-A entrada é gratuíta por orde de chegada até completar a capacidade do recinto.
-A conferencia, que se enmarca dentro do ciclo “Coruña científica”, terá lugar o xoves 23 de marzo ás 19:30 na Sala Leonardo da Vinci da Domus.
A enxeñeira Amena Karimyan é unha muller apaixonada pola astronomía. Apaixonada, tamén, por aprenderlle astronomía a outras mulleres e nenas do seu país, Afganistán, e por iso en 2018 fundou en Herat co estudante de enxeñaría Sohail Karimi o Grupo Astronómico Kayhana, un colectivo educativo de base. Nun país no que non existía nin unha facultade nin un centro de formación en astronomía, o grupo Kayhana desenvolveu o obxectivo de dar a coñecer as ciencias do ceo e como o estudo da astronomía contribuíu ao progreso da industria, da medicina, de tecnoloxías que hoxe forman parte da nosa vida cotiá e, tamén, á creación de arte e cultura. A través dun plan sistemático de seminarios e obradoiros Kayhana fíxose un oco nas escolas e achegou o coñecemento científico á xuventude afgá e moi en especial ás nenas e mozas. Tiveron que vencer a oposición das colectivos relixiosos extremistas mais acabaron por conseguir permisos para contar ciencia a nenas que querían saber máis, a pesar das inmensas dificultades, mesmo económicas.
O 12 de agosto de 2021 Herat caeu en mans dos talibáns. O seu regreso ao poder impuxo graves restricións á educación e mesmo ordes de destrución dos libros de ciencia nas librarías, trouxo o desaloxo de miles de familias dos fogares e acabou cos mínimos avances conseguidos no ámbito dos dereitos fundamentais. A vida das nenas e as mulleres é dende entón moito máis difícil do que xa era antes, pois ven cuestionado o seu dereito á educación e ao traballo e carecen de mecanismos legais de protección ante a violencia sexual e de xénero. Mais Kayhana segue traballando para o futuro. Dende Alemaña, o país onde tivo que refuxiarse, Amena Karimyan mantén acesa a esperanza. Na súa conferencia, Amena fará unha breve reseña cultural e histórica da astronomía afgá, da historia e o programa educativo do grupo astronómico Kayhana e dos seus obxectivos cara ao futuro.
Amena impartirá a conferencia en lingua persa e haberá tradución consecutiva ao castelán.