Duns anos para acó a contaminación luminosa deixou de ser unha queixa minoritaria das persoas que dedicamos tempo á astronomía para converterse nunha moi seria preocupación global. Logo de xa varias décadas de estudo dos efectos da luz artificial pola noite hai un amplísimo consenso científico sobre o seu impacto negativo na natureza. A luz artificial acaba coa clara diferenciación entre o día luminoso e a noite escura, características esenciais do noso planeta, inherentes aos seus movementos. Facer desaparecer a escuridade é unha pésima idea: a luz artificial pola noite mata. Provoca millóns de mortes de paxaros por choques contra edificios iluminados, dificulta as migracións nocturnas, a miúdo con consecuencias fatais, altera os procesos reprodutivos e de predación de moitas especies, prexudica as poboacións de insectos, decisivas para a supervivencia da vida na Terra… E o efecto non é só local, na proximidade das fontes de luz, pois esta propágase grandes distancias e por iso a pésima iluminación das vilas e cidades galegas afecta ecosistemas a ducias de quilómetros. Minimizar os perigos da contaminación luminosa é hoxe equivalente a negar o quecemento debido ao efecto invernadoiro ou a perda de biodiversidade: un puro exercicio de negacionismo criminal. Por se isto fose pouco, hai tamén un crecente corpo de evidencias científicas sobre o papel da luz pola noite na saúde humana provocando ou agravando diversas patoloxías, entre elas algúns tipos de cancro.

Asumirmos que a luz artificial é un axente contaminante máis é o primeiro paso para poñerlle remedio ao problema. E o remedio é sinxelo, consiste en empregarmos só a cantidade de luz xusta para as actividades humanas, e só cando é preciso e onde é preciso. A principal organización do mundo na loita contra a contaminación luminosa, a International Dark-Sky Association, produciu un vídeo divulgativo, “Losing the Dark”, que desde 2016 conta con versión en galego, “A perda da escuridade”, promovida pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío coa colaboración da xornalista Belén Regueira como narradora. O código QR da imaxe pequena lévavos directamente a esta curta documental. No web da Agrupación Ío temos unha sección sobre contaminación luminosa con outros recursos valiosos, como o caderno “Devolvámoslle a Galicia a Vía Láctea”, coescrito por Salva Bará, Ana Ulla e o autor deste texto. Ademais, a Agrupación Ío produciu unha exposición, “A contaminación luminosa: depende de nós”, que desde 2017 visitou máis de trinta espazos, incluído o parlamento galego. Calquera entidade ou institución que desexe exhibir estes paneis informativos pode contactar co grupo de traballo específico da agrupación a través do correo electrónico cl@agrupacionio.com, que está aberto tamén para consultas ou propostas relacionadas con este problema.

O mapa representa o ceo do país ás 00:00 do domingo 9 de maio, a medianoite civil, afastada dúas horas e media do verdadeiro centro da noite. En todas as cartas celestes, e esta non é unha excepción, o tamaño dos puntos que sinalan as estrelas é unha referencia do brillo aparente destas. Así, os puntos gordos correspóndense coas estrelas máis brillantes e os finos coas estrelas que o son menos. Convén recordar que o brillo aparente dunha estrela vista desde a Terra depende de dous factores: o brillo propio da estrela e a distancia á que se atopa de nós. Unha estrela pode parecernos rechamante no noso ceo porque aínda non sendo especialmente luminosa está relativamente perto do noso planeta, como é o caso de Procyon, no Can Menor, que é algo máis grande ca o Sol mais está a once anos luz de distancia. Porén, Rigel, na constelación de Orión, é un pouco máis brillante ca Procyon mais está setenta e cinco veces máis lonxe, e iso revélanos que a súa luminosidade intrínseca ten que ser inmensa, moitos miles de veces maior ca a do Sol.