A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia cunha nova iniciativa para divulgar astronomía: Groliños de estrelas

O venres 11 de febreiro ás 20:00h no bar cultural Ateneo terá lugar a primeira charla do proxecto Groliños de Estrelas baixo o título: Mulleres Pioneiras.

  

Groliños de estrelas: astronomía contada en pequenas doses e boa compaña” é unha iniciativa da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío para levar a divulgación da astronomía aos bares e cafeterías, nun formato de pequenas charlas arredor dun mesmo tema.

Esta primeira edición celebrarase o venres 11 de febreiro de 2022 ás 20:00h no Ateneo Bar Cultural da Coruña (Reverendo Padre José Álvarez Cabeza, 1 baixo, 15011, A Coruña). Serán 5 pequenas charlas (5-10 minutos) sobre Mulleres Pioneiras na astronomía.

Nesta primeira ocasión a charla a desenvolve un dos grupos de traballo da entidade, o GT Muller e Astronomía, que ten como obxectivo visibilizar o papel da muller na astronomía e na divulgación da astronomía. Na charla participarán Nuria Richer, Paula Neira, Lorena Casete, Iago Varela e Carmen Denébola, cun repaso a referentes femininos no ámbito da astronomía, tanto profesionais como personaxes da ficción infantil e xuvenil que amosan paixón pola ciencia e o coñecemento; así como anécdotas de discriminación que fannos poñer na súa pel.

Esta actividade ten lugar polo Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha celebración impulsada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas dende 2015 para conmemorar e recoñecer a traxectoria de todas aquelas mulleres que teñen contribuído ao avance da ciencia e a tecnoloxía e cuxa historia moitas veces ten quedado no esquecemento.

A actividade é de libre acceso ata completar aforo do local, é imprescindible o emprego de máscara e o cumprimento da normativa vixente en relación á COVID-19.