Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Xaneiro 2023 #2

Neste boletín:

Nota editorial
Asunto destacado: Convocatoria de Participación Global na Investigación sobre Educación Científica no Ensino Secundario
1) Aberto o rexistro e o envío de resumos de AstroEDU
2) Aberto o rexistro e o envío de resumos de APRIM 2023
3) Foro Aberto de Astronomía Cultural
4) Almorzo Mundial das Mulleres da IUPAC 2023
5) ET – Un xogo de aventura do sistema solar
6) A ciencia cidadá mostra a ameaza da contaminación luminosa
7) Novas NOC
8) Oportunidades
9) Recursos interesantes
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía en linguas diferentes do inglés
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Nota editorial

Prezadas amigas, amigos e colegas,

Este boletín ofrece moitas oportunidades para tecer redes, aprender e crecer. Entre elas hai diversas conferencias, tanto para a comunidade da IAU como para o público en xeral. Por exemplo, todas as persoas interesadas na educación en astronomía poden asistir e participar na Conferencia AstroEdu, un evento híbrido que terá lugar durante o segundo semestre de 2023. Un equipo de investigación do Observatorio Astronómico Nacional de Xapón (a nosa organización matriz xunto coa IAU) está a realizar investigacións sobre educación científica e busca profesionais da educación de todo o mundo para participar na súa enquisa. Os resultados serán discutidos na Conferencia AstroEdu, polo que esta é unha excelente oportunidade para verdes o impacto dos vosos esforzos!

Tamén presentamos un artigo do equipo de GlobeAtNight sobre a ameaza presente da contaminación luminosa. Aínda que os seus resultados poden ser desalentadores, e quizais metan un pouco de medo, deberían verse como unha chamada á acción para atopar novas formas de combater a contaminación luminosa nas nosas comunidades. Por exemplo, podedes asinar a petición para establecer unha lexislación uniforme sobre contaminación luminosa en Nova Zelanda (aínda que non sexas neozelandés) ou propoñerlle ao voso goberno local un cambio de política sobre contaminación luminosa. Tamén podedes participar nunha conversa global sobre o noso planeta en cambio, xunto con xente da astronomía, ecoloxismo, coñecemento indíxena e cidadanía en xeral preocupada polo mundo. Sempre hai novos camiños para abordarmos os problemas aos que se enfronta o noso planeta. Se tedes máis exemplos ou queredes compartir as vosas propias ideas, animámosvos a poñervos en contacto!

As nosas Coordinacións Nacionais de Divulgación (NOC) están planificando a súa listaxe de actividades de 2023, incluída a preparación do evento Mulleres e Nenas na Astronomía que se lanzará o próximo mes. Agradecemos a toda a rede NOC o seu continuo e incansábel esforzo para avanzar na ciencia da astronomía.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Convocatoria de Participación Global na Investigación sobre Educación Científica en Ensino Secundario

En Xapón, as directrices nacionais do currículo de secundaria que entraron en vigor este ano aínda obrigan a que o alumnado escolla entre física, química, bioloxía e xeoloxía. Porén, para resolver os diversos problemas aos que se enfronta a sociedade moderna, incluída a ciencia, a tecnoloxía e o medio ambiente global, non é suficiente unha educación separada: requírese unha educación científica integrada.

Un equipo de investigación do Observatorio Astronómico Nacional de Xapón (NAOJ) espera deseñar un novo currículo para a educación científica nas escolas secundarias xaponesas que aborde a necesidade emerxente de comprensión científica interdisciplinar. Con este obxectivo, realizarán un estudo comparativo para comprender a comunicación científica noutros países, mais precisan da vosa axuda! Podedes atopar a súa enquisa rápida aquí.

1) Aberto o rexistro e o envío de resumos de AstroEDU

Xa está aberta a inscrición e o envío de resumos para a Conferencia de Educación en Astronomía (AstroEdu): “Bridging Research & Practice”. A conferencia celebrarase en Toronto do 10 ao 12 de maio de 2023 e será organizada polo Instituto Dunlap de Astronomía e Astrofísica. AstroEdu 2023 reunirá a persoas de todo o mundo para discutiren os últimos desenvolvementos na educación en astronomía a todos os niveis. Todas as persoas interesadas na educación en astronomía poden participar.

