Dentro do ciclo de cinema que organiza a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, esta semana na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano poderá verse O planeta salvaxe de René Laloux, con deseño visual de Roland Topor. As sesións serán o xoves 7, venres 8 e sábado 9 ás 20:30. Proxectarase unha copia en 35 mm en versión orixinal subtitulada. Na sesión do venres haberá presentación e coloquio co escritor Xabier P. DoCampo.

LaPlaneteSauvage2 LDO PLANETA SALVAXE

Dirección: René Laloux
Guión: René Laloux e Roland Topor, sobre unha novela de Stefan Wul
Fotografía: Boris Baromykin e Lubomir Rejthar (cor)
Montaxe: Hélène Arnal e Marta Látalová
Música: Alain Goraguer
Deseño gráfico: Roland Topor
Produción: Simon Damiani, Anatole Dauman e André Valio-Cavaglione

Premio Especial do Xurado no Festival de Cannes 1973

“Hai moitas boas razóns para ver esta película extraordinaria. O planeta salvaxe é un dos primeiros filmes de animación franceses e tamén un dos primeiros que non ía dirixido exclusivamente a un público novo. Naceu do encontro do director René Laloux e o talentoso Roland Topor. Eles dous adaptaron libremente a novela de ciencia ficción de Stefan Wul (pseudónimo de Pierre Pairault) Oms en serie publicada en 1957. Topor tamén é autor dos debuxos e do universo visual da película, dirixida por Laloux. O planeta salvaxe emprega a técnica de animación do papel recortado. Os debuxos están feitos con lapis en tons pastel, o que contrasta coa estética tradicional. A película foi coproducida con Checoslovaquia, un país con sólida tradición no campo da animación, e foi filmada nos estudos de Jiří Trnka en Praga. Topor, membro do movemento pánico, é herdeiro do surrealismo literario e pictórico. O seu universo poético é a miúdo cruel e iconoclasta. Filme de ciencia ficción cheo de imaxinación, cun bestiario e flora dunha beleza perturbadora, O planeta salvaxe é sobre todo unha alegoría política sobre os temas da escravitude e da revolución, a civilización e a barbarie, unha fábula onde conflúen Swift, Espartaco e os pogroms de Europa Central. As diferenzas de escala entre os xigantescos Dragóns e os Oms reducidos ao tamaño de insectos xeran visións de pesadelo e psicodélicas que fan d’O planeta salvaxe unha gran película pop.

As fascinantes imaxes d’O planeta salvaxe sobreviviron ao paso das décadas, acompañadas pola música electrónica de Alain Goraguer, que se fixo tan famosa como a película. O planeta salvaxe gañou o Premio Especial do Xurado no Festival de Cannes, o ano en que Francia estaba representada por outras dúas películas con audacia e ambición pouco comúns, La Maman et la Putain de Jean Eustache e La Grande Bouffe de Marco Ferreri.

René Laloux só fará tres longametraxes de animación, todas elas no xénero de ciencia ficción, con colaboradores excepcionais. Despois d’O planeta salvaxe, fará Les Maîtres du temps (1981) tamén sobre un texto de Wul, con debuxos de Moebius e guión de Jean-Patrick Manchette, e despois Gandahar (1988) a partir da novela de Jean-Pierre Andrevon, con debuxos de Philippe Caza, producida enteiramente en Corea do Norte. Dúas películas a redescubrir”.

Olivier Père (texto tomado do seu blog en Arte, 7 de xuño de 2017)