A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío avanzou esta mañá en rolda de prensa algunhas informacións sobre o Congreso Estatal de Astronomía 2020 (CEA2020) que acollerá a nosa cidade o vindeiro ano. Como primeiro contido destacado, a organización anunciou a presenza da lendaria astrofísica Jocelyn Bell, descubridora dos púlsares, como convidada principal do congreso.
Durante os seus xa máis de 50 anos de traxectoria enfocada á astronomía, tanto na investigación como na docencia, Jocelyn Bell erixiuse nun referente tamén polo seu compromiso activo en favor da educación e da igualdade de oportunidades en ciencia. Unha mostra excepcional desta actitude foi a súa decisión de doar o ano pasado o importe íntegro do “Breakthrough Prize”, dotado con 3 millóns de dólares, para financiar bolsas de investigación dirixidas a mulleres, colectivos infrarrepresentados na ciencia e refuxiados. Unha decisión exemplar e inspiradora que encaixa plenamente co espírito do noso CEA2020, que ten como lema o fomento da igualdade, a equidade e a inclusión na astronomía.
A Agrupación Ío deu a coñecer tamén as datas clave para o XXIV Congreso Estatal de Astronomía. Así, desde o 30 de xuño até o 30 de novembro de 2019 poderán remitirse resumos das comunicacións orais, pósteres e obradoiros para a súa avaliación por parte do comité científico, e do 1 de decembro de 2019 ao 28 de febreiro de 2020 estará aberto o prazo para os concursos de fotografía e debuxo astronómico. A inscrición de congresistas será posíbel entre o 30 de xuño de 2019 e o 31 de marzo de 2020.
Congreso Estatal de Astronomía
O Congreso Estatal de Astronomía é o principal punto de encontro das asociacións astronómicas que hai en España. O obxectivo dos congresos é dar a coñecer as experiencias e os avances en calquera campo, tanto no que se refire ás técnicas e procedementos de observación como á educación e divulgación da astronomía e as ciencias do espazo e a colaboración Pro-Am entre a astronomía profesional e a amadora. O primeiro tivo lugar en 1976 en Barcelona; desde entón, van xa 23 edicións, a última a que se celebrou en Cuenca a comezos de novembro, onde foi elixida a candidatura da Agrupación Ío para organizar na Coruña o seguinte congreso.