Os Museos Científicos Coruñeses veñen de anunciar o fallo dos premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación 2020. Na categoría de “proxecto singular” obtivo unha mención honorífica a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío pola campaña “Estrela Rosalía”. O xurado estivo presidido por Pilar Perla, coordinadora do suplemento Tercer Milenio do Heraldo de Aragón e das Xornadas de Divulgación Innovadora D+i, e composto ademais por Lucas Sánchez Sampedro (director de Scienseed), Laura Chaparro Domínguez (xornalista científica), Susana Ladra González (profesora da UDC), Joana Cristina Silva Magalhaes (investigadora do INIBIC e comunicadora científica) e David Ballesteros (divulgador científico, responsable creativo en Ceo Aberto SL). Na acta o xurado recoñece a campaña Estrela Rosalía polo «seu grande impacto nos medios de comunicación, a súa orixinalidade e conseguir que o entusiasmo dunha iniciativa popular puxera no firmamento o nome da escritora galega máis universal».
Compartimos a nosa ledicia coa Fundación Rosalía de Castro e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, parceiros nosos na campaña, e con todas as persoas que axudastes a difundila e a conseguirmos unha estrela para Rosalía de Castro. E recordade que a divulgación da cultura científica non se detén e que todos os materiais de campaña están dispoñíbeis, tanto en versión dixital como en formato físico.