Nos últimos meses foron varias as persoas que nos preguntaron se na Agrupación Ío había unha “sección infantil” na que puideran inscribirse os nenos e nenas menores de 14 anos (recordámosvos que entre os 14 e os 18 anos segundo os nosos estatutos é posíbel ser socio “xuvenil” da agrupación, con cota anual reducida e sen dereito a voto nas asembleas). Na última Asemblea Xeral Ordinaria deixouse a porta aberta a buscar unha fórmula que permitise achegar aos menores de 14 anos que están interesados na astronomía sen que iso signifique para eles ningunha clase de dereito nin de deber respecto do funcionamento da agrupación. Trátase, en suma, non de convertelos en socios, senón de outorgarlles algunha clase de recoñecemento simbólico que os identifique coma simpatizantes da astronomía e da Agrupación Ío. Para esta nova figura pensamos no nome de “satélites”. Contámosvos agora de que vai isto en modo F. A. Q. («Frequently Asked Questions» ou «preguntas frecuentes»):
Quen pode ser satélite da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío?
Calquera neno ou nena menor de 14 anos que teña interese pola astronomía.
Que debe facer para converterse en “satélite”?
Debe achegarnos algúns datos persoais (nome e apelidos, enderezo de contacto…) e os do adulto que se faga responsábel do mesmo (pai, nai ou titor legal ou persoas con parentesco ou clara relación directa autorizados polos anteriores). A persoa adulta responsábel deberá ser socia numeraria da Agrupación Ío ou facerse socia ao mesmo tempo que se inscriba o “satélite”.
Canto custa facerse satélite da Agrupación Ío?
Os satélites da Agrupación Ío non teñen condición de socios e polo tanto non pagan cota de ningunha clase. As persoas adultas que se responsabilizan deles pagarán a cota que corresponde aos socios numerarios.
Un satélite da Agrupación Ío ten número de socio/a?
Os satélites non terán número de socio seguindo os catálogos Messier e Caldwell, pero si terán un alias: os nomes dos satélites naturais do Sistema Solar, comezando por proximidade ao Sol pola Lúa, satélite da nosa Terra.
É necesario ser satélite para participar (en xeral) nas actividades da Agrupación Ío?
En absoluto. A inmensa maioría das actividades da agrupación están abertas a toda a cidadanía, socios e non socios. E o mesmo sucede, por suposto, cos nenos e nenas, ¡faltaría máis! Iso non é óbice para que nalgunhas actividades concretas con prazas limitadas poidan ter preferencia as persoas asociadas e/ou satélites.
Que teñen que facer os satélites da agrupación?
A súa obriga máis importante é… ter curiosidade e aprender. E nós con eles. Queremos axudalos a gozar da astronomía, darlles ideas, suxerirlles lecturas e actividades, proporcionarlles materiais para que pensen e practiquen. E queremos que contaxien o seu amor pola astronomía a máis persoas, pequenas e grandes. Que nos axuden, á súa maneira, a poñer en valor o ceo nocturno e a inmensa riqueza cultural asociada.
Que lles dades?
Un bonito carné que lles dará dereito a entrar de balde na Casa das Ciencias da Coruña. E algunha outra sorpresa, mais as sorpresas non se contan!
Cal é o sentido do nome satélites para identificar aos pequenos simpatizantes da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío?
É unha analoxía entre o concepto de satélite natural na astronomía e as nosas crianzas. Un satélite natural é un corpo celeste que orbita arredor dun planeta, con menor masa que este e ao que acompaña por atracción gravitacional no seu movemento de translación. E agora, olla aos cativos xogar… ves as semellanzas?