Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Marzo 2023 #1

Neste boletín:

Nota editorial
Asunto destacado: Centro de Participación Comunitaria do CPS
1) Enquisa global sobre iniciativas arredor da contaminación global da IAU OAO
2) Obradoiros CAPtraining
3) Día da comunidade “Big Astronomy” 2023
4) Xa están abertas as solicitudes dos campamentos astronómicos internacionais da xuventude.
5) Día Internacional da Luz 2023
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía en linguas diferentes do inglés
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Nota editorial

Prezadas amizades e colegas,

Neste boletín atoparedes moitas novas oportunidades para aprenderdes da comunidade global de comunicación científica e obterdes recoñecemento tamén polo voso traballo. Por exemplo, hai dous novos obradoiros e guías de recursos dispoñíbeis na canle de YouTube de OAO: CAPtrainings, en colaboración co Telescopio Espacial Webb e o Observatorio Chandra de Raios X. Ademais, animamos a xente nova a participar no Campamento Internacional Astronómico para a Xuventude.

No asunto destacado, presentámosvos unha nova forma de involucrarvos co problema dos ceos escuros e tranquilos: o Núcleo de Participación Comunitaria do Centro IAU para a Protección do Ceo Escuro e Tranquilo da Interferencia das Constelacións de Satélites. Con isto en mente, tamén seguimos coidando o noso proxecto de divulgación global “Ceos Escuros e Tranquilos” que terá lugar en maio. Agardamos que nos axudedes na nosa busca por comprender os esforzos mundiais para combater a contaminación luminosa. Se tedes interese en aprender máis, buscade o folleto sobre contaminación luminosa da IAU, dispoñíbel en lingua filipina e outros nove idiomas.

Como sempre, agradecemos ás Coordinacións Nacionais de Divulgación o seu esforzo para achegar a astronomía a todas as persoas. Aínda que hai moitas que non se enumeran aquí, están a facer un traballo importante en comunidades de todo o mundo.

Tamén queremos engadir un agradecemento especial ás persoas que traducen o boletín, que ofrecen o seu tempo e esforzo voluntario para ampliar o alcance do boletín informativo da IAU OAO.

É con estas redes de voluntariado (NOC, tradución e toda a xente que ofrece o seu tempo á OAO) onde a OAO atopa a súa forza. Grazas por todo o que facedes.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Asunto destacado: Centro de Participación Comunitaria do CPS

O espazo ao redor do noso planeta está cada vez máis poboado. Nos últimos anos lanzáronse miles de novos satélites á órbita baixa da Terra. A maioría están deseñados, lanzados e operados como un grupo cun propósito común, o de ofrecer acceso a Internet de banda larga. As chamadas “megaconstelacións” están a alterar o aspecto do ceo nocturno, o que pode ter importantes implicacións tanto para a ciencia como para a sociedade. Por exemplo, poden interferir coas observacións astronómicas e facer que a investigación perda oportunidades para medir eventos cósmicos raros. Os enxames de satélites poden interferir coas prácticas culturais e relixiosas dalgunhas persoas, incluídas as comunidades indíxenas de todo o mundo. Finalmente, os satélites tamén poden ser unha intrusión non desexada para quen observa estrelas e para todas as persoas que aman a tranquilidade das noites escuras.

A astronomía profesional respondeu a estas ameazas e reuníuse con representantes da industria espacial comercial en 2020 e 2021 na serie de obradoiros “Dark And Quiet Skies” convocados coa Unión Astronómica Internacional (IAU) e a Oficina de Asuntos do Espazo Exterior das Nacións Unidas. Pretendían comprender o problema e suxerir solucións. Un resultado do proceso foi a creación do Centro da IAU para a Protección do Ceo Escuro e Tranquilo contra a Interferencia das Constelacións de Satélites (CPS).

O Núcleo de Participación Comunitaria do CPS ten como obxectivo establecer un foro xusto para o debate consciente e respectuoso sobre o uso do espazo próximo á Terra e os seus efectos no ceo nocturno, con todas as partes interesadas e as comunidades afectadas. O Núcleo colabora principalmente con comunidades fóra da astronomía profesional, xa que os cambios emerxentes no ceo nocturno afectarán a toda a humanidade. Tamén está a traballar xunto coa Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía para axudar a educar o público sobre o tema e animar a súa participación no traballo do CPS.

Calquera persoa pode unirse ao traballo do Núcleo. A súa primeira gran iniciativa é axudar a educar o público sobre o tema dos satélites e como afectan ao ceo nocturno a través do seu programa de divulgación “Satellite Constellations 101”. As persoas participantes poden aprender sobre os satélites ao seu propio ritmo a través dunha serie de vídeos que se espera que estean dispoñíbeis a mediados de 2023. O Núcleo solicitará as opinións das partes interesadas no ceo nocturno a través da redacción de comentarios e reunións de grupos focais. Para obterdes máis información, poñédevos en contacto cos responsábeis do Núcleo en community-engage@cps.iau.org.

1) Enquisa global sobre iniciativas arredor da contaminación global da IAU OAO

Como preparación do noso proxecto de divulgación global Ceos Escuros e Tranquilos deste maio, a IAU OAO está a recompilar información sobre como abordan os países de todo o mundo a loita contra a contaminación luminosa. Nesta enquisa, pedímosvos que proporcionedes información breve sobre as iniciativas no voso país (dirixidas por vós ou por outras persoas) e que acheguedes formas prácticas de que a xente poida involucrarse neste esforzo. Isto vai dende cambiar as lámpadas por LED, asinar unha petición, colaborar cos concellos ou unirse a un grupo de presión… o que creades que é máis relevante para a vosa comunidade. Usaremos esta información como parte dun recurso global sobre contaminación luminosa e como forma de promover iniciativas globais para protexer os nosos ceos escuros e tranquilos.

2) Obradoiros CAPtraining

a) O obradoiro de tratamento de imaxes OAO-JWST xa está dispoñíbel para o público

Este obradoiro trata o proceso de produción dunha imaxe astronómica, desde a recollida de datos no telescopio até a nota de prensa. O obradoiro ofrece unha vía tanxíbel para utilizar os datos reais de telescopios espaciais, así como apreciar o traballo que fan os equipos de procesamento de imaxes para crear as fermosas imaxes que vemos de telescopios espaciais como o JWST.

O obradoiro completo está dispoñible na nosa canle de YouTube aquí.

Tamén podedes atopar a Guía de recursos [en inglés] nesta ligazón.

b) O obradoiro de accesibilidade á imaxe OAO-CXC xa está dispoñíbel para o público

Neste obradoiro, Kim Arcand, do equipo de visualización do Observatorio Chandra de Raios X, xunto con colegas do seu mesmo campo, discuten as formas de facer que as imaxes astronómicas sexan máis accesíbeis para permitir que a comunicación científica chegue a un público máis amplo. O vídeo aborda as descricións das imaxes, as sonificacións, as impresións en 3D e a importancia das traducións e proporciona un camiño para novas formas de uso de datos reais dos telescopios espaciais coas súas audiencias.

O obradoiro completo está dispoñíbel na nosa canle YouYube, aquí.

Tamén podedes atopar a Guía de recursos [en inglés] nesta ligazón.

3) Día da comunidade “Big Astronomy” 2023

“Big Astronomy” é un espectáculo de planetario (financiado pola National Science Foundation dos Estados Unidos) deseñado para mostrar a diversidade de carreiras e persoas na astronomía. A película está deseñada para planetarios, mais tamén hai dispoñíbel unha versión HD para pantallas planas, xunto con numerosas actividades prácticas, entre elas novas actividades accesíbeis para a comunidade cega e con baixa visión e subtítulos para a comunidade xorda e con discapacidade auditiva. Está dispoñíbel para o público de forma gratuíta ou a baixo custo. Descargade aquí a película no voso formato preferido.

Unídevos a quen produciu este programa de planetario no seu Día da Comunidade o Día da Astronomía, 29 de abril de 2023, e durante todo o mes de abril para organizar eventos nos que se proxecte a película “Big Astronomy” ou se desenvolvan actividades prácticas relacionadas.

As organizacións e persoas que organicen un evento do Día da Comunidade “Big Astronomy” terán a oportunidade de gañar un destes tres premios:

Telescopio computarizado Celestron NEXSTAR 6SE

Telescopio solar Meade Coronado P.S.T.

Kit completo de Radio JOVE 2.0

Rexistrade o voso evento aquí antes do 10 de maio.

4) Xa están abertas as solicitudes dos campamentos astronómicos internacionais da xuventude.

Imaxinade pasar tres semanas do verán no campo, baixo algúns dos ceos máis escuros de Europa, traballando con xente moza de todo o mundo no proxecto astronómico que elixades. O International Astronomical Youth Camp (IAYC) é un campamento de investigación de verán que ofrece unha atmosfera internacional única para que a mocidade de entre 16 e 24 anos estude o Universo. A celebración da diversidade está profundamente incrustada na cultura do campamento: queremos que o campamento sexa accesíbel para todas as persoas e agradecemos especialmente as solicitudes de minorías en CTEM.

O IAYC é un lugar de intercambio cultural ao tempo que se aprende a deseñar e levar a cabo un pequeno proxecto propio de investigación. A ciencia non consiste en obter a resposta correcta a primeira vez, senón en explorar preguntas e ter oportunidades para equivocarse: o IAYC é o lugar perfecto para cometer erros e tentalo de novo. Pola noite teredes acceso a varios telescopios diferentes, tanto se sodes principiantes como se tedes experiencia. Durante as tardes, traballaredes con outras persoas o voso proxecto de investigación. Os grupos están dirixidos por profesionais da ciencia xoves e céntranse nun tema específico relacionado co espazo e a astronomía. Hai algo para cada persoa, dende estudantes con ambicións até principiantes (non é necesario ningún coñecemento previo de ciencia ou astronomía!).

Para máis información, consultade esta web e inscribídevos antes do 26 de marzo!

5) Día Internacional da Luz 2023

Achégase o Día Internacional da Luz! Consultade o último boletín informativo do equipo de IDL, que inclúe historias sobre os proxectos en preparación. Lede e subscribídevos ao seu boletín, mantédevos ao día das novidades no seu sitio web aquí e rexistrade aquí os vosos eventos relacionados coa luz.

6) Novas NOC

a) Bangladesh

O equipo de Coordinación de Divulgación Nacional da IAU en Bangladesh, en colaboración coa Sociedade Astronómica de Bangladesh, a Sociedade para a Popularización da Ciencia de Bangladesh, o Whiteboard Science Club, a Sociedade Científica da Universidade de Chittagong e Universe Awareness (UNAWE), celebrou o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia cun obradoiro de dous días para 70 nenas de seis escolas de Chittagong. O obradoiro tiña como obxectivo promover a educación CTEM para as nenas de Bangladesh, especialmente aquelas que se enfrontan a barreiras adicionais para acceder á educación e realizar carreiras nestes campos. Durante o obradoiro, as nenas participaron en concursos e nunha exposición de arte, con premios para as gañadoras. Tamén tiveron a oportunidade de aprender de profesionais da astronomía, o que puido inspirar algunhas delas a escoller a astronomía como carreira.

b) Haití

En homenaxe ás mulleres e nenas na astronomía, o noso Co-NOC de Haití, John Masken Larose, foi mentor dunha estudante, Neïssa Dory, na produción dun vídeo que explica a teoría da deriva continental. Podedes ver o vídeo (en francés) nesta ligazón.

c) Kuwait

O noso NOC de Kuwait, Khaled A. Al-jamaan, organizou un evento -In the Stars- que levou a xente da cidade contaminada pola luz ao medio do deserto de Kuwait para observar un ceo nocturno verdadeiramente escuro. Mirade o vídeo (en árabe) para saberdes máis do evento. O NOC de Kuwait tamén realizou outra sesión na súa serie de obradoiros para crianzas, no que a rapazada de entre 8 e 11 anos aprendeu cousas sobre o noso planeta Terra.

d) Iraq

O noso NOC de Iraq, Ali Jaber Al-Edhari, creou un póster para celebrar unha artista, atleta, estudante e astrónoma afeccionada da súa comunidade. Podedes ver o póster en árabe e en inglés.

e) Qatar

O NOC de Qatar, Hani Dalee, en asociación coa Unión Árabe de Astronomía e Ciencia Espacial, Qatar Calendar, Sociedade Astronómica de Qatar, QU Astronomy Club e QNHG & Engineers’ Paths (Masarat), organizaron un evento para ver a conxunción de Xúpiter e Venus en Rawdat Al-Hamamah.

f) Bahrein e Líbano

Os equipos NOC de Bahrein (Myriam Alqassab) e Líbano (Ahmed Chalaan) realizaron un evento chamado “A astronomía nas escolas, a miña experiencia na educación”, que formou parte dunha serie de seminarios web mensuales organizados a iniciativa das oficinas IAU na rexión árabe para a Educación e a Divulgación da Astronomía.

7) Oportunidades

a) Propoñede unha candidatura ao Premio Beetlestone 2023!

O premio Beetlestone chega ao seu sexto ano co obxectivo de recoñecer un traballo extraordinario na educación informal en ciencias. Para nomeardes alguén, completade este breve formulario en liña aquí antes do 15 de maio. Non son necesarias referencias. Para obterdes máis información sobre a elixibilidade e a orientación da candidatura, consultade esta páxina.

b) Oportunidades de investigación da rede PAPSSN: data límite 19 de marzo

O obxectivo xeral da rede PAPSSN é apoiar o desenvolvemento dunha comunidade de estudantes de posgrao cualificada e innovadora e mellorar a súa preparación para o crecente mercado laboral en ciencias planetarias e espaciais en África, así como fomentar a súa capacidade para operar infraestruturas locais, xerar datos locais e relacionarse coa comunidade internacional. Podedes saber máis sobre estas oportunidades aquí.

c) Abertas as solicitudes STEM MentHER

STEM MentHER abriu solicitudes para o seu programa 2023. As candidaturas están abertas para rapazas de secundaria en Gauteng e Western Cape, Sudáfrica. As candidatas seleccionadas serán orientadas por profesionais do ámbito académico e estudantes de posgrao que se identifican como mulleres. Para máis información, consultade esta ligazón.

d) A convocatoria global Falling Walls 2023 xa está aberta

Falling Walls invita os principais actores da ciencia e do mundo académico a que propoñan proxectos científicos innovadores en nove categorías diferentes para ser nomeados como os avances científicos do ano de Falling Walls. Esta é unha boa oportunidade de mostrardes o voso traballo innovador que aborde os desafíos globais. Solicitade agora e presentade a vosa investigación innovadora no Falling Walls Science Summit 2023. Entre as categorías están as ciencias físicas, a enxeñaría, a divulgación científica e as startups. Para máis información, consultade esta ligazón.

e) Solicitade agora un proxecto de Física sen Fronteiras

Physics Without Frontiers (Física sen Fronteiras) ten como obxectivo motivar, formar e educar estudantes de física e matemáticas das universidades de todo o mundo para construír a próxima xeración de profesionais da ciencia. Physics Without Frontiers organiza proxectos que traballan con persoas voluntarias apaixonadas por promover e apoiar a física e as matemáticas. Podedes saber máis e solicitar un proxecto nesta ligazón.

f) Oportunidade de prácticas: World Space Week Association

A World Space Week Association busca dúas persoas que se unan ao seu equipo. Se tedes interese nas comunicacións ou relacións externas, esta é a oportunidade perfecta para adquirirdes experiencia. Para obterdes máis información e unha listaxe de ofertas de traballo, consultade o seu sitio web.

8) Recursos interesantes

a) Xa está dispoñíbel un novo Space Coop [Contido en inglés]

Space Scoop produce artigos sobre as novidades en astronomía e ciencia espacial en linguaxe fácil de entender. Non perdades as súas actualizacións semanais que inclúen historias de moitas das axencias espaciais do mundo. Podedes atopar o Scoop aquí e aquí. Se queredes axudar a que Space Scoop se traduza a máis idiomas do mundo, envíade un correo electrónico a info@unawe.org.

b) Folleto sobre contaminación luminosa [Contido en árabe, indonesio, malaio, chinés, inglés, lingua filipina, polaco, portugués, español e turco]

Esta publicación é unha compilación de importantes descubrimentos feitos por persoas expertas de todo o mundo na área da contaminación luminosa. A información compilouse baixo o paraugas do programa “Cosmic Light”, organizado pola IAU durante o Ano Internacional da Luz 2015. O obxectivo deste folleto é dar a coñecer os avances recentes na nosa comprensión da contaminación luminosa, en particular no que respecta ao uso de LEDs, para apoiar a comunidade astronómica e aumentar a conciencia pública sobre a investigación nesta área. O folleto está agora dispoñíbel en lingua filipina nesta ligazón.

c) Asunto destacado de investigación: estas ferramentas axudan as persoas con discapacidade visual a ler datos e revistas

Neste artigo de Nature, a autora describe as barreiras que teñen as persoas cegas e con baixa visión para entrar nos campos CTEM e as ferramentas que poden axudalas a superar esas barreiras. Tedes máis información aquí.

9) Traducións do boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía do inglés a outros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Queres facer achegas ao boletín informativo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía? Estamos sempre na procura de material sobre divulgación e comunicación da astronomía de todo o mundo para incluíla no noso seguinte boletín. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Por favor, enviade as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.