Boletín IAU de divulgación da astronomía

Decembro #2

Neste boletín:

Nota editorial
Resumo do ano:
1) Mulleres e nenas na astronomía
2) Telescopios para todas as persoas
3) Ceos escuros e tranquilos
4) Baixo un mesmo ceo
5) Coñece as persoas que fan astronomía na IAU!
6) XXXI Asemblea Xeral da IAU
7) 100 horas de astronomía
8) NameExoWorlds 2022
9) Tríptico CAP (Comunicar a Astronomía co Público)
10) Nova asociación: MOU OAO-IA
11) Traducións do boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía do inglés a outros idiomas

Nota editorial

Prezadas amigas, amigos e colegas,

Mentres rematamos as nosas celebracións do décimo aniversario, é hora de reflexionarmos sobre todas as marabillosas oportunidades que 2022 trouxo á Oficina de Divulgación da Astronomía. A nosa directora, Lina Canas, e a oficial de divulgación internacional, Suzana Filipecki Martins, contan agora co apoio de Kelly Blumenthal, a nova subdirectora da OAO. O equipo tamén se expandiu para incluír a Miho Matsumoto, que foi fundamental para afondar na nosa comprensión da comunidade da comunicación científica xaponesa, e Matipon Tangmatitham, que chegou a nós como bolseiro do Instituto Nacional de Investigación Astronómica de Tailandia.

Este ano tamén nos gustou traballar co noso Comité de Dirección para atopar un camiño a seguir que maximice o noso impacto e alcance. Seguimos dándolle as grazas ao noso Director Supervisor, Hidehiko Agata, que a través do seu continuo asesoramento e xenerosidade apoiou a Oficina durante a última década, contribuíndo ao éxito que é hoxe. Tamén gozamos do apoio inquebrantábel de Makiko Aoki e outras persoas no Observatorio Astronómico Nacional de Xapón. Sen a súa axuda, a OAO non sería o mesmo.

Ao longo de todo o ano os equipos das coordinacións nacionais de divulgación, formados por persoas voluntarias, desenvolveron programas incríbeis nas súas comunidades e compartiron o seu amor e entusiasmo pola astronomía. Tamén queremos agradecervos a vosa participación nas nosas iniciativas e contribuír así ao avance da astronomía. E, por último, queremos darlles as grazas ás persoas que traducen o boletín: o Bahrain Stargazers Astronomy Club (árabe), Chen Cao (chinés simplificado), o grupo de tradución astronómica de Haití (francés), Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (galego), Eleonora Piromalli (italiano), Akihiko Tomita (xaponés), Catarina Leote e João Ferreira (portugués) e Andrea Ahumada e Ileana Andruchow (español). Grazas polas innumerábeis horas que dedicastes a facer que este boletín sexa máis accesíbel en todo o mundo.

Grazas por facer deste ano o mellor ano que a OAO viu. Agardamos que pasedes unhas marabillosas vacacións e un feliz 2023. Desexamos seguir achegándovos o último en divulgación astronómica da IAU e máis alá!

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Mulleres e nenas na astronomía

Este ano colaboramos co Grupo de Traballo do Comité Executivo da IAU Mulleres en Astronomía para destacar as contribucións das mulleres e as nenas na astronomía. Organizamos un concurso de debuxo para representar unha astrónoma (o premio para a persoa gañadora foi un telescopio de SSVI), lanzamos unha campaña nas redes sociais e realizamos unha serie de entrevistas a unha serie de astrónomas que se identifican como mulleres. Podes ver a listaxe de entrevistas nesta ligazón. En todo o mundo, houbo máis de 250 eventos das coordinacións nacionais de divulgación (NOC) da IAU e doutras entidades, que involucraron a máis de 3.000 persoas en total.

Para máis información, consulta esta ligazón.

2) Telescopios para todas as persoas

A Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía (OAO), xunto cos nosos parceiros Stars Shine for Everyone (Sterren Schitteren voor Iedereen, SSVI) e a Universidade de Leiden, outorgaron 15 telescopios a comunidades desfavorecidas de todo o mundo no marco do proxecto “Telescopios para todas as persoas”. Este proxecto busca ampliar os horizontes das crianzas, pais e nais e persoas que se dedican á educación para espertar o interese pola ciencia e promover a igualdade de oportunidades no acceso á astronomía. Este ano recibimos 104 solicitudes de 35 países. As propostas seleccionadas achegarán telescopios a comunidades desatendidas de Puerto Rico e a pacientes con cancro infantil en Iraq; contribuirán a abordar as disparidades educativas en Chad, Bangladesh e Madagascar; e mellorarán o acceso á educación CTEAM en México e as comunidades rurais de Botswana. Cada unha das propostas gañadoras amplía o acceso e o coñecemento do público sobre a astronomía, dous dos principais obxectivos da OAO.

Para máis información, visita este sitio web.

3) Ceos escuros e tranquilos

En 2022 coordinámonos co Día Internacional da Luz, o Centro para a Protección do Ceo Escuro e Tranquilo contra a Interferencia das Constelacións de Satélites e a Comisión B7 da IAU sobre a Protección de Sitios de Observatorios Existentes e Potenciais para planificar un mes de celebración sobre os ceos escuros. Organizamos un concurso de arte no que se lle pediu ás persoas participantes que comunicaran artisticamente a súa relación co ceo e teren así a oportunidade de gañar un telescopio doado por SSVI e en paralelo realizamos unha campaña en redes sociais centrada na concienciación. Tamén celebramos un seminario que se transmitiu en directo por Zoom e YouTube que atraeu a 310 persoas en liña de todos os continentes (excepto a Antártida) e preto de 2.700 visitas até a data.

Para saber máis, consulta esta ligazón.

4) Baixo un mesmo ceo

A convocatoria da IAU “Baixo un mesmo ceo” apoiou proxectos que usan a astronomía cultural, a divulgación astronómica e a comunicación astronómica para recoñecer o coñecemento indíxena e respectar os sistemas de aprendizaxe indíxenas cun achegamento baseado nos dereitos. Este programa é un legado das celebracións IAU100 e foi posíbel grazas ao xeneroso apoio do Observatorio de Leiden e do Premio de Comunicación NWO 2020. Os cinco proxectos galardoados recibiron até 2.000 euros para desenvolver actividades durante o Día Internacional dos Pobos Indíxenas do Mundo das Nacións Unidas (9 de agosto de 2022).

Para máis información, visita este sitio web.

5) Coñece as persoas que fan astronomía na IAU!

En 2022 relanzamos o programa “Meet the IAU Astronomers”, que conecta a comunidade astronómica amadora, xente que se dedica á educación informal e profesorado con profesionais da astronomía da IAU en eventos virtuais ou presenciais. A través destes encontros, as persoas membros da IAU falan con crianzas, adultos e público en xeral sobre temas de investigación astronómica, a importancia da astronomía para a sociedade e a elección da astronomía como carreira. O programa “Meet the IAU Astronomers” ten como obxectivo que calquera comunidade poida coñecer profesionais da astronomía e compartir as marabillas do universo independentemente de onde estean no mundo.

Para saber máis, consulta esta ligazón.

6) XXXI Asemblea Xeral da IAU

Durante a Asemblea Xeral da IAU de 2022 en Busan, Corea do Sur, a OAO participou e dirixiu unha serie de eventos para involucrar xente que se dedica á comunicación da astronomía. Por exemplo, lideramos o esforzo de colaboración para crear un posto que destacou o traballo das Oficinas da IAU. Este posto serviu como eixo central da sala de exposicións da asemblea xeral: un lugar de encontro para que todas as persoas discutiran sobre o seu traballo, estableceran redes e crearan colaboracións. As sesións da OAO durante a conferencia destacaron o traballo das nosas Coordinacións Nacionais de Divulgación, e a nosa Sesión Satélite KASI-OAO centrouse na importancia da colaboración internacional para o avance da comunicación astronómica. Tamén realizamos un obradoiro sobre comunicación científica que promoveu a creación de relacións como ferramenta clave para unha comunicación científica eficaz.

Para máis información, visita este sitio web.

7) 100 horas de astronomía

Do 1 ao 4 de outubro de 2022, a Oficina da IAU para a Divulgación da Astronomía celebrou os ceos que compartimos e como nos unen a través do evento “100 horas de astronomía”. Este proxecto anima a nosa comunidade global a acoller ou participar en eventos de divulgación astronómica durante cen horas consecutivas. O obxectivo é permitir que o maior número posíbel de persoas, desde menores até anciás, participen do ceo e adquiran unha comprensión básica do noso barrio no Universo. En 2022 realizáronse 201 actividades en 55 países que reuniron a máis de 50.000 persoas.

Para saber máis, consulta esta ligazón.

8) NameExoWorlds 2022

En agosto de 2022 lanzouse o certame NameExoWorlds para celebrar o décimo aniversario da Oficina de Divulgación da Astronomía. Equipos de todo o mundo presentaron propostas para nomear un dos 20 sistemas extrasolares: un exoplaneta e a súa estrela anfitrioa. Estes 20 sistemas son especiais xa que serán dos primeiros observados por JWST, dándonos máis información sobre as condicións destes mundos. Recibimos 590 propostas de máis de 90 países. As coordinacións nacionais de divulgación reuniron paneis nacionais para seleccionar as tres principais propostas de cada país que despois se enviarán a un comité formado polo Grupo de Traballo do Comité Executivo da IAU sobre a nomenclatura do sistema exoplanetario e os equipos que descubriron eses exoplanetas. Permanecede en sintonía! As propostas gañadoras anunciaranse no primeiro trimestre de 2023.

Para máis información, visita este sitio web.

9) Tríptico CAP (Comunicar a Astronomía co Público)

a) Revista CAP

Este ano a revista Comunicar a Astronomía co Público (CAPjournal) publicou o seu número 31, que celebra o décimo aniversario da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía con artigos que abranguen unha ampla gama de temas que exemplifican a dedicación da OAO á divulgación da astronomía, a inclusión e a accesibilidade. Actualmente estamos no proceso editorial do número 32, unha edición especial sobre a Conferencia CAP 2022 que inclúe artigos dalgúns dos principais asuntos tratados na conferencia.

Para máis información, visita este sitio web.

b) Conferencia CAP 2022

Este ano tamén colaboramos coa conferencia Comunicar Astronomía co Público que tivo lugar en Sydney, Australia, no mes de setembro. Queremos darlles as grazas a todas as persoas participantes, tanto de xeito presencial como en liña, ao Comité Organizador Local e ao Comité Organizador Virtual por todo o seu esforzo para facer desta conferencia un gran éxito. Seguide as nosas novas para obter máis información sobre a próxima Conferencia CAP en 2024.

Para saber máis, consulta esta ligazón.

c) Novo Programa: Formación CAP

Este ano a Oficina para a Divulgación da Astronomía iniciou un novo proxecto, Formación en Comunicación da Astronomía co Público, que completa este tríptico CAP. Este programa naceu a partir dun proxecto conxunto da IAU-Kavli Foundation para formar profesionais da astronomía na comunicación pública. O obradoiro piloto que resultou dese proxecto utilizou a ciencia da comunicación científica para poñer o foco na construción de relacións como ferramenta para unha comunicación científica eficaz. As sesións de formación posteriores pretenden darlles ás persoas que comunican ciencia as ferramentas que necesitan para achegaren oportunidades ás súas comunidades, todo iso no marco da comunicación científica estratéxica. O próximo ano haberá moitas máis sesións de formación para a nosa familia da IAU, así que prestade atención ás novas!

10) Nova asociación: MOU OAO-IA

Este ano a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía e o Instituto de Astrofísica e Ciencias Espaciais de Portugal asinaron un memorando de entendemento para o desenvolvemento conxunto de proxectos internacionais de divulgación astronómica. Tanto o ámbito da comunicación astronómica como as persoas que traballan nel beneficiaranse desta colaboración, xa que aumentará a concienciación sobre a importancia da astronomía na educación e, de forma máis ampla, na nosa vida cotiá. Agardamos un ano proveitoso de traballo estreito co Grupo de Comunicación Científica do IA e invitamos a outros centros a tecer colaboracións formais coa OAO no futuro.

11) Traducións do boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía do inglés a outros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.