Boletín IAU de divulgación da astronomía

Outubro #1

Neste boletín:

Nota editorial
Asunto destacado: as Coordinacións Nacionais de Divulgación (NOC) durante as 100 Horas de Astronomía
1) Publicación da séptima edición de IAU Catalyst
2) Primeiro anuncio: APRIM 2023
3) Inscrición aberta: MEARIM VI
4) Amplíase o prazo de NameExoWorlds 2022
5) Lanzamento de Falling Walls Engage Hub Japan
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Nota editorial

Prezadas amigas, amigos e colegas,

Neste boletín dámoslles as grazas e os parabéns ás Coordinacións Nacionais de Divulgación que participaron na actividade “100 Horas de Astronomía” a principios deste mes. Podes atopar todas as súas incríbeis contribucións no asunto destacado ao inicio deste boletín. Algúns equipos NOC fixeron contribucións adicionais á comunicación astronómica nas súas comunidades. Non perdas ningunha das súas novas.

O boletín trae moitos anuncios de conferencias e simposios, tanto para a comunidade da IAU como para a comunidade de persoas que comunican e investigan en astronomía en xeral. En particular, se queres saber máis sobre a Asemblea Xeral da IAU que tivo lugar en Busan o pasado agosto, non perdas a última edición de IAU Catalyst.

Hai dúas convocatorias especialmente interesantes: tes a oportunidade de nomear unha investigadora que se atope no inicio da súa carreira para o Premio Mulleres en Astronomía en África, e podes unirte ao debate sobre como usar a sonificación como ferramenta tanto na comunicación como na investigación. Tes máis información na sección de Oportunidades.

Por último, espero que toda a xente estea contenta de saber que o prazo para NameExoWorlds 2022 se ampliou até o 11 de decembro. Máis adiante tes máis información.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Asunto destacado: as Coordinacións Nacionais de Divulgación (NOC) durante as 100 Horas de Astronomía

Do 1 ao 4 de outubro de 2022 a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía promoveu unha celebración mundial da astronomía de forma continua durante cen horas. Este evento estivo aberto a toda a xente en todo o mundo coa esperanza de involucrar o maior número posíbel de persoas co ceo e as marabillas do Universo. Na edición de 2022 rexistráronse 197 actividades en 55 países. A OAO quere agradecer a todas as persoas que organizaron e desenvolveron as actividades.

A nosa rede NOC liderou o esforzo de envolver as súas comunidades durante estas cen horas. A seguinte listaxe destaca as inestimábeis contribucións dos nosos equipos:

-O equipo NOC da Arxentina organizou unha noite de observación no Observatorio Astronómico da Universidade Nacional de Córdoba.

-A nosa NOC de Bahrein, Myriam Alqassab, organizou unha noite especial de observación das estrelas chea de actividades divertidas.

-A NOC de Bolivia, Paola Daniela Ochoa Paniagua, organizou un mes cheo de actividades astronómicas.

-O NOC da República Dominicana, Manuel Grullon, organizou actividades no Colexio Don Bosco de Santo Domingo.

-A nosa NOC de Exipto, Somaya Saad, presentou a “Historia da Astronomía en Exipto: Quinto milenio a.n.e.”.

-O equipo NOC de Etiopía acolleu varias actividades de participación pública inspiradoras e educadoras.

-O equipo NOC de Haití organizou actividades en liña, incluíndo un obradoiro sobre o uso da aplicación Stellarium.

-O noso NOC de Hong Kong-China, Kam Cheung Leung, organizou un obradoiro en liña sobre o uso de bloques de construción como ferramentas educativas.

-O NOC de Iraq, Ali Jaber Al-Edhari, organizou varias actividades presenciais, incluíndo festas de observación das estrelas.

-O NOC de Israel, Igal Pat-El, organizou unha festa de observación das estrelas e outras actividades.

-O NOC de Kuwait, Khaled A Aljamaan, realizou unha sesión de observación no Centro Cultural Sheikh Abdullah Al Salem.

-O NOC de Libia, Amjed Khurwat, realizou unha sesión virtual na que anunciamos a participación de Libia na competición NameExoWorlds2022.

-O NOC de Palestina, Dawoud Tarawa, organizou un campamento de astronomía.

-A nosa NOC de Filipinas, MA. Rosario C. Ramos, realizou actividades presenciais e en liña, entre elas na escola de primaria Gulod Malaya, en San Mate.

-O NOC de Qatar, Hani Dalee, realizou unha sesión de adestramento para a competición NameExoWorlds.

-A nosa NOC de Senegal, Salma Sylla, realizou un obradoiro en liña sobre ExoPlanets e a competición NameExoWorlds.

-Anna S. Arnadottir, membro do Comité NOC de Suecia, organizou unha noite especial no Planetario da Universidade de Lund.

-O NOC de Siria, Mohamad Alassiry, organizou máis de 10 actividades en todo o país.

A OAO tamén quere felicitar ao equipo NAEC de Turquía pola súa festa de observación das estrelas e o NAEC de Romanía, que traballou en estreita colaboración co profesorado para a realización de máis de 30 actividades. Ademais, parabéns a NASE+ polo seu seminario, que tivo lugar durante a cerimonia de Bridges Between Cultures, Ciencia en Acción.

1) Publicación da séptima edición de IAU Catalyst

Buscas unha boa lectura? O sétimo número de IAU Catalyst presenta artigos sobre a XXXI Asemblea Xeral da IAU en Busan. Podes ler o discurso da presidenta da IAU, Debra Elmegreen, sobre os resultados da asemblea, unha visión xeral da organización da conferencia do presidente do Comité Organizador Nacional, Hyesung Kang, un avance de Vanessa McBride sobre os emocionantes preparativos para a próxima Asemblea Xeral en Sudáfrica en 2024, e moitas cousas máis! Podes lelo aquí.

2) Primeiro anuncio: APRIM 2023

Apunta a data! A reunión rexional híbrida de Asia-Pacífico da IAU (APRIM 2023) terá lugar de forma presencial en Koriyama (Xapón) e en liña do 7 ao 11 de agosto de 2023. APRIM é unha das maiores reunións rexionais da IAU para discutir intereses científicos comúns na rexión Asia-Pacífico e contribuír ao avance da astronomía a nivel internacional. Para máis información, consulta a súa páxina web.

3) Inscrición aberta: MEARIM VI

Xa está aberta a inscrición para a sexta asemblea da reunión rexional da IAU de Oriente Medio e África (MEARIM), que terá lugar de forma presencial no Cairo, Exipto, do 13 ao 16 de febreiro de 2023. O obxectivo desta reunión é reunir persoas que se dedican á astronomía, tanto a observacional como a teórica, e as ciencias do espazo para investigar as vías interdisciplinares nestes campos. Para rexistrarte neste evento, consulta a súa páxina web.

4) Amplíase o prazo de NameExoWorlds 2022

Para celebrar o décimo aniversario da súa Oficina para a Divulgación da Astronomía (OAO), a Unión Astronómica Internacional (IAU) lanzou un concurso para nomear 20 sistemas exoplanetarios que serán observados por JWST. A competición, NameExoWorlds 2022, busca xuntar a astronomía profesional e o público xeral dándolles a oportunidade de nomear os 20 exoplanetas seleccionados xunto coas súas estrelas anfitrioas. O prazo para enviar suxestións de nomes ampliouse até o 11 de decembro de 2022. Para saber máis: https://www.nameexoworlds.iau.org/

5) Lanzamento de Falling Walls Engage Hub Japan

“Falling Walls Engage Hub Japan” lanzarase este mes para xuntar perspectivas e prácticas xaponesas e internacionais sobre comunicación e divulgación científica. O Hub Japan está aloxado e coordinado polo Earth-Life Science Institute (ELSI) e Japan SciCom Forum (JSF) co apoio da Okinawa Institute of Science and Technology Graduate University (OIST)

O Hub Japan lanzarase cunha serie de eventos en Toquio e Okinawa do 17 ao 21 de outubro. Para máis información, consulte a súa páxina web.

6) Novas NOC

a) Francia
A nosa NOC de Francia, Miho Janvier, está a organizar unha campaña de observación solar que terá lugar do 8 de outubro ao 7 de novembro. Para obter máis información sobre como participar, consulta este sitio web.

b) Haití
O equipo NOC de Haití organizou un evento de YouTube en haitiano e francés sobre o buraco negro coñecido como “Twou nwa” en haitiano.

c) Libia
Durante a Semana Mundial do Espazo 2022, o noso NOC de Libia, Amjed Khurwat, axudou a concienciar sobre a sustentabilidade no espazo. Ademais, presentou a competición NameExoWorlds 2022 para comezar a formar equipos que competirán para nomear un exoplaneta e a súa estrela anfitrioa.

7) Oportunidades

a) As candidaturas están abertas para o Premio Mulleres en Astronomía en África 2022

A Rede Africana de Mulleres en Astronomía (AfNWA), un subcomité da Sociedade Astronómica Africana, en colaboración co Programa Internacional de Ciencia da Universidade de Uppsala, Suecia, abriu candidaturas para os premios Mulleres en Astronomía en África 2022. O obxectivo do premio é recoñecer e apoiar os logros científicos e as contribucións á sociedade das mulleres na astronomía en África. Para obter información sobre a elixibilidade e para nomear candidatas, visita este sitio web. O prazo de presentación de propostas remata o 13 de novembro de 2022.

b) Apunta a data! Anúnciase AfAS-2023

A terceira conferencia anual da Sociedade Astronómica Africana (AfAS-2023) celebrarase de maneira presencial e en liña do 13 ao 17 de marzo de 2023. Marca as datas no calendario e presta atención aos próximos anuncios!

c) Foro sobre Astronomía en África 2022

O Foro sobre Astronomía en África 2022 terá lugar en liña o 25 de outubro de 2022. O Foro está aberto a membros das comunidades da astronomía profesional e amadora, divulgación e educación e responsábeis políticos. Para rexistrarte, fai clic nesta ligazón.

d) Simposio Virtual Astronomía para o Planeta Terra

O Simposio virtual de Astronomía para o Planeta Terra de 2022 ofrecerá unha perspectiva sobre a sustentabilidade de persoas expertas na materia e ofrecerá unha plataforma de debate. O simposio estenderase do 28 de novembro ao 2 de decembro nun horario de media xornada que abarcará todos os fusos horarios. Para rexistrarte e participar no Simposio, consulta a súa páxina web.

e) UNOOSA – Sonificación: ferramenta de investigación, divulgación e inclusión nas ciencias espaciais

A Oficina das Nacións Unidas para Asuntos do Espazo Exterior (UNOOSA) organiza un evento en liña en dúas partes sobre sonificación. Debatirán sobre a sonificación como ferramenta para contribuír tanto á divulgación como á investigación astronómica. A información recollida nas mesas de debate e a comunicación coas persoas participantes alimentará un próximo informe sobre sonificación do proxecto Space for Persons with Disabilities (Espazo para as Persoas con Discapacidade). Para rexistrarte no evento deste mes de novembro, consulta esta ligazón.

8) Recursos interesantes

a) As investigacións mostran que as “habilidades suaves” son necesarias para reter mulleres no inicio das súas carreiras en CTEM

Nun estudo lonxitudinal de mulleres en bioenxeñaría ao comezo da súa carreira, o equipo investigou a importancia das “habilidades suaves”, entre elas a comunicación, o traballo en equipo e a colaboración. Descubriron que, en comparación coas que non participaron na intervención, as mulleres ao inicio da súa carreira experimentaron beneficios duradeiros nas súas carreiras (é dicir, mellores valoracións de rendemento) como resultado da súa formación en habilidades suaves. Podes ler o artigo completo aquí.

b) Como afectan os mapas de cores na percepción?

Este artigo detalla como a nosa elección dos mapas de cores pode enganar a vista e distorsionar a análise de datos, e pode resultar inaccesíbel para persoas con diversas formas de daltonismo. Podes atopar máis información aquí.

9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.