Boletín IAU de divulgación da astronomía

Decembro #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Convocatoria de propostas “Baixo un mesmo ceo”
2) Solicitudes para os premios de doutoramento IAU 2021
3) astroEDU busca redactor ou redactora xefe
4) Novas NOC: Barbados, Brunei, Perú e Indonesia
5) Artigo “A IAU e a súa evolución” en Physics Today
6) 2º Obradoiro sobre “Astronomía máis aló dos sentidos comúns para a accesibilidade”
7) Recomendación da UNESCO sobre a ciencia aberta
8) Bolsa ESA x Barbie
9) Actividades destacadas
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Co peche doutro ano extraordinario e desafiante, dedicamos un momento a darlle as grazas á nosa comunidade de divulgación astronómica polos seus continuos esforzos para axudar a pais e nais, nenos e nenas e educadoras e educadores a afrontar o impacto da pandemia. Non foi unha tarefa fácil, mais os seus esforzos achegaron a oportunidade de superarmos os obstáculos utilizando os nosos ceos compartidos e o noso amor e entusiasmo pola astronomía para, entre todas e todos, construírmos un futuro mellor.

En 2021, vimos medrar e renovarse a nosa rede IAU de Coordinación Nacional de Divulgación (NOC), que chega a 126 países con máis de 280 representantes. O seu apoio a iniciativas en liña, como charlas, encontros, obradoiros e concursos, propuxo actividades seguras durante a pandemia a fogares de todo o mundo. A segunda edición do Plan de Financiamento NOC recibiu 24 propostas nas que participaron 46 NOC e a colaboración coa rede de divulgación SKAO. O compromiso da rede NOC coa divulgación da astronomía e a súa dedicación ás súas comunidades malia afrontar numerosos desafíos é unha inspiración para nós.

Durante 2021 vimos como se desenvolveron con éxito moitos dos nosos programas IAU de divulgación global. Entre eles, “Concienciación sobre os ceos escuros e tranquilos”, “Mulleres e nenas na astronomía” e “Coñece as astrónomas e astrónomos da IAU” no que participaron máis de 200 membros da IAU. O seu interese axudou a que comunidades de todo o mundo accedesen á investigación astronómica. O programa relanzarase a principios de 2022, polo que vos convidamos a prestardes atención para obter máis información e rexistrarvos no programa.

En 2021, o calendario de divulgación da IAU compartiu uns 300 eventos. Dámoslle as grazas a todas as persoas que nos envían información e convidámosvos a compartir os vosos eventos e iniciativas connosco. O programa “Telescopios para todas as persoas”, un proxecto independente desde o centenario da IAU en colaboración con Sterren Schitteren Voor Iedereen (SSVI, As estrelas brillan para todas as persoas), recibiu 225 solicitudes de 54 países, e finalmente entregáronse 12 telescopios. En 2022 agardamos ampliar o programa, que proporciona telescopios a escolares de territorios en desenvolvemento e, para iso, agradecemos as vosas doazóns.

Lanzamos dous números da revista “Comunicar Astronomía co Público” (CAPjournal), incluída unha edición especial sobre a comunicación da astronomía co público durante a pandemia. Aceptamos envíos de resumos de forma continua, así que valorade a posibilidade de achegardes contido á nosa revista.

Por último, mais non menos importante, en 2021, lanzamos a convocatoria “Baixo un mesmo ceo”, para proxectos relacionados co Día Internacional dos Pobos Indíxenas do Mundo que conta co aval das Nacións Unidas. O prazo de envío de propostas ampliouse até o 17 de xaneiro, así que esperamos que teñades oportunidade de presentar solicitudes.

Neste último número do ano, queremos darlle as grazas ás moitas persoas que colaboran de maneira voluntaria cos nosos programas o seu compromiso e perseveranza para compartir astronomía e ciencia, aos nosos asesores e asesoras pola súa orientación e ás persoas que participaron na nosa programación. Non podemos facer estes proxectos en soidade e estamos agradecidos da vosa axuda para que a nosa programación sexa tan vibrante.

Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,

Lina Canas e Suzana Filipecki Martins, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Proxectos seleccionados para o Plan de Financiamento NOC 2020/2021

No segundo ano do Programa de Financiamento NOC da IAU, a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía (OAO) seleccionou tres proxectos nos que participaban NOCs de 17 países. Son: “A arte da astronomía”, un proxecto que recoñece a influencia da astronomía na arte; “Amanar: Baixo o mesmo ceo – Programa de verán 2021”, destinado a expandir Amanar, un proxecto que utiliza a astronomía para empoderar e inspirar a comunidade saharauí dos campos de refuxiados preto de Tinduf, Alxeria; e “AstroGPS para o mundo”, un proxecto que se basea nun servizo cómodo para as persoas usuarias e exitoso, e amplíao en beneficio da comunidade global.

Podes ler máis información sobre os proxectos premiados aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann21035/

2) Xornada de Comunicación da Astronomía con Récord de Asistencia Virtual

Entre o 24 e o 27 de maio de 2021 tivo lugar a 9ª Conferencia Comunicar Astronomía co Público (CAP), coorganizada pola Comisión C2 da IAU — Comunicar Astronomía co Público e a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía (OAO). A primeira edición virtual, #VirtualCAP2021, foi a conferencia CAP máis grande até a data, con máis de 1200 participantes de 84 países. Organizada baixo o lema “Comunicar a astronomía co público na era das crises globais”, a conferencia recoñeceu os desafíos aos que se enfrontou (e segue a afrontar) a nosa comunidade durante a pandemia e promoveu os diversos xeitos en que a nosa comunidade se adaptou.

O Programa Científico da conferencia estivo dirixido polo Grupo de Traballo da Conferencia C2 CAP. #VirtualCAP2021 recibiu un xeneroso apoio da Fundación Kavli.

Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann21033/

3) Convocatoria de propostas “Baixo un mesmo ceo”: prazo prorrogado até o 17 de xaneiro de 2022

A convocatoria “Baixo un mesmo ceo” concederá subvencións de até 2000 euros para apoiar proxectos arredor do Día Internacional dos Pobos Indíxenas que se celebra o 9 de agosto de 2022 co aval das Nacións Unidas. Os proxectos deben utilizar a astronomía cultural, a divulgación e a comunicación da astronomía para recoñecer o coñecemento indíxena e respectar os seus sistemas de aprendizaxe cun enfoque baseado no dereito á aprendizaxe indíxena.

Boas novas! Ampliamos o prazo para a convocatoria de propostas até o 17 de xaneiro de 2022 ás 23:59 na túa hora local. Isto dávos dúas semanas extra para preparar e enviar a vosa proposta.

Para enviar a vosa proposta e obter máis información: https://www.iau.org/public/oao/under-one-sky/

4) Proxectos gañadores de “Telescopios para todas as persoas 2021”

O programa Telescopes for All, unha parzaría entre a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía, Sterren Schitteren voor Iedereen (As estrelas brillan para todas as persoas – SSVI) e a Universidade de Leiden/Universe Awareness (UNAWE), distribúe telescopios a comunidades desfavorecidas de todo o mundo. A edición de 2021 rexistrou un récord de solicitudes, con 225 entradas de 54 países. As propostas seleccionadas achegarán telescopios ás comunidades socialmente desfavorecidas de Polonia; axudarán a tratar as disparidades educativas e mellorar o acceso ás CTEM para mulleres e nenas en Botswana e Mauricio; ou chegarán ás zonas rurais de Malaisia e os campos de refuxiados en Xordania, por citar algúns exemplos.

Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann21030/

5) 100 horas de astronomía, edición 2021

100 horas de astronomía é unha celebración continuada de 100 horas, as 24 horas do día e en todo o mundo, que inclúe unha ampla gama de actividades de divulgación da astronomía para que tantas persoas como sexa posíbel, desde nenos e nenas até persoas maiores, se acheguen ao ceo e adquiran unha comprensión básica da nosa contorna astronómica. En 2021 realizáronse máis de 150 actividades rexistradas en máis de 60 países co tema “Xuntas e xuntos baixo un mesmo ceo”. Stars Shine for Everyone (SSVI) e a Universidade de Leiden doaron 10 telescopios Bresser a grupos de divulgación cuxas actividades demostraron creatividade para achegarse ás súas comunidades. Tamén se doaron premios aos primeiros 100 eventos rexistrados.

Máis información sobre este proxecto, aquí: https://www.iau.org/public/oao/100-hours-of-astronomy/

6) A IAU emprende unha nova colaboración con estudantes de Física

En maio de 2021 a Asociación Internacional de Estudantes de Física (IAPS) e a Unión Astronómica Internacional (IAU) a través da súa Oficina de Divulgación Astronómica (OAO) e a División C de Educación, Patrimonio e Divulgación asinaron un memorando de entendemento para potenciar aínda máis a súa cooperación. O memorando de entendemento describe aspectos da colaboración entre as dúas organizacións en áreas de interese mutuo, como a organización de sesións nas respectivas conferencias de cada entidade, a participación en actividades de divulgación conxuntas e accións de educación astronómica para promover a participación da mocidade en CTEM e traballaren xuntas en cuestións como a diversidade e a inclusión.

Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann21030/

7) Gañadoras e gañadores dos premios Astronomy@Home

Os premios Astronomy@Home 2020 recoñeceron os esforzos incríbeis e inspiradores realizados durante a pandemia por profesionais da divulgación. Entre os máis de 400 eventos presentados, os 50 seleccionados, de 31 países diferentes, presentaron actividades en liña orixinais, atractivas, divertidas e educativas que axudaron o público a afrontar o tempo prolongado que pasaba no interior da casa e a manter as súas comunidades ocupadas, entretidas e, sobre todo, comprometidas coa ciencia e a astronomía. Os proxectos gañadores son: O espazo no teu salón! (Holanda) e Perseguindo o Sol por todo o mundo (India) como evento máis innovador; Phoenix Science Club (India) e Sociedade Astronómica Polaca (Polonia) polo maior número de eventos rexistrados; e “Crosswords, Science Fiction, and Other Initiatives” (India) e Club de Audio-Lectura “El Universo del Principito” (Chile) pola súa capacidade de envolver as súas comunidades.

Podes ler o anuncio completo aquí: https://www.iau.org/public/iauoutreachaward/

8) Revista CAP en 2021

En 2021 publicáronse dous números da revista Comunicar Astronomía co Público (CAPjournal). Lanzado en marzo, o número 29 incluía información sobre proxectos de divulgación da ciencia cidadá e da astronomía en todo o mundo, incluíndo artigos de CosmoQuest e FOKALIS JATIM sobre as súas iniciativas de ciencia cidadá. O número 30 do CAPjournal publicouse en novembro, baixo o lema “Comunicación da astronomía en tempo de confinamento”. Incluía os artigos “Que facer en tempos extremos? Unha análise das accións de comunicación astronómica en Brasil durante a pandemia de COVID-19” e “Abrazar a comunicación virtual inducida pola pandemia de COVID-19 para axudar a afrontar a crise climática”, entre outras.

Podes descargar estes números e todos os outros de CAPjournal no sitio we: https://www.capjournal.org/issues/index.php

9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado): https://sdas.wh.sdu.edu.cn/info/1657/1261.htm
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: https://docs.google.com/document/d/1yko0aYt8OMK9g8KDA_m1hq5ik5xVEEI1UE7Y2GhGl70/edit#heading=h.kecmyoqyl8e9
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de noticias sobre divulgación astronómica en todo o mundo para incluílas no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.