Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)
Outubro 2017 #1
Neste boletín:
0) Nota dos editores
1) Novas formas de pertenza á IAU
2) Data límite para o envío de propostas ao CAP 2018 e a bolsa Asia Pacífico: 15 de outubro de 2017
3) Semana dos contactos de divulgación nacional nas redes sociais
4) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Etiopía
5) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Tanzania
6) Campaña de financiamento do Planetario de Ghana
7) Vídeo educativo de astrobioloxía de Europlanet
8) IFF 2017 – Festival de Cinema Inmersivo
9) Encontros e actividades globais
10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU
0) Nota dos editores
Esta semana salientamos a proximidade da data límite para solicitar a bolsa Asia-Pacífico e para enviar propostas ao encontro Comunicar Astronomía co Público (CAP 2018). A organización, estreitamente relacionada coa nosa Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía, recibiu case 130 propostas de todo o mundo, o que fará da edición de 2018 a máis diversa feita nunca. Ao noso equipo xa lle tarda dar a benvida a todas as persoas en Xapón o próximo mes de marzo!
Neste número, poñemos o foco nun dos vídeos de astrobioloxía máis fascinantes, feito por Europlanet; na edición 2017 do Festival Internacional de Cinema Inmersivo de Portugal e na campaña de financiamento do Planetario de Ghana, que precisa o voso apoio.
Queremos darlles as grazas aos nosos contactos de divulgación nacional por participaren enviándonos novas dos seus países e tamén polas súas aparicións semanais nas nosas redes sociais. É moi divertido termos información de primeira man do que está acontecendo no mundo da divulgación e a educación astronómica en cada país. Permanecede en sintonía!
Feliz lectura e ceos despexados!
O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU
1) Novas formas de pertenza á IAU
Foron aprobadas algunhas modificacións dos estatutos, regulamentos e normas de traballo da IAU. O máis relevante refírese á introdución da Categoría de Membro Junior, que permite que se unan á unión os investigadores e investigadoras que acaban de rematar o seu doutoramento, e a de “Membros Honorarios”, destinada ás persoas que contribuíron de xeito significativo ao progreso da investigación e cultura astronómica no seu país. Estas dúas categorías súmanse ao recente “estado de membro asociado” que se ofrece exclusivamente por convite a persoas que non son membros da IAU mais están activamente envolvidas no traballo da Unión como participantes nun grupo de traballo, unha comisión ou unha división.
O texto completo das mudanzas propostas está dispoñíbel nesta ligazón: http://bit.ly/2wq9HNn
2) Data límite para o envío de propostas ao CAP 2018 e a bolsa Asia Pacífico: 15 de outubro de 2017
A data límite para o envío de propostas para a vindeira conferencia “Comunicar Astronomía co Público” en Fukuoka, Xapón, é o 15 de outubro de 2017. Únete ás case 130 persoas de todo o mundo que xa se rexistraron para a conferencia!
Grazas ao esforzo conxunto do Observatorio Astronómico Nacional do Xapón (NAOJ) e unha campaña de financiamento xaponesa, a organización poderá apoiar a asistencia de participantes de países en desenvolvemento da rexión Asia-Pacífico. A data límite para solicitar a bolsa estendeuse até o 15 de outubro de 2017.
Podes ler máis información sobre a conferencia aquí: http://bit.ly/2fHSbAZ
3) Semana dos contactos de divulgación nacional nas redes sociais
Dende setembro, a nosa Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía emprendeu unha nova campaña nas redes sociais, en que dedicaremos unha semana enteira nos nosos canais a cada país e nodo de contacto da divulgación nacional. O obxectivo é levantar conciencia internacional dos continuos esforzos feitos a nivel local e nacional. Durante esta semana cada país poderá destacar actividades e eventos nacionais en educación e divulgación astronómica e promover clubs de astronomía ou organizacións activas no país. Calquera pode contactar cos nodos de contacto e colaborar! Podes tamén mandar información das túas actividades a outreach@iau.org.
Máis información sobre estas campañas nestes enderezos: https://www.facebook.com/IAUoutreach/ e https://twitter.com/iau_outreach
4) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Etiopía
a) Perseguindo o espazo
O 7 de agosto de 2017 impartiu unha charla titulada “Perseguindo o espazo” o antigo astronauta da NASA Leland Melvin no Instituto de Tecnoloxía da Universidade de Addis Ababa, en Etiopía. A conferencia pública foi organizada conxuntamente polo Instituto de Tecnoloxía e Ciencia do Espazo de Etiopía (EESTI) e a Embaixada dos EEUU en Addis Ababa. Máis de 600 participantes (estudantes de educación primaria, institutos e universidades, profesores e público xeral) tiveron a oportunidade de asistir á charla de Leland e coñecelo en persoa.