A reunión celebrarase nun formato híbrido, con participantes presentes no campus da Universidade de Toronto así como en liña. Para obterdes máis información sobre a conferencia, rexistrarse ou enviar un resumo, visitade o sitio web da conferencia.

Para facilitar a maior participación posíbel, as taxas de inscrición irán relacionadas coa Renda Nacional Bruta, con tarifas reducidas para quen participe virtualmente. Disporase dun número limitado de bolsas de viaxe, patrocinadas en parte pola Unión Astronómica Internacional (IAU).

2) Aberto o rexistro e o envío de resumos de APRIM 2023

A Reunión Rexional da IAU Asia-Pacífico de 2023 (APRIM) terá lugar do 7 ao 11 de agosto de 2023 en Koriyama, Xapón. O envío de resumos e a inscrición na conferencia xa están abertas! Máis información sobre a súa convocatoria de resumos aquí e sobre o procedemento de inscrición nesta ligazón.

3) Foro Aberto de Astronomía Cultural

O Foro Aberto de Astronomía Cultural (Open Cultural Astronomy Forum, OCAF) céntrase nas formas en que diversas culturas percibiron os obxectos celestes, coa esperanza de comprender mellor o papel da astronomía nas culturas e a influencia destas na astronomía actual. O próximo seminario OCAF terá lugar o 2 de febreiro ás 23:00 UTC a través de Zoom. A doutora Mia de los Reyes, nunha charla titulada “¿Que hai nun nome?”, analizará o coñecemento astronómico das comunidades indíxenas que atopou Magallanes na súa primeira expedición para dar a volta ao globo.

Para obter máis información, incluido como conectarse, consultade a páxina web de OCAF.

4) Almorzo Mundial das Mulleres da IUPAC 2023

O Almorzo Mundial das Mulleres da IUPAC (#GWB2023) celebrarase o 14 de febreiro de 2023 conxuntamente co Día da Muller e a Nena na Ciencia da ONU. O obxectivo dos eventos GWB é establecer unha rede activa de persoas de todos os xéneros para superarmos as barreiras á igualdade de xénero na ciencia.

O tema de #GWB2023 é “Romper as barreiras na ciencia”. Convídase a acoller eventos a grupos de todo tipo de organizacións científicas, incluíndo institutos, sociedades científicas, universidades, empresas, gobernos e organizacións non gobernamentais. GWB é tamén un evento destacado do Ano Internacional das Ciencias Básicas para o Desenvolvemento Sostíbel, que reúne a persoas de todas as disciplinas científicas.

5) ET – Un xogo de aventura do sistema solar

O Grupo de Comunicación Científica do Instituto de Astrofísica e Ciencias Espaciais de Portugal acaba de lanzar un xogo de mesa sobre o Sistema Solar chamado “ET – Uma Aventura no Sistema Solar”. Aínda que actualmente só está dispoñíbel en formato “imprimir e xogar”, este xogo pódese descargar gratuitamente tanto en portugués como en inglés. A produción deste xogo foi financiada polo Europlanet Public Engagement Funding Scheme.

Podedes ler a nota de prensa aquí, ver un pequeno vídeo promocional aquí e descargar o xogo aquí.

6) A ciencia cidadá mostra a ameaza da contaminación luminosa

Globe at Night é unha campaña internacional de ciencia cidadá que, durante os últimos 17 anos, pediu a xente de todo o mundo que valorase o brillo do ceo nocturno onde viven. Ao analizar decenas de miles de observacións de Globe at Night feitas por persoas de todo o mundo, un grupo de investigación descubriu que a xente informa agora de menos estrelas, o que se corresponde cun aumento do brillo do ceo nocturno do 9,6% cada ano. Estes datos mostran a extrema necesidade de estratexias de mitigación da contaminación luminosa. Podedes ler o artigo completo de Science, a nota de prensa de NOIRLab e a nota de prensa da International Dark-Sky Association.

7) Novas NOC

a) Exipto

O 18 de xaneiro de 2022, o NRIAG, xunto coa nosa NOC de Exipto, a doutora Somaya Saad, recibiu estudantes da Future Vanguards School for Languages do distrito de Nasr, que está asociada a un programa da UNESCO. A viaxe comezou cunha visita ao Museo de Ciencia e á Rede Nacional de Terremotos. O alumnado tamén visitou o telescopio solar e o reloxo de sol, e aprendeu a usar o reloxo solar e a determinar as direccións. Ademais, o equipo NOC de Exipto organizou unha conferencia pública sobre os fenómenos e eventos astronómicos máis importantes de 2023.

b) Iraq

Por iniciativa das oficinas da IAU na rexión árabe para a educación e a divulgación da astronomía, o NOC e NAEC de Iraq Ali Jaber Al-Edhari presentou as teorías sobre a creación do universo. O seminario web desenvolveuse en árabe a través de Zoom.

8) Oportunidades

a) Participade! Asinade a petición de ceos escuros e tranquilos en Nova Zelanda!

Nunha petición presentada ao Parlamento de Nova Zelanda, o autor propuxo que se introduza unha lexislación nacional para reducir a contaminación luminosa e promover os ceos escuros. Argumentan que se isto se fai a nivel nacional, o proceso de obtención da acreditación de Dark Sky Places en NZ será moito máis sinxelo, xa que todo o país terá unha lei uniforme de redución da contaminación luminosa. Ademais, isto debería reducir en gran medida os esforzos dos concellos e distritos.

Calquera persoa pode apoiar esta petición asinándoa en liña, mesmo aquelas que non sexan neozelandesas.
Podedes ler este documento para saber máis sobre a necesidade de controlar a contaminación luminosa en Nova Zelanda. Lede e asinade a petición aquí.

b) Cumio NEREID 2023: O noso planeta cambiante

A Rede pola Investigación, Educación e Innovación con datos sobre a Terra e o Espazo (Network for Earth-space Research, Education, and Innovation with Data, NEREID) acolle unha conferencia colaborativa de 3 días que ten como obxectivo reunir persoas dunha gran variedade de campos e procedencias para explorar os desafíos e solucións en torno ao noso planeta en cambio. Para máis información consultade o seu sitio web.

c) Descolonizar Universidades e Epistemoloxías

Este evento híbrido, que forma parte da Conferencia SDG 2023 de Bergen, permite que as persoas participantes exploren a importancia da descolonización para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) da ONU. Podedes rexistrarvos neste evento nesta ligazón e descubrir máis sobre a conferencia aquí.

d) Obradoiros gratuítos de comunicación científica de GlobalSCAPE

En febreiro de 2023, GlobalSCAPE levará a cabo un conxunto de obradoiros en liña gratuítos, cada un composto por dúas sesións de 2 horas. Os obradoiros son estes: “Relevancia global na comunicación científica” e “Xustiza, equidade, diversidade e inclusión na comunicación científica”, e repetiranse catro veces para axustarse a diversos fusos horarios. Para máis información e rexistro, consultade esta ligazón.

e) Premio de Ciencia Cidadá da UE

Coñecedes alguén que se dedique á ciencia cidadá? Podedes nominar esas persoas para este novo premio financiado pola UE e operado por Ars Electronica. Para máis información, consultade esta ligazón.

9) Recursos interesantes

a) Cómic sobre radioastronomía e VLBI [Contido en inglés e francés]

No marco do proxecto H2020 JUMPING JIVE coordinado polo Joint Institute for VLBI ERIC (JIVE), o CNRS encargou unha banda deseñada sobre a técnica de Interferometría de Moi Longa Base (VLBI) que xa está dispoñíbel tanto en inglés como en francés. No cómic, dúas amigas embárcanse nunha viaxe polo espazo animadas pola curiosidade logo de ver a primeira imaxe dun buraco negro. Na súa viaxe, aprenden cousas sobre VLBI, as súas aplicacións, a Rede Europea VLBI (EVN) e o Square Kilometer Array (SKA).

b) Investigación destacada: como debemos organizar a formación en comunicación científica para acadar competencias? [Contido en inglés]

No seu último traballo Bruce Lewenstein e Ayelet Baram-Tsabari, que investigan en comunicación científica, conceptualizan esta como unha comunidade de práctica. Podedes ler máis aquí sobre como unen a teoría e a práctica para definir “conceptos limiar” e “progresións de aprendizaxe” para navegardes mellor neste campo en crecemento.

10) Traducións do boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía do inglés a outros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Queres facer achegas ao boletín informativo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía? Estamos sempre na procura de material sobre divulgación e comunicación da astronomía de todo o mundo para incluíla no noso seguinte boletín. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Por favor, enviade as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.