O próximo luns, 9 de maio, terá lugar un deses acontecementos astronómicos que xeran expectación entre os afeccionados: un tránsito de Mercurio, o paso do planeta Mercurio por diante do disco solar.
En xeral, denominamos “tránsito” ao paso dun obxecto celeste por diante doutro máis grande. É un fenómeno equivalente a unha eclipse, só que nun tránsito a ocultación é moi pequena, apenas un punto sobre o outro astro, mais en todo caso suficiente para ser detectada sen problemas. De feito, moitos dos exoplanetas descubertos fóra do sistema solar foron identificados pola diminución da luz que recibimos dunha estrela ao transitaren estes por diante dela.
No noso “barrio”, o sistema solar, podemos ver tránsitos dos dous planetas cuxas órbitas arredor do Sol son interiores á da Terra, Mercurio e Venus, mais trátase de acontecementos pouco frecuentes. De Venus tivemos tránsitos en 2004 e 2012 e non volverá haber outro até 2117. Suceden máis a miúdo os de Mercurio, mais aínda así son escasos: de media hai 13 por século. E é que non basta con que o planeta se interpoña entre a Terra e o Sol. A órbita de Mercurio está inclinada 7 graos respecto da da Terra e por iso cando se sitúa entre nós e o Sol as máis das veces pasa por riba ou por debaixo do noso plano orbital. Para que suceda o tránsito Mercurio debe pasar polos lugares nos que a súa órbita corta o plano orbital da Terra; nese caso teremos dende aquí a visión aparente do planeta coma un punto que avanza diante do Sol. Un punto cun diámetro 158 veces menor có do Sol, o cal dá idea de que para aprecialo precisamos ferramentas ópticas que nos permitan obter unha imaxe aumentada, coma un telescopio solar ou un telescopio convencional co filtro solar axeitado.
Cómpre insistir unha vez máis en que observar observar o Sol a ollo ceibe é moi perigoso. Facelo a través de prismáticos ou telescopios sen filtros solares é garantía de danos irreparábeis no ollo de forma inmediata. Nunca, nunca, nunca se pode mirar o Sol sen a debida protección. Negativos, cristais afumados, Cds e outros trucos caseiros non serven de nada: filtran levemente o brillo mais son transparentes á maioría da radiación solar (por exemplo a infravermella e ultravioleta) co cal observar o Sol con eles é expoñerse a danos gravísimos, maximizados pola falsa sensación de confianza que producen. No caso de usarmos prismáticos ou telescopios, é imprescindíbel contar con filtros solares específicos colocados entre o Sol e a entrada de luz, nunca sobre o ocular. Debemos ser moi coidadosos e impedir que ninguén mire accidentalmente polo telescopio sen filtro, pois as lesións, insistimos, son inmediatas.
O mellor para gozar do tránsito sen riscos é participar na observación pública que a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío organiza en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses o vindeiro luns 9 de maio. Entre as 13 e as 19h haberá a disposición da xente na contorna da Casa das Ciencias, no Parque de Santa Margarita da Coruña, un telescopio con filtro solar seguro para observación visual e, ademais, un segundo telescopio rexistrará por cámara o tránsito e ofrecerá a imaxe por streaming a través do sitio web da Agrupación Ío. A asistencia, por suposto, é de balde.
Lugar: Casa das Ciencias, Parque de Santa Margarita (A Coruña).
Data e hora: luns 9 de maio, de 13 a 19 horas.
*Máis información sobre outras observacións en España, no sitio web da Federación de Asociaciones Astronómicas de España.
Pingback: Actividades da Agrupación Ío no primeiro semestre de 2016 - Agrupación Ío