Dende este mundo vello e canso
contémplovos, altas estrelas;
flores máxicas, abertas
no gran prado da noite;
soños perdidos no espacio,
irmaos dos soños meus,
dos meus anceios.
Escríbovos en verso coa esperanza
de que chegue a vós a miña voz:
un chío a penas perceptíbel.
Vós aínda sodes puras e fermosas.
Aínda gardades un segredo
e defendedes o misterio
que vos arreda de nós.
Aínda o home non puxo
os seus pés impuros
no voso chao inmaculado,
nin levou deica vós
as súas xenreiras,
o seu odio,
o seu trafego incansábel
que nunca ten remate.
Illas marabillosas e lonxanas,
ciscadas no inmenso mar
da noite: na voz do vento
escribo as miñas verbas
para que elas leven,
ao voso silencio de séculos,
a vosa intimidade de mundos puros
o meu latexo, humano e namorado
da vosa maxestade no azul inmenso.
Os vellos poetas cantaron cheos de amor
o voso parpadexo milagreiro,
a música harmoniosa das esferas,
o voso cintilar resplandecente
e incluso algún deles ten
saloucado por vós nas noites mainas.
Teño que dicirvos –Sirio, Aldebarán,
Venus, Casiopea, estrelas todas,
constelaciós, luceiros e galaxias–
este desacougo que me ten amarrado
a unha vida con paisaxes de cemento,
con regulamentos e horarios de traballo,
con decretos para vivir e morrer,
con música ié-ié e luces fluorescentes
que aluman máis e custan menos.
Cando vos ollo a vós no ceo inmenso
sempre tan despertas, tan acesas,
coroando os meus soños máis amados
nácenme non sei que arelas de pureza,
de vivir unha vida limpa e ceibe.
Altas, lonxanas estrelas luminosas;
rosas de luz na noite escura
que alumades o meu pobre corazón;
patrias dos anceios, dos