Hai unhas semanas entramos no horario de inverno, que nos deixa aos galegos e galegas cunha hora civil menos afastada -mais segue estándoo, e moito- da hora solar. O 21 de novembro, data de referencia para o mapa, o Sol sae na Coruña arredor das 8:35 e ponse pouco despois das seis da tarde. A nosa estrela acada ese día a máxima altura, que se corresponde co mediodía solar, ás 13:19, 79 minutos despois do mediodía civil. Galiza comparte horario con Berlín, mais alí o mediodía solar si cae próximo ao momento en que as agullas do reloxo sinalan o número 12.
Seguen minguando os días e medrando as noites e así xa antes das oito do serán temos noite pecha: non queda no ceo nin o máis mínimo remanente de luz solar. A diferenza do comezo do verán, cando a observación do firmamento nos obriga, literalmente, a agardar que cambie o día, durante os próximos meses experimentaremos o privilexio de non ter que trasnoitar para gozar do ceo estrelado. Mesmo dispoñemos de tres horas completas antes da hora de recollida que impón a normativa da loita contra a COVID-19, sen contar as oportunidades que cada un teña logo de observar desde a xanela da súa casa. Aínda coa contaminación luminosa das vilas e cidades, especialmente absurda coas restricións que trae a pandemia, convén recordar que no ceo sempre hai algo que contemplar e as fiestras da casa son unha estupenda plataforma de iniciación. E non só a simple vista, a ollo nu; é momento, tamén, de tirar proveito astronómico dos binoculares, quen os teña.
Os prismáticos máis comúns, os 10×50, isto é, de dez aumentos e con lentes de cincuenta milímetros de diámetro, descóbrennos un universo novo cando miramos con eles en dirección ao ceo. Aos astrónomos e astrónomas amadores é frecuente que nos pregunten “que telescopio é mellor mercar para ir aprendendo” e a resposta nosa adoita ser sempre a mesma: os primeiros pasos na observación é mellor dalos só cos ollos e máis tarde valéndonos da axuda duns prismáticos. Uns prismáticos para iniciarse han ser, con certeza, máis baratos ca o máis ruín dos telescopios, eses que se ofrecen nas grandes superficies como agasallo científico para festas e comuñóns e que acaban as máis das veces enterrados nun faiado. Os prismáticos, ademais, manéxanse de maneira intuitiva, non requiren moita aprendizaxe; é doado recoñecermos que a imaxe ampliada que nos dan se corresponde claramente cunha zona do ceo que vemos a ollo espido. E os binoculares, ademais, son (relativamente) lixeiros, fáciles de levar connosco, o cal é importante se temos en conta que a miúdo teremos que desprazarnos fuxindo das luces na busca de ceos escuros, de máis calidade. Como xa contei no caderno de setembro, cuns prismáticos localizamos ben a mancha difusa coa que identificamos a galaxia de Andrómeda, mais tamén podemos ver os satélites de Xúpiter, un planeta presente no ceo a primeira hora da noite na constelación do Seteiro, igual ca Saturno; percorrermos a Lúa, en particular o “terminador”, a fronteira entre a zona iluminada e a zona escura, para apreciarmos as formas da súa superficie, con cráteres e montañas, ou entretérmonos co cúmulo das Pléiades, no Touro.
Xa aprendemos o mes pasado a atopar a Polar trazando unha liña imaxinaria desde a caixa do Carro. Se prolongamos ese trazo chegamos a outra das constelacións circumpolares, que no noso país non desaparecen nunca baixo o horizonte: Casiopea, inconfundíbel pola súa forma de W ou de M, segundo se mire. Paga a pena seguir as posicións do Carro e Casiopea ao longo dunha mesma noite e de varias noites.
O mapa do ceo está calculado para as 22:15 do sábado 21 de novembro na Coruña, mais é válido para toda Galiza. Cada semana o ceo “adianta” media hora, aproximadamente, co cal serviría tamén para as 22:45 do 14 ou as 21:45 do 28.
Casiopea está resaltada con fondo amarelo; os nomes das súas estrelas principais indícanse na imaxe destacada.
* * * * *
Publicado orixinalmente na sección “O ceo do mes” do caderno “Aprender” do Nós Diario, número 13, sábado 7 de novembro de 2020. Texto e imaxes: Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío).