O próximo sábado 20 de maio a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío organiza a cuarta edición do Encontro da Noite, unha xornada divulgativa sobre contaminación luminosa, protección da noite e posta en valor da paisaxe nocturna. A actividade conta co apoio do Concello da Coruña a través dos Museos Científicos Coruñeses e ten como escenario principal a Sala Leonardo da Vinci da Domus (Rúa Ángel Rebollo, 91, A Coruña).
Para abrir a xornada ás 11:00 Sergio París Gómez, ornitólogo, técnico e educador ambiental do CEIDA, onde coordina o proxecto “Aves ártabras”, impartirá unha comunicación co título “Non vaias cara a luz, cincenta. O impacto da contaminación lumínica nas aves mariñas”. As pardelas e os paíños son aves mariñas presentes como reprodutoras nun reducido número de illotes galegos e forman parte do grupo de aves máis ameazado do planeta. De hábitos moi oceánicos e moi vulnerábeis en terra, entre as ameazas que afectan á súa conservación atópase a contaminación luminosa, debido á atracción que a iluminación artificial da costa provoca cada ano en centos de polos recén emancipados, o que afecta a súa supervivencia. O CEIDA iniciou en 2022 unha campaña de concienciación sobre esta problemática nas vilas costeiras de Galicia.
“Criaturas nocturnas: el origen ancestral de nuestra fascinación por los búhos” é o título da palestra que impartirá ás 12:00 o Profesor de Investigación do CSIC na Estación Biolóxica de Doñana Juan José Negro, que investigou, entre outras cousas, os efectos da contaminación luminosa sobre a biodiversidade e traballou con aves nocturnas coma os bufos e as avenoiteiras. A relación dos humanos modernos cos bufos, as aves nocturnas por excelencia, é de amor-odio. Hai culturas nas que os bufos son criaturas de mal agoiro, aínda que nas sociedades occidentais reconciliámonos con eles e, en xeral, hai un grande aprezo por estas aves dende a infancia. En realidade, os humanos tivemos relación coas aves nocturnas dende a prehistoria. Os primeiros gravados de bufos en covas datan de hai 30000 anos e en Iberia, na Idade do Cobre, graváronse misteriosas lousas con figuras de bufos. Máis adiante, o bufo forma parte integral das cultural grecorromanas e é representado en moedas e na iconografía. Este tránsito dos bufos pola nosa cultura derivou mesmo na “ululofilia”, que ten hoxe a súa máxima expresión no coleccionismo da figuras de bufo.
A sesión da mañá rematará ás 13:00 coa intervención da experta en literatura infantil e xuvenil, mestra xubilada, crítica literaria e tradutora María Xesús Fernández, que na conferencia “As letras da noite” exporá unhas breves reflexións, a xeito de sutís pinceladas, sobre unha relación que forma parte da cultura universal: a longa e estreita complicidade entre a literatura, tanto a culta como a popular, e a noite.
A sesión de tarde comezará ás 17:15 coa intervención do pintor e ilustrador Xosé Cobas, que baixo o título “A noite no meu imaxinario” fará un percorrido persoal polos escenarios da noite en momentos puntuais da súa vida e como estes forneceron unha parte do seu imaxinario. Nese imaxinario aparece a noite con matices diferenciadores e percepcións distintas: as noites da infancia, as da adolescencia, as da madurez. Nunha linguaxe sinestésica serían noites cromáticas, dende os laranxas e os azuis até os negros máis profundos.
Ás 18:15 é a quenda da investigadora postdoutoral de CIBERFES no Laboratorio de Cronobioloxía da Universidad de Murcia María Ángeles Bonmatí, que presentará o seu libro “Que nada te quite el sueño”, publicado en marzo por Editorial Crítica. No libro, a autora debulla a presenza do sono na arte, cóntanos como dormen outros animais e explica que ocorre no noso cerebro mentres durmimos. Tamén indaga nos cambios que experimenta o sono ao longo da vida e nas alteracións que nos impiden durmir o suficiente, para poñer o foco na inmensa importancia que o sono (e soñar) ten para a nosa saúde e benestar.
Completaremos a xornada na Domus ás 19:15 coa participación do escritor e deputado na Assembleia da República Rui Lage. Na súa palestra “Poética do firmamento” explorará a dimensión poética que hai na física do ceo nocturno arredor do seu libro “Firmamento” e doutros libros e poemas sobre a noite e o cosmos.
Pola tarde haberá na Domus un posto da libraría coruñesa Azeta no cal se poderán adquirir exemplares dos libros presentados e tratados na xornada. Todas as charlas serán de entrada libre até completar a capacidade do recinto.
Para rematar a xornada faremos un paseo para observar insectos nocturnos en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat. Esta actividade en concreto ten prazas limitadas e requirirá inscrición previa o xoves 18 de maio. Máis información, aquí.
O IV Encontro da Noite ten, ademais, unha actividade previa a maneira de prólogo: a proxección do documental “Northern Nights, Starry Skies” en versión orixinal con subtítulos en galego. Esta proxección terá lugar o martes 16 de maio, Día Internacional da Luz, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, ás 19:30.