A conferencia, que se enmarca dentro do ciclo “Coruña Científica”, será impartida por Xabier Pérez Couto, investigador predoutoral no Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e socio da Agrupación Ío, 

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses e o Concello da Coruña, organiza para o xoves 28 de decembro ás 19:30 unha conferencia que, co título “Mecánica celeste: de Newton á Teoría do Caos”, fará un percorrido histórico de como evolucionou a mecánica celeste até a actualidade.

Hai xa máis de tres séculos que Isaac Newton demostrou como, a partir da lei da gravitación universal, podemos comprender e predicir moi fácilmente a órbita da Terra arredor do Sol. Porén, xurdiulle un gran desafío: que acontece cando no canto de dous corpos en órbita, teño tres, como a Lúa? Este problema, coñecido formalmente como o Problema dos Tres Corpos, é tan complexo que o propio Newton morreu sen resolvelo. A resposta ao enigma aparecería dous séculos máis tarde da man de Henri Poincaré, un matemático que sentaría as bases da Teoría do Caos aplicada á mecánica celeste a comezos do s. XX. Hoxe, o Caos enriqueceu a nosa comprensión da dinámica da natureza e estendeu a súa influencia máis aló da astronomía a áreas tan diversas como a meteoroloxía e a ecoloxía.

A actividade é aberta e gratuíta até completar a capacidade da sala e non require inscrición previa. As entradas empezarán a repartirse a partir das 19:15 na entrada da Casa das Ciencias. Polo contido científico da charla, non está recomendada para persoas menores de 14 anos.