Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Febreiro 2023 #1

Neste boletín:

Nota editorial
Asunto destacado: CAPjournal – Edición especial sobre planetarios
1) Convocatoria para a participación global na investigación sobre educación científica nos centros de ensino secundario
2) Space Scoop: noticias de todo o universo
3) A “Guía do Autoestopista” para a educación astronómica, a divulgación pública e a comunicación
4) Global Sky Clubs
5) Crosspost do Boletín IDL: Leiden apaga as luces para ver as estrelas
6) Actualizacións das Coordinacións Nacionais de Divulgación (NOC) da IAU
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía en linguas diferentes do inglés
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Nota editorial

Prezadas amizades e colegas,

Cando foi a última vez que ampliastes os vosos horizontes? Quizais lestes algo nun libro ou xornal que vos permitiu imaxinar un novo camiño. Quizais tivestes unha conversa con alguén que compartiu algo que desafiou a vosa forma de pensar. Ou mellor aínda, quizais experimentastes algo completamente novo que abriu a vosa mente a novas posibilidades.
Neste Boletín, atoparedes moitas oportunidades para ampliardes un pouco máis os horizontes. En Space Scoop podedes explorar cuestións sobre proporcións astronómicas nunha linguaxe sinxela de entender. Podedes escoitar a persoas expertas discutir sobre a confianza na ciencia ou asistirdes a unha conferencia sobre educación e divulgación pública. Os clubes de astronomía poden colaborar co persoal científico do Observatorio Las Cumbres para crear novos coñecementos sobre o noso Universo. Mesmo podedes aprender máis sobre a comunicación científica ou atopar formas de afondar no coñecemento científico a través da arte.

As nosas Coordinacións Nacionais de Divulgación (NOC) da IAU realizan este tipo de traballo todos os días. Agradecemos moito os esforzos para enriqueceren as mentes das súas comunidades, como se demostra a continuación.

Convidamos aos planetarios do mundo a ampliar os seus horizontes: coa edición especial de CAPjournal sobre planetarios esperamos reunir a investigación, as mellores prácticas, as aprendizaxes e as celebracións dos planetarios de todo o mundo.

Con todo isto e moito máis, esperamos que atopedes algo neste boletín que esperte a vosa sensación de admiración e curiosidade.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Asunto destacado: convocatoria aberta para o CAPjournal – Edición Especial sobre Planetarios

En 1923 encargouse en Alemaña o primeiro proxector de estrelas, mais non tivo a súa estrea pública até un ano despois. O primeiro planetario abriu as súas portas no Deutsches Museum de Múnic en 1925, inaugurando unha nova era para o coñecemento público da astronomía. Hoxe, os planetarios serven como oasis de ceo escuro onde todo o mundo pode aprender, explorar, imaxinar e medrar.

A International Planetarium Society celebra o centenario do planetario entre 2023 a 2025. Para honrar este importante fito na comunicación astronómica, a revista “Comunicar Astronomía co Público” (Communicating Astronomy with the Public, CAPjournal) terá un número especial sobre planetarios en todo o mundo.

CAPjournal é unha publicación periódica de divulgación astronómica de acceso aberto e revisada por pares patrocinada conxuntamente pola Unión Astronómica Internacional (IAU) e o Observatorio Astronómico Nacional de Xapón (NAOJ). Presenta artigos dirixidos á comunicación de astronomía e axuda a unir a comunidade científica astronómica coa sociedade. Convidamos a todos os planetarios, grandes e pequenos, a enviar un artigo a esta edición especial do CAPjournal.

Os artigos deste número poden incluír, entre outros asuntos, as leccións aprendidas dende a dirección dun planetario; como establecer (ou facer medrar) un planetario; como proporcionar unha experiencia de planetario significativa a persoas cegas ou con visión parcial; o papel do planetario como oasis do ceo escuro; o papel do planetario na loita contra a contaminación luminosa; e moitos outros temas.

O noso cronograma para esta edición especial é o seguinte:

-Os artigos deben enviarse antes do 31 de marzo de 2023

-O proceso editorial e de revisión dos artigos terá lugar de abril a agosto de 2023

-Publicación en setembro de 2023

Con esta edición de CAPjournal, esperamos celebrar os innumerábeis logros da comunidade planetarista nos últimos 100 anos. Seguide as directrices de envío que aparecen no noso sitio web e envíade os vosos artigos completos a capjournal@oao.iau.org co asunto “CAPjournal #33 Abstract Submission”.

1) Convocatoria para a participación global na investigación sobre a educación científica nas escolas secundarias

En Xapón, as directrices nacionais do currículo de secundaria que entraron en vigor este ano aínda obrigan o alumnado a escoller entre física, química, bioloxía e xeoloxía. Porén, para resolver os diversos problemas aos que se enfronta a sociedade moderna, incluíndo a ciencia, a tecnoloxía e o medio ambiente, non é suficiente con que o estudantado elixa unha educación xa separada. O camiño a seguir require unha educación científica integrada.

O persoal investigador do Observatorio Astronómico Nacional de Xapón (NAOJ) agarda deseñar un novo currículo para a educación científica nas escolas secundarias xaponesas que aborde a necesidade emerxente da comprensión científica interdisciplinar. Para iso, realizarán un estudo comparativo para comprender a comunicación científica noutros países, mais precisan da vosa axuda! Podedes atopar a súa enquisa rápida aquí.

2) Space Scoop: noticias de todo o universo

Space Scoop produce artigos sobre as novidades en astronomía e ciencia espacial nunha linguaxe sinxela de entender. Non perdades as súas actualizacións semanais que inclúen historias de moitas das axencias espaciais do mundo. Esta semana, Space Scoop centra a súa atención nos discos protoplanetarios coa presentación de novos métodos desenvolvidos no Observatorio Nacional de Xapón. Máis información, aquí.

3) A “Guía do Autoestopista” para a educación astronómica, a divulgación pública e a comunicación

A sesión especial “A Guía do Autoestopista para a educación astronómica, a divulgación pública e a comunicación terá lugar o mércores 12 de xullo como parte da reunión anual da Sociedade Astronómica Europea (EAS) en Cracovia (Polonia). A sesión está dedicada a explorar o traballo de profesionais da educación, a divulgación pública e a comunicación (EPOC) en astronomía, compartindo os pormenores do noso traballo, desde as mellores prácticas e problemas estruturais até as leccións aprendidas e os retos superados.

Animamos a profesionais de EPOC que desexen compartir os seus coñecementos e experiencias a que envíen un resumo a través do sitio web da EAS antes do 1 de marzo de 2023. Non dubidedes en facer circular a mensaxe entre colegas e comunidades que poidan estar interesadas en participar. Agradecemos e alentamos especialmente as contribucións de colegas procedentes de ámbitos que tradicionalmente están pouco representados na astronomía e na comunidade de divulgación científica e astronómica.

Pódese atopar máis información na páxina web da sesión.

4) Global Sky Clubs

O Observatorio Las Cumbres (LCO) ofrece un novo programa exclusivamente para os clubs de astronomía dos colexios que queiran realizar proxectos de investigación. LCO ofrece 10 horas de tempo na súa rede de telescopios de 10 x 0,4 m.

Para obterdes máis información sobre o programa, a elexibilidade e como solicitalo, consultade este sitio web.

5) Noticia do boletín IDL: Leiden apaga as súas luces para ver estrelas

O 25 de setembro de 2022 durante un período de 90 minutos, a cidade de Leiden quedou sumida na escuridade nun intento de ver un ceo nocturno cheo de estrelas por primeira vez en décadas. Ironicamente, aínda que Leiden ten unha longa tradición de excelente investigación en astronomía, tamén é unha das cidades máis contaminadas pola luz artificial. Unha colaboración entre o municipio de Leiden, a Universidade de Leiden, o Studio Roosegaarde e a UNESCO propúxose recuperar as estrelas apagando tantas luces como for posíbel. Miles de persoas saíron ás rúas para vivir a súa cidade como nunca antes. Aínda que un ceo parcialmente nubrado non permitiu que os cidadáns gozasen dunha completa vista do cosmos, houbo ocos claros suficientes para apreciar a escuridade. O evento fixo que moitas persoas se preguntasen: “Por que non o facemos máis a miúdo?” Podes ler máis aquí.

6) Novas NOC

a) Exipto

A principios deste mes, durante unha serie de percorridos no Museo do Observatorio de Helwan (NRIAG, en colaboración co equipo NOC de Exipto), explicouse a importancia dos dispositivos e ferramentas astronómicas, incluído como usar o reloxo de sol para medir o tempo. Ademais, as persoas visitantes viron a cúpula solar e coñeceron o seu uso. Durante a Feira Internacional do Libro do Cairo, NRIAG e o equipo NOC de Exipto presentaron moitas actividades sobre diversos temas de astronomía, entre eles as eclipses solares, os reloxos de sol, os planetas e o noso sistema solar e as fases da Lúa. As persoas visitantes tamén podían observar o Sol e a Lúa a través dun telescopio de 8 polgadas. O voluntariado tivo a oportunidade de interactuar cun número incríbel de persoas de todas as idades e divulgar o seu interese pola astronomía.

b) Grecia

A NOC de Grecia, Kalliopi Dasyra, acolleu a cerimonia de resultados a nivel nacional de NameExoWorlds o 1 de febreiro. O evento incluíu varias charlas sobre exoplanetas e retransmitiuse en directo en grego.

7) Oportunidades

a) Ampliación do prazo: solicitudes para acoller a conferencia PCST 2027

O prazo para solicitar a sede da conferencia PCST 2027 ampliouse ata o 28 de febreiro. Para obter máis información sobre o que implica a organización desta conferencia e como enviar a túa proposta, consulta esta ligazón.

b) Primeiro anuncio: Conferencia da Sociedade Europea de Astronomía na Cultura

A 30ª conferencia da Sociedade Europea de Astronomía na Cultura (SEAC) terá lugar do 6 ao 9 de setembro de 2023 en Varsovia, Polonia. O tema desta conferencia SEAC é: “Entre a astronomía antiga e a moderna”. Ao longo desta conferencia, a organización agarda conmemorar dous importantes aniversarios relacionados con Nicolás Copérnico: o 550 aniversario do seu nacemento e o 480 aniversario da súa morte. Para obterdes máis información sobre como facer contribucións a esta conferencia, consultade esta páxina.

c) Campamento “A Arte do Espazo”

A Fundación Proctor para a Arte e a Ciencia é unha organización sen ánimo de lucro con sede en Estados Unidos dedicada a unir a arte e a ciencia a través de “viaxes e experiencias arredor da investigación e a exploración científica” para estudantes e docentes BIPOC (siglas en inglés para “Black, Indigenous, and/or People of Color”, persoas afroamericanas, indíxenas e/ou persoas de cor). Actualmente ofrecen dez bolsas para estudantes e outras tantas para docentes de colexios universitarios que se identifiquen como BIPOC para asistir ao campamento espacial nos Estados Unidos. Para obter máis información sobre a elexibilidade e como solicitar as bolsas pode consultarse este sitio web.

d) Cumio do Premio Nobel sobre a loita contra a desinformación e a creación de confianza na ciencia

Este mes de maio, persoas gañadoras do Premio Nobel e outras expertas en diversos campos reuniranse para discutir o impacto da información errónea na percepción e a confianza do público na ciencia. Para saberdes máis, consultade esta ligazón.

8) Recursos interesantes

a) Investigación destacada: modelos mentais para a comunicación científica [contido en inglés]

Neste artigo Kara Morgan e Baruch Fischhoff propoñen que as institucións académicas se centren na formación baseada na evidencia para a comunicación científica que poña o foco en atopar o contido axeitado para abordar o modo de pensar do público, e non o método de entrega. Salientan que ao centrarse en abordar directamente os modelos mentais das persoas, as persoas que fan ciencia estarán mellor equipadas para comunicar a súa mensaxe. Podedes ler o artigo aquí.

b) Intersección de Arte e Ciencia [Contido en inglés]

A revista Consilience explora a ciencia a través da arte. Neste número, o equipo de Consilience elaborou contidos arredor da idea da percepción, en todas as súas formas. Podedes descargar o xornal de balde nesta ligazón.

9) Traducións do boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía do inglés a outros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Queres facer achegas ao boletín informativo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía? Estamos sempre na procura de material sobre divulgación e comunicación da astronomía de todo o mundo para incluíla no noso seguinte boletín. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Por favor, enviade as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.