Tedes fotos deste evento aquí: http://bit.ly/2hDQPrs
5) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Tanzania
a) Poñéndolle nome aos planetas en lingua suahili
Os nomes dos planetas en lingua suahili veñen sendo usados de forma inconsistente e ás veces incorrecta en moitos libros e dicionarios. O Consello Suahili Nacional de Tanzania racionalizou os nomes baseándose no seu uso histórico e dando argumentos para os malos usos, erros e confusións. Os nomes suahili dos planetas aceptados polo Consello Suahili Nacional de Tanzania son os seguintes:
1. Utaridi = Mercurio
2. Zuhura (ou Ng’andu) = Venus
3. Dunia = Terra
4. Mirihi = Marte
5. Mshtarii (ou Mushtari) = Xúpiter
6. Zohali = Saturno
7. Uranus = Urano
8. Neptuni = Neptuno
6) Campaña de financiamento do Planetario de Ghana
Moitas escolas de Ghana non teñen recursos suficientes para desenvolver actividades prácticas e, como consecuencia, hai un número limitado de estudantes que reciben materias STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) na universidade. O Planetario de Ghana é un proxecto extraordinario na África Occidental mais carece de recursos económicos para seguir funcionando correctamente. Durante a semana, o Planetario acolle visitas escolares e programa películas de planetario que ensinan ciencia e promoven que os nenos e nenas fagan preguntas, reciban respostas e fagan cálculos. Ao apoiarmos o Planetario de Ghana a través desta campaña de financiamento, axudamos a manter viva a aprendizaxe das ciencias nese país.
Tes máis detalles da campaña aquí: http://bit.ly/2x5U5xU
7) Vídeo educativo de astrobioloxía de Europlanet
Europlanet lanzou o seu último vídeo, Astrobioloxía: Vida no Universo. Estamos os seres humanos sós no Universo? Probabelmente te fixeches esta pregunta algunha vez. O vídeo amosa como a ciencia planetaria busca sinais de vida noutros planetas empregando a nosa propia Terra como laboratorio.
E non perdas este artigo de UNAWE que proporciona máis información e recursos educativos para usar este vídeo e outras divertidas actividades neste sitio web: http://www.unawe.org/updates/2017-Europlanet-video-astrobiology/
8) IFF 2017 – Festival de Cinema Inmersivo
O Festival de Cinema Inmersivo (IFF2017) celebrarase en Espinho, Portugal, do 1 ao 3 de decembro de 2017. Este festival é un evento que reunirá producións internacionais 2D e 3D do ámbito do cinema inmersivo. O equipo do planetario de Espinho invita á comunidade dos planetarios e as artes dixitais visuais de todo o mundo, de produtores a estudantes, e profesionais dos planetarios, a participar na edición 2017 do IFF, tanto propoñendo os seus traballos como asistindo ao festival, ou as dúas cousas á vez. A data límite para enviar filmes é o 15 de novembro de 2017.
Máis información: http://iff.multimeios.pt/en/
9) Encontros e actividades globais en 2017
Aquí tes unha listaxe de conferencias e actividades sobre educación e investigación astronómica en todo o mundo. Planifica con tempo un ano cheo de acontecementos interesantes!
Engadidos hai pouco
IFF 2017 – Festival de Cinema Inmersivo
Data: do 1 ao 3 de decembro de 2017
Lugar: Espinho, Portugal
Máis información: http://iff.multimeios.pt/en/
Data importante
Semana Mundial do Espazo 2017
Data: do 4 ao 10 de outubro de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/theme/
Próximas actividades
a) Semana Mundial do Espazo 2017
Data: do 4 ao 10 de outubro de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/theme/
b) Noite Internacional de Observación da Lúa
Data: 28 de outubro de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/
c) Astrónomos Novos do Leste Asiático 2017 (EAYAM2017)
Data: do 13 ao 17 de novembro de 2017
Lugar: Ishigaki, Okinawa, Xapón
Máis información: http://www-irc.mtk.nao.ac.jp/eayam/2017/index.html
d) Astronomical Heritage of the Middle East
Datas: do 13 ao 17 de novembro
Lugar: Yerevan, Armenia
Máis información: http://unesco.aras.am/
e) .Astronomy
Data: do 14 ao 17 de novembro de 2017
Lugar: Cidade do Cabo, Sudáfrica
Máis información: http://dotastronomy9.saao.ac.za/
f) Astrobioloxía 2017
Datas: do 1 de novembro ao 1 de decembro de 2017
Lugar: Coyhaique, Chile
Máis información: http://astrobiology2017.org/
g) IFF 2017 – Festival de Cinema Inmersivo
Data: do 1 ao 3 de decembro de 2017
Lugar: Espinho, Portugal
Máis información: http://iff.multimeios.pt/en/
h) Comunicar Astronomía co Público – CAP2018
Data: do 24 ao 28 de marzo de 2018
Lugar: Fukuoka, Xapón
Máis información: http://www.communicatingastronomy.org/cap2018/
i) 15º Conferencia Internacional de Comunicación Pública da Ciencia e Tecnoloxía (PCST2018)
Data: do 4 ao 6 de abril de 2018
Lugar: Dunedin, Nova Zelandia
Máis información: http://www.pcst2018.org/pcst18
l) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse
Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.
10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas
-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;
-Traducións ao español, elaboradas por:
Sofía Meneses-Goytia, doutora, investigadora asociada postdoutoral, Instituto de Cosmoloxía e Gravitación, Universidade de Portsmouth: http://bit.ly/2rIqVGe;
Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;
ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;
-Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados aquí: http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html;
-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;
–Podes atopar números antigos deste boletín en español traducidos pola Sociedad Española de Astronomía neste enderezo: http://www.sea-astronomia.es/drupal/content/newsletter-iau-noc;
Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU
Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2017! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.