Viaxamos mentalmente no tempo até o próximo 9 de abril, sexta feira. O Sol sae ese día cando pasa un minuto das oito da mañá e culmina sobre o horizonte sur ás 14:35, o mediodía en sentido astronómico. A partir desa hora a estrela empezará a perder altura camiño do solpor, que sucederá arredor das 21:10. Mais a luz do día persistirá no ceo aínda algún tempo, durante os crepúsculos, en plural. A primeira fase, o crepúsculo civil, esténdese dende a posta até que o Sol baixa 6º por debaixo do horizonte, media hora durante a cal o ceo loce cores azuis e non chegan a distinguirse máis ca as estrelas moi brillantes. Na seguinte fase, o crepúsculo náutico, o Sol descende durante outra media hora outros seis graos de altura, desde -6º até -12º. O ceo escurece devagar e empeza a encherse de estrelas, mais fica aínda luz ambiental como para recoñecermos formas na distancia. Cando a navegación dependía do coñecemento astronómico este era un bo momento para facer cálculos e comprobar rutas tendo á vez as estrelas no ceo e a liña do horizonte como referencia.

Ao longo do crepúsculo astronómico o Sol baixa outros 6º. Despois diso xa non hai resto ningún de luz solar no firmamento: entramos en noite cerrada, que empeza o 9 de abril un pouco antes das once. Polo oeste vai de retirada o hexágono do inverno, co planeta Marte de visita na constelación do Touro, non lonxe da estrela Aldebarán coa que rivaliza en cor. Durante unhas semanas máis poderemos seguir gozando da espectacular presenza de Orión e do Can Maior, con Sirio como líder celeste, mais a primavera é sempre a época de lles dicir adeus até que, ao final do verán, reaparezan na madrugada alta para dominar de novo a paisaxe dos meses fríos. Mirando o norte temos o Carro da Osa Maior enriba da Polar, coa W de Casiopea abaixo e á esquerda desta. Paga a pena reparar en como cambian as súas posicións ao longo da noite, o sinal máis evidente das voltas que dá o ceo arredor dun punto fixo. Paga a pena, tamén, prestarlles atención ás outras constelacións circumpolares, o Dragón que serpea entre as dúas Osas e o pentágono polo que distinguimos ben Cefeo. Precisaremos fuxir o máis posíbel da contaminación luminosa para recoñecer as rexións do Lince, da Xirafa ou do León Menor.

Deixaremos pasar unhas horas para que se sitúen en mellor lugar as constelacións que agora están asomando. A iso das 2:30 experimentaremos o centro da noite, o punto medio entre o ocaso e o abrente, a xenuína medianoite. É a vista que recolle o mapa deste mes, con Arcturus, no Boieiro, como estrela máis brillante a esa hora: é fácil chegar a ela valéndonos do cabezallo do Carro como guía. Máis aló, proxectando a mesma curva, daremos con Spica, na Virxe, e máis ao sur o simpático cuadrilátero do Corvo, enriba da longuísima Hidra. No leste perto do Boieiro vese a Coroa Boreal e Hércules; érguense as constelacións do verán, a Lira e o Cisne, e polo sueste o rosaliano Serpentario. O León ocupa posición de privilexio con Regulus, Algieba e Denébola como astros máis brillantes mentres no oeste resisten os Xemelgos e o Auriga.

Contra as seis a noite pecha está para rematar. Polo sur vense o Seteiro e o Escorpión, zonas poboadas de obxectos para mirar con prismáticos. O regueiro luminoso da Vía Láctea cruza o ceo desde aí cara ao nordeste, onda Perseo e Casiopea, atravesando o corpo do Cisne. Está xa completo o triángulo do verán, Deneb, Vega e Altair, e perto del salta o Golfiño. Na constelación de Capricornio chaman a nosa atención os planetas Xúpiter e Saturno, moi baixiños no sueste. Despunta o Augadeiro e aínda máis Pegaso e Andrómeda antes de seren devorados polo crepúsculo matutino. Repítese o mesmo ciclo da tarde mais agora en orde inverso: primeiro o crepúsculo astronómico, logo o náutico, pon o ramo o civil. O Sol sae de novo ás oito da mañá, mais desde hai bastantes minutos a súa luz xa fixo da noite día.

* * * * *

Publicado orixinalmente na sección “O ceo do mes” do caderno “Aprender” do Nós Diario, número 18, sábado 27 de marzo de 2021. Texto e imaxes: Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío).