vialacteaPC
Fotografía de Óscar Blanco

A idea xurdiu este verán: sería posíbel conseguir que o Parlamento de Galicia fixese unha declaración institucional en defensa do ceo nocturno, na liña da Declaración de La Palma de 2007 (PDF, 1,1MB)? As declaracións institucionais non se someten a votación; saen adiante por acordo previo e pactado entre os grupos parlamentarios, que consensúan ou aceptan un texto que logo é lido en sesión plenaria. Malia non ter consecuencias legais directas, unha declaración deste tipo posuiría un enorme valor simbólico. O noso obxectivo é poñer na axenda pública un tema, o da contaminación luminosa e o valor patrimonial do ceo nocturno, que infelizmente aínda non o está.

A semana pasada contactamos con todos os grupos parlamentarios e conseguimos marcar en pouquísimo tempo un encontro persoal con eles para o xoves. En representación da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío asistiron dúas persoas da directiva que se reuniron nunha tarde maratoniana con, por orde, Ana Pontón (BNG), Miguel Tellado e Gonzalo Trenor (PP), Xosé Antonio Sánchez Bugallo (PSOE), Antón Sánchez (AGE) e Consuelo Martínez (Grupo Mixto). Estes deputados e deputadas foran previamente informados dos motivos da entrevista, ao longo da cal se lles explicou a importancia dunha declaración do Parlamento de Galicia en defensa do ceo e se lles entregou unha proposta de texto e, ademais, a nota informativa sobre contaminación luminosa. As cinco reunións deixaron moi boas sensacións, mais aínda é cedo para comprobar os resultados. Haberá que agardar aínda uns días.

Nesta iniciativa en defensa do ceo nocturno a Agrupación Ío non viaxa soa. Contamos co apoio e a adhesión de Cel Fosc, Asociación de Amigos de la Casa de las Ciencias, Calidade do Ceo, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Agrupación Astronómica Rías BaixasAsociación Astronómica SirioAsociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e TecnolóxicaClube Vega e Asociación DROSERA para Estudo e Conservación do Medio NaturalMoitas grazas a todas estas organizacións amigas e aos colectivos e asociacións que se vaian sumando de aquí en adiante.

2 Comments

  1. Victor Perez 21 de septiembre de 2015 at 22:00 10Mon, 21 Sep 2015 22:00:52 +020052.

    Desde el Mirón del Cielo también nos sumamos a la iniciativa. Un abrazo a todos los compañeros.

  2. Pingback: Declaración institucional do Parlamento de Galicia en defensa do ceo nocturno | Agrupación Ío