Charla de Martin Pawley: “A contaminación luminosa contada a través do cinema”

Charla de Martin Pawley: “A contaminación luminosa contada a través do cinema”

Que: Non hai asunto que non poida ser tratado á luz do cinema, a arte popular por excelencia do século XX. A astronomía, por exemplo, ten unha ligazón estreita co cinema e os fenómenos e corpos celestes teñen presenza habitual nas películas. Os filmes tamén nos serven para falar da contaminación luminosa, un enorme problema ambiental global que ademais arrasa co inmenso patrimonio cultural asociado á noite e ten repercusións na saúde pública. Nesta conferencia exploraremos todas estas cuestións a través da súa presenza, ás veces inesperada, en títulos lendarios da historia do cinema.

Quen: Martin Pawley (A Coruña, Galicia, 1974) escribe sobre cinema (Caimán Cuadernos de Cine, Nós Diario, blog Acto de primavera ou nos libros colectivos “Reframing Portuguese Cinema in the 21st Century” e “Qué será del cine”), programou ciclos e seccións de festivais e produciu o filme “Costa da Morte” (Lois Patiño, 2013), que se presentou en máis de 50 festivais internacionais. Foi xurado en festivais de cinema coma o Curtas de Vila do Conde, BAFICI, Festival dei Pópoli, FIC Valdivia, FCAT ou Filmadrid, entre outros. Como divulgador científico especializado en astronomía, colabora desde 2015 cada fin de semana no programa “Con voz” de Radiovoz e mantén dende 2019 unha columna mensual sobre contaminación luminosa na revista “Astronomía”. É socio dende 2002 da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e coordina nela os grupos de traballo sobre contaminación luminosa e diversidade.

Onde: Planetario da Casa das Ciencias (Parque de Santa Margarida, s/n, A Coruña)

Cando: xoves 29 de decembro ás 19:30