iraq

O noso NOC Iraq, Ali Jaber Al-Edhari, en colaboración co Departamento de Coidados Científicos e o Equipo Astronómico de Bagdad, realizou un evento para destacar a necesidade de restaurar o Planetario de Bagdad e pedirlle ao ministerio que se ocupe máis da astronomía. Ademais, despois da Sesión de Formación OAO-Webb, o NOC Iraq traduciu algúns recursos clave ao árabe. Consulte a sección de Recursos máis adiante para ver a ligazón.

e) NOC Marrocos

Coa axuda da nosa NOC Marrocos, Meriem El Yajouri,  Space Curiosities lanza unha nova serie web, Space Talk, que ten como obxectivo presentar á comunidade astronómica o anfitrión de Space Curiosities, Youssef Ait Ouarssas.

f) NOC Qatar

O noso NOC Qatar, Hani Dalee, liderou un grupo de persoas afeccionadas á astronomía para ver a chuvia de meteoros das Tau Hercúlidas. Aínda que non puideron ver moitos meteoros, colaboraron con colegas de Xordania que tiñan ceos máis despexados.

7) Oportunidades

a) Ampliación do prazo de Telescopios para Todas as Persoas: 15 de xuño

En atención ás solicitudes recibidas, amplíase até o 15 de xuño o prazo para enviar propostas para Telescopios para Todas as Persoas. Podes atopar máis información sobre o proceso de presentación aquí. Telescopios para todas as persoas distribúe telescopios entre comunidades desatendidas de todo o mundo. Acollemos con satisfacción propostas de proxectos que amplíen os horizontes das crianzas, os pais e as nais e o profesorado, para espertar o interese pola ciencia e sensibilizar sobre a igualdade de oportunidades para desenvolver unha carreira na astronomía.

b) Ciencia Cidadá coa Misión Rosetta

A ESA e Zooniverse lanzaron Rosetta Zoo, un proxecto de ciencia cidadá no que a xente pode axudar a descubrir como cambia a superficie dun cometa ao pasar preto do Sol. Rexístrate hoxe nesta ligazón e le máis sobre o proxecto aquí.

c) Anúnciase o 4º Foro SciCom do Xapón

O 4º Foro SciCom do Xapón celebrarase o 21 de outubro de 2022 na Universidade de Grao do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía de Okinawa. Nos próximos meses actualizarase a web con información relativa ao evento. Mentres tanto, se tes suxestións de temas, sesións ou conferenciantes, comparte as túas opinións con japanscicomforum@gmail.com

d) Conferencia Space4Women en agosto

O proxecto Space4Women ten como obxectivo animar as mulleres e as nenas a dedicarse á ciencia, á tecnoloxía, á enxeñaría e ás matemáticas mediante a sensibilización sobre as súas oportunidades profesionais, para destacar a importancia da igualdade de xénero e moitos máis asuntos. En agosto Space4Women manterá unha reunión para analizar, entre outras cousas, como o sector espacial pode repercutir positivamente na vida e na carreira profesional de mulleres e nenas. Presenta a túa solicitude antes do 15 de xuño para participar en debates, establecer redes, presentar e aprender doutras persoas cuxo obxectivo é capacitar as mulleres para que desenvolvan carreiras no espazo. Para obter máis información, consulta a súa páxina web.

e) REINFORCE Concurso Arte-Ciencia Xuvenil

Infraestruturas de Investigación para Cidadáns en Europa (REINFORCE, polas siglas en inglés: Research Infrastructures for Citizens in Europe) organiza un concurso xuvenil de arte e ciencia co lema “A humanidade como observadora e ouvinte do cosmos”. A peza gañadora presentarase na Noite Europea das Persoas Investigadoras 2022 no Observatorio Gravitacional Europeo, e todas as persoas finalistas poderán participar nunha visita virtual ou presencial polo EGO e as súas instalacións. Para saber máis sobre as regras e a elixibilidade, consulta o sitio web.

8) Recursos interesantes

a) Recursos do telescopio espacial James Webb traducidos ao árabe

Despois dunha sesión de formación da Oficina de Divulgación da Astronomía e dos equipos JWST, o noso NOC Iraq, Ali Jaber Al-Edhari, traduciu algúns recursos clave ao árabe. Podes atopar as imaxes nesta ligazón.

b) Ciencia do Telescopio Espacial James Webb Traducido ao castelán

Despois desa mesma sesión de formación, a Coordinadora Nacional de Educación en Astronomía (NAEC) para El Salvador, Brisa Terezón, en colaboración con colegas hispanofalantes do grupo de discusión do obradoiro, traduciu ao castelán algúns recursos básicos sobre a ciencia que hai detrás do Webb. Podes atopar o documento nesta ligazón.

c) O esforzo en comunicación científica estratéxica do Earth-Life Science Institute

O equipo de comunicación do Earth-Life Science Institute (ELSI) céntrase na comunicación científica estratéxica e baseada na evidencia. Podes ler máis sobre os esforzos de divulgación pública do ELSI nesta ligazón.

9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.