-A iniciativa irá acompañada de varios actos en recoñecemento á astrónoma galega, primeira muller en defender unha tese de astronomía en España.

O grupo de traballo Muller e Astronomía da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío presentou o mércores 9 de febreiro de 2022 no Rexistro Municipal á atención da Comisión de Honras e Distincións do Concello da Coruña a solicitude de nomeamento dun espazo público no termo municipal (rúa, praza…) co nome Antonia Ferrín Moreiras.

Antonia foi unha muller pioneira e extraordinariamente notable: estudou, ensinou, investigou e traballou incansablemente nunha sociedade e nunha época onde as mulleres tiñan difícil realizar actividades fóra da casa. En 1963 defendeu a primeira tese de doutoramento sobre astronomía que se leu en Galicia, converténdose así mesmo na primeira muller en facelo en España.

Esta iniciativa pretende rememorar e homenaxear a unha astrónoma esquecida no acervo popular, a súa inclusión no rueiro municipal é un acto de xustiza e reparación que axuda a visibilizar figuras e referentes femininos (datos de 2018 sinalan que menos do 5% das rúas coruñesas teñen nome de muller).

Complementariamente a esta proposta a Agrupación Ío organiza outros actos para a divulgación da astronomía e a participación cidadá en torno á figura de Antonia Ferrín:

-Inauguración dunha nova sección na páxina web da entidade con información e acceso a recursos sobre Antonia Ferrín Moreiras;

-Charlas abertas ao público, como a primeira edición de Groliños de estrelas: pequenas microcharlas sobre mulleres pioneiras que inclúen a figura de Antonia Ferrín (venres 11 de febreiro ás 20:00h no Ateneo da Coruña);

-Charlas en centros de ensino para alumnado de educación secundaria (máis información: muller@agrupacionio.com);

Campaña na plataforma change.org para que a cidadanía poida colaborar na petición dunha rúa para Antonia Ferrín Moreiras

-Campaña de apoio en redes sociais. Podes utilizar estas imaxes para adaptar o teu perfil e/ou difundir a campaña.