Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Marzo 2023 #2

Neste boletín:

Nota editorial
Asunto destacado: anuncio dos resultados de NameExoWorlds 2022 o 27 de abril
1) Enquisa global IAU OAO sobre iniciativas arredor da contaminación luminosa
2) Guía de fontes de imaxes astronómicas
3) Chamada á astronomía amadora: ciencia cidadá con Gaia
4) Simposio GlobalSCAPE sobre comunicación científica
5) Día Internacional da Luz 2023
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía en linguas diferentes do inglés
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Nota editorial

Prezadas amizades e colegas,

Na Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía agardamos con entusiasmo o anuncio dos resultados da campaña NameExoWorlds2022. Alégranos poder compartir isto convosco e esperamos que vos unades a nós o 27 de abril para felicitar as candidaturas gañadoras. Seguide as nosas mensaxes para obterdes máis información do equipo OAO sobre este momento único!

Pedimos de novo a vosa participación na nosa Enquisa Global de Iniciativas de Contaminación Luminosa. Xa reunimos un conxunto diverso de información sobre como diferentes países abordan a redución da contaminación luminosa, mais necesitamos a vosa axuda! Compartide o voso coñecemento connosco para promovermos o importante traballo que realizades vós e a vosa comunidade para protexer o noso ceo nocturno.

Neste boletín temos moitas oportunidades para que a xente se involucre na práctica da astronomía, xa sexa a través da ciencia cidadá ou colaborando coa comunidade da comunicación científica. Non esquezades as oportunidades para estudantes das que damos conta. Ademais, compilamos unha colección diversa de recursos, incluída unha experiencia educativa que aproveita a flexibilidade de Minecraft para aprendermos astronomía.

Dámoslles as grazas ás coordinacións nacionais de divulgación polo que fan para o avance da astronomía. Ademais do traballo dos equipos nacionais, vemos que moitos equipos multinacionais comentaban o seu traballo conxunto este mes. Esperamos que atopedes inspiración nas súas experiencias.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Asunto destacado: anuncio dos resultados de NameExoWorlds 2022 o 27 de abril

A edición NameExoWorlds 2022 animou a formación de equipos que combinaban a astronomía profesional e a amadora, estudantes, profesorado e público en xeral para poñerlle nome a un exomundo: un exoplaneta e a súa estrela anfitrioa. Estes equipos non só debían propoñer nomes para o sistema, senón que co espírito de tender pontes cara a outras comunidades (novos mundos, atrevémonos a dicir) tamén tiñan a tarefa de realizar un acto de divulgación para falarlle ao público sobre os exoplanetas e o seu nome. A edición de 2022 pechou en novembro de 2022 e contou con 603 propostas de 91 países participantes. Entre todas as actividades de divulgación chegouse a case doce millóns de persoas!

Desde novembro, estivemos traballando na análise das propostas coa axuda dos paneis nacionais (formados en gran parte polas coordinacións nacionais de divulgación) e o grupo de traballo do Comité Executivo da IAU sobre a nomenclatura de sistemas exoplanetarios. Os resultados xa case están. O 27 de abril anunciaremos os nomes seleccionados a través da nosa listaxe de correo e as nosas canles de redes sociais. Se aínda non o fixestes, podedes subscribirvos á OAO nesta ligazón e seguirnos en Facebook e Twitter. Moita sorte a todas as persoas que participaron!

1) Enquisa global IAU OAO sobre iniciativas arredor da contaminación luminosa

Como preparación do noso proxecto de divulgación global “Ceos escuros e tranquilos” deste maio, a IAU OAO está a compilar información sobre como se aborda en todo o mundo a loita contra a contaminación luminosa. Nesta enquisa pedímosvos que proporcionedes información breve sobre as iniciativas no voso país e que acheguedes formas prácticas de que a xente poida involucrarse neste esforzo. Isto vai dende cambiar as lámpadas por LED, asinar unha petición, colaborar cos concellos ou unirse a un grupo de presión, o que creades que sería máis relevante para a vosa comunidade. Usaremos esta información como parte dun recurso global sobre contaminación luminosa e como forma de promover iniciativas globais para protexer os nosos ceos escuros e tranquilos.

2) Guía de fontes de imaxes astronómicas

Hai unha versión revisada e actualizada da guía de Andrew Fraknoi sobre onde acceder a imaxes astronómicas en Internet. A nova versión inclúe 26 sitios diferentes onde podedes atopar fotos ou imaxes de alta calidade para mostrar nunha clase, laboratorio ou programa público. Entre eles están os principais observatorios na Terra e no espazo e sitios como o PhotoJournal da NASA, Astronomy Picture of the Day e o relativamente novo AstroPix.

A guía pódese descargar nesta ligazón.

3) Chamada á astronomía amadora: ciencia cidadá con Gaia

A ESA lanzou un novo proxecto de ciencia cidadá chamado Gaia Vari. Segundo o sitio web, “os seus principais obxectivos son construír unha comunidade arredor da misión Gaia, clasificar o conxunto de datos de series temporais para estrelas variábeis interesantes e invitar a cidadanía a formar parte de publicacións científicas”.

Para obterdes máis información, premede na ligazón anterior ou consultade esta páxina.

4) Simposio GlobalSCAPE sobre comunicación científica

O 10 de abril a Universidade de Leiden e GlobalSCAPE acollen un simposio sobre comunicación científica cun invitado especial, o profesor de Relacións Públicas da Universidade Estatal de Michigan John Besley. Se vos apuntades poderedes asistir aos debates sobre o proxecto GlobalSCAPE, obradoiros, recursos de comunicación científica e moito máis!

Para obter máis información e rexistrarvos, facede clic aquí.

5) Día Internacional da Luz 2023

Achégase o Día Internacional da Luz! Consultade o último boletín informativo do equipo de IDL, que inclúe historias sobre os proxectos en preparación. Lede e subscribídevos ao seu boletín, mantédevos ao día das novidades no seu sitio web aquí e rexistrade aquí os vosos eventos relacionados coa luz.

6) Novas NOC

a) Barbados

Xunto coa Sociedade Astronómica de Barbados, o NOC de Barbados, David Marshall, acolleu un evento de divulgación centrado nos asteroides. Logo dunha breve presentación, o público xuntouse para observar o ceo nocturno e seguir o paso próximo do asteroide 2023 DZ2. Facede clic aquí para acceder a un vídeo en timelapse das observacións no que se pode ver claramente o asteroide movéndose polo campo de visión.

b) Brasil

A principios deste mes, o equipo NOC do Brasil mantivo un encontro virtual para celebrar as nenas e as mulleres na astronomía. Foron convidadas Jeane de Fátima Moreira Branco, pedagoga e neuroeducadora, e Teresinha Souza, astrónoma afeccionada. A mediación correu a cargo de dúas mulleres do Comité NOC Brasil Josina Nascimento, do Observatorio Nacional, e Gleici Kelly de Lima, estudante de doutoramento en Educación para a Ciencia da UNESP/Bauru. Podedes ver a gravación da emisión en directo nesta ligazón.

c) Exipto

A NOC de Exipto, Somaya Saad, e o Instituto Nacional de Investigación de Astronomía e Xeofísica (NRIAG) recibiron estudantes e público xeral no seu esforzo pola divulgación pública da astronomía. En marzo, máis de 250 estudantes, docentes e público xeral visitaron o Observatorio de Kottamia e o museo do Instituto, ao tempo que se organizou un campamento para seguir os planetas e as constelacións estelares. Moita xente visitou ademais a estación solar, o museo de instrumentos astronómicos antigos e o reloxo de sol do observatorio Helwan.

d) Iraq

O Scientific Care Forum na gobernación de Babilonia, en cooperación co NOC de Iraq e o Equipo Astronómico de Babilonia, organizou unha conferencia sobre a formación do Universo e debateu a teoría do Big Bang. Esta conferencia foi impartida por Haider Matcher Al-Hilali, o xefe do equipo astronómico de Babilonia. Á conferencia asistiron persoas afeccionadas á astronomía.

e) Kuwait

O NOC de Kuwait, Khaled A. Al-jamaan, dirixiu outro obradoiro para crianzas no Centro Cultural Sheikh Abdullah Al Salem. A través deste obradoiro interactivo, a rapazada entre 8 e 11 anos aprendeu máis sobre os foguetes e como lanzalos.

f) Xordania e Bahrein

O NOC de Xordania, a NOC de Bahrein e a Unión Árabe de Ciencias Espaciais e Astronomía uniron forzas este mes para realizar un obradoiro sobre astronomía para principiantes. Este obradoiro forma parte dun ciclo semanal de conferencias en árabe e dirixido ao público xeral.

g) Trindade e Tobago e Barbados

Dentro dun proxecto do plan de financiamento NOC, os equipos NOC de Trindade e Tobago e Barbados traballaron xuntos nun libro sobre a perspectiva caribeña da astronomía para que a mocidade aprenda sobre esta materia, atope inspiración en imaxes do ceo nocturno e valore a posibilidade de dedicarse á astronomía. O proxecto contou ademais cunha serie de actividades como acompañamento do libro, que o equipo está a desenvolver nos seus respectivos países.

h) Colombia, Honduras, Nicaragua, Costa Rica, Panamá e Brasil

Os equipos NOC de Colombia, Honduras, Nicaragua, Costa Rica, Panamá e Brasil prepáranse para un evento incríbel a finais deste ano, en outubro de 2023: unha eclipse anular será visíbel desde grande parte de América Central e do Sur. Consultade o cartel promocional en español, portugués e inglés.

7) Oportunidades

a) Prácticas de verán na Haus der Astronomie

Cada verán, Haus der Astronomie ofrece un programa de prácticas internacionais de verán. As prácticas de verán están pensadas para estudantes dos últimos cursos de bacharelato ou que acaban de rematalo. Durante a súa estadía de tres semanas, as persoas participantes traballarán en diversas observacións e experimentos astrofísicos. Igual que na investigación profesional, non hai un horario fixo, e quen participe ten bastante liberdade para seguir as súas propias ideas.

As solicitudes están abertas até o 15 de abril. Tedes máis información na súa páxina web.

b) II Olimpíada Internacional de Astronomía e Astrofísica (IOAA)

A segunda edición da Olimpíada Internacional Junior de Astronomía e Astrofísica IOAA-Juniors terá lugar en setembro en Volos, Grecia. O obxectivo deste evento é achegar ao alumnado de bacharelato as marabillas do cosmos e promover os seus coñecementos na área de astronomía e astrofísica. Para máis información sobre este evento, consultade a súa páxina web.

8) Recursos interesantes

a) Mulleres astrofotógrafas en Qatar [Contido en inglés]

Os desertos de Qatar ofrecen ceos escuros prístinos, perfectos para a astronomía e a astrofotografía. Neste artigo podedes ler as experiencias dalgunhas mulleres novas e intrépidas que abren camiño para si mesmas e para outras no campo da astrofotografía en Qatar.

b) Galerías de astrofotografía da IAU OAE [Contido en inglés]

Durante os últimos dous anos, a Oficina de Astronomía para a Educación da IAU realizou concursos de astrofotografía coa intención de producir unha galería de imaxes de grande calidade e valor pedagóxico que poidan ser utilizadas libremente. Podedes atopar as persoas gañadoras da edición 2021 aquí e as da edición 2022 aquí.

c) Manifesto de Comunicación Científica [Contido en inglés]

Un grupo de persoas que se dedican á comunicación científica reuniuse no Campus Gutenberg-CosmoCaixa en 2022 e elaboraron un manifesto. A través deste documento, pregúntanlle á comunidade cal é a responsabilidade no fomento da paz e a seguridade. O documento conclúe que a comunicación científica pode converterse nunha ferramenta para axudar a eliminar a desigualdade, a inxustiza, a pobreza e outras ameazas á paz. O Manifesto pola Comunicación Responsábel da Ciencia pódese consultar aquí.

d) Xa dispoñíbel o número 34 da revista RELEA [Resumos en español, portugués e inglés, texto principal en portugués]

Xa está dispoñíbel o número 34 da “Revista Latinoamericana de Educación en Astronomía” (RELEA). Este número presenta artigos que tratan temas de formación e formación do profesorado, divulgación e moito máis.

e) Recursos educativos gamificados de AstronoMine [Contido en inglés]

AstronoMine ofrece recursos educativos sobre astronomía para docentes e unha plataforma de Minecraft onde calquera estudante pode aprender sobre astronomía. Tedes máis información na súa páxina web.

f) Xa está dispoñíbel a edición de abril de 2023 do Boletín informativo da Real Sociedade Astronómica de Nova Zelanda (RASNZ) [Contido en inglés]

A RASNZ é unha sociedade dedicada a ampliar o coñecemento da astronomía, fomentar o interese do público pola ciencia e facer avanzar a astronomía cara a novas fronteiras. Podedes ler o seu boletín para obter máis información sobre as súas actividades e oportunidades en Nova Zelanda.

9) Traducións do boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía do inglés a outros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Queres facer achegas ao boletín informativo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía? Estamos sempre na procura de material sobre divulgación e comunicación da astronomía de todo o mundo para incluíla no noso seguinte boletín. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Por favor, enviade as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.