Ao longo do mes de decembro a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío programa, co apoio do Concello da Coruña, unha serie de proxeccións de cinema con clásicos da ciencia ficción no Fórum Metropolitano e dúas sesións no CGAI-Filmoteca de Galicia que revisan a fascinación polo ceo de prestixiosos cineastas contemporáneos.

CGAI-FILMOTECA DE GALICIA: VISIÓNS DO CEO

PoLA obra do canadense Peter Mettler (Toronto, 1958) lidou sempre cos contactos (e conflitos) entre a ciencia e a tecnoloxía, a natureza e a capacidade humana para facer do mundo relato e mitoloxía. Despois de tres longametraxes de ficción (Scissere, The Top of His Head e Tectonic Plates) o cineasta aceptou a suxestión do artista e científico suízo Andreas Züst (1947-2000) de filmar as auroras boreais en Picture of Light. O desafío era en primeiro lugar tecnolóxico, o de captar as sutís fantasmagorías que producen as execcións de material solar ao chegar a atmosfera terrestre, só ao alcance da película cinematográfica cando se amplían considerabelmente os tempos de exposición (de aí a necesidade de empregar a técnica do time-lapse), e facelo ademais en condicións climáticas extremas, con temperaturas de até 40 graos baixo cero que exixían a axeitada protección das cámaras. Mais sobre todo estaba o desafío estético, o rexistro da “marabilla”, a beleza suprema dun fenómeno natural que escapa ao noso control. Vinte anos antes da invención do selfie, Peter Mettler reflexiona no filme acerca do feito de vivirmos nun tempo no que só parecen existir as cousas que poden ser gardadas en imaxes. Mais as imaxes conxeladas para sempre polo cinema dun prodixio efémero non son o prodixio: a experiencia é sempre outra.

BanewlLowIsto serve tamén para The Green Ray, a curta na que conseguiu captar o fuxidío último raio do Sol a inglesa Tacita Dean (Canterbury, 1965), artista plástica mundialmente recoñecida, candidata en 1998 ao Premio Turner e en continuo apostolado dos 16mm. Antes, en 1999, propuxérase filmar a eclipse solar total do 11 de agosto nunha granxa. O día grande amenceu cuberto de nubes, experiencia esta non precisamente descoñecida para os afeccionados ao ceo, así que o resultado, Banewl, non fala tanto do encontro da Lúa e o Sol como da experiencia de vivir ese encontro nese lugar, ao ritmo apracíbel das vacas que se fan donas da paisaxe.

Martin Pawley (texto do programa de novembro/decembro do CGAI-Filmoteca de Galicia).

Venres 1 decembro, 20:30.
Presentación: Marcos Pérez e Martin Pawley. Entrada de balde.

PICTURE OF LIGHT (1994). Canadá-Suíza. 83 minutos. Proxección en DCP.
Dirección e guión: Peter Mettler
Filme presentado nos festivais de Rotterdam, Locarno, Toronto e Sundance.

FOGOS (2017). 14 minutos. Proxección en DCP.
Dirección: Marcos Pérez e Martin Pawley
Produción: Museos Científicos Coruñeses
Estrea mundial no FIC Xixón 2017. A competición no Festival de Cinema Imersivo de Espinho 2017.

Sábado 2 decembro, 18:00.
Presentación: Martin Pawley. Entrada de balde.

BANEWL (Tacita Dean, 1999). Reino Unido. 63 minutos. Proxección en 16 mm.
THE GREEN RAY (Tacita Dean, 2001). Reino Unido. 2 minutos. Proxección en 16 mm.