Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Xaneiro 2023 #1

Neste boletín:

Nota Editorial
Asunto destacado: Mirando cara a 2023
1) Mulleres e nenas na astronomía
2) Telescopios para todas as persoas
3) Ceos escuros e tranquilos
4) Coñece as persoas que fan astronomia na IAU!
5) 100 horas de astronomía
6) Comunicar a astronomía con programas públicos
7) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía en linguas diferentes do inglés
8) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Nota editorial

Prezadas amizades e colegas,

Agardamos que teñades un feliz e tranquilo Ano Novo! Temos moitas cousas interesantes preparadas para 2023. Os nosos programas aproveitaranse do éxito do 10º aniversario da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía ampliando as nosas ofertas e reforzando os nosos lazos coas entidades colaboradoras. Por exemplo, este ano organizaremos un concurso de cartaces no noso programa “Mulleres e nenas na astronomía” no que se pedirá ás persoas participantes que deseñen un póster dunha muller histórica ou contemporánea en astronomía que as inspire. Este concurso de cartaces substitúe o concurso “Debuxa unha astrónoma”, que contou con máis de 750 entradas de 20 países.

Tamén pensamos ampliar moito a nosa formación pública en comunicación da astronomía. Estamos planeando organizar un obradoiro unha vez ao mes en consonancia cos nosos proxectos de alcance global ao longo do ano. Todo o mundo poderá participar nestes obradoiros a través das gravacións que colocamos na nosa canle de YouTube. Un destes cursos sobre como construír o teu propio telescopio terá lugar durante o certame “Telescopios para todas as persoas”.

Tamén estamos proxectando algunhas colaboracións e asociacións futuras con organizacións astronómicas de todo o mundo. Seguide o noso boletín para obterdes máis información mentres ampliamos o alcance da OAO!

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo de divulgación da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía.

1) Mulleres e nenas na astronomía

Cada ano a nosa celebración das mulleres e as nenas na astronomía ten lugar entre o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o 11 de febreiro, e o Día Internacional da Muller, o 8 de marzo. Despois do éxito da programación de 2022, invitamos a profesionais da divulgación astronómica, grupos amadores da astronomía, profesionais da investigación, profesorado e líderes de comunidades a unirse ao programa. Podes organizar o teu propio evento para celebrar as mulleres e nenas na astronomía, unirte ao concurso de cartaces ou compartir a túa historia dentro do ámbito astronómico. Pronto se anunciarán máis contidos.

2) Telescopios para todas as persoas

En 2023, “Telescopios para todas as persoas” volverá asociarse con Sterren Schitteren Voor Iedereen (As estrelas brillan para todas as persoas – SSVI), a Universidade de Gante, o Departamento de Física e Astronomía da Universidade de Leiden e BRESSER para levar telescopios asinados por astronautas, persoas científicas e Premios Nobel a comunidades desatendidas de todo o mundo. O proxecto pretende ampliar os horizontes de crianzas, maiores, educadoras e educadores. O noso obxectivo é axudar a espertar o interese pola ciencia e proporcionar un acceso equitativo aos recursos, abrindo o camiño para futuras carreiras na astronomía. Para esta cuarta edición do programa, temos previsto ampliar o noso apoio proporcionando a formación e os recursos necesarios para construír un telescopio. Prepárate para o lanzamento en abril de 2023!

3) Ceos Escuros e Tranquilos

En maio de 2023 pensamos aproveitar o éxito da celebración do ano pasado dos Ceos Escuros e Tranquilos. Fortaleceremos as nosas conexións coas entidades colaboradoras, incluído o Centro de Protección do Ceo Escuro e Tranquilo contra a Interferencia de Satélites (CPS) e o Día Internacional da Luz (IDL). Este ano estamos a planificar algúns eventos novos, como unha noite de trivial mundial (con premios!) e un compromiso contra a contaminación luminosa. Nos próximos meses anunciaremos máis detalles sobre como podes participar na loita para acabar coa contaminación luminosa!

4) Coñece ás persoas que fan astronomía na IAU!

En 2023 seguiremos apoiando o programa “Coñece ás persoas que fan astronomia na IAU”. O programa achega as persoas socias da IAU ás crianzas, maiores e público xeral para que compartan as súas investigacións astronómicas, a importancia da astronomía para a sociedade e a elección da astronomía como carreira. Únete ao programa ou solicita a túa actividade nesta ligazón.

5) 100 horas de Astronomía

Do 5 ao 8 de outubro de 2023 a OAO invita a profesionais da divulgación astronómica, grupos afeccionados á astronomía, profesionais da investigación, profesorado e líderes de comunidades a unirse a estas 100 horas de celebración do ceo que compartimos. O programa pretende involucrar o maior número de persoas en actividades de divulgación astronómica. Unirse é sinxelo: só tes que planificar o teu evento e avisarnos para que poidamos engadilo ao noso calendario global.

6) Tríptico CAP (Comunicar a Astronomía co Público)

a) Revista CAP

No primeiro trimestre de 2023 sairá un novo número da revista CAP con algúns aspectos destacados da conferencia híbrida CAP 2022 que se celebrou en setembro de 2022 en Sydney, Australia, e tamén en liña. Ademais, en homenaxe ao centenario do planetario que se celebrará entre 2023 e 2025, a revista CAP terá unha edición especial sobre planetarios en todo o mundo. Abrirase unha convocatoria de traballos con máis información nas próximas semanas.

b) Conferencia CAP

Xa nos tarda a próxima conferencia híbrida CAP en 2024! Aínda se están a revisar as solicitudes para as entidades anfitrioas, mais a localización da próxima conferencia anunciarase en marzo de 2023.

c) Formación CAP

Este ano ampliamos a nosa formación sobre CAP, incluíndo un obradoiro sobre como facer que as imaxes astronómicas sexan accesíbeis para a comunidade cega e con discapacidade visual, divulgación inclusiva de xénero, astrofotografía e moito máis. Aínda que os eventos en directo son exclusivos da nosa familia da IAU, poremos as gravacións dispoñíbeis gratuitamente na nosa canle de YouTube.

7) Traducións do boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía do inglés a outros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

8) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Queres facer achegas ao boletín informativo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía? Estamos sempre na procura de material sobre divulgación e comunicación da astronomía de todo o mundo para incluíla no noso seguinte boletín. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Por favor, enviade as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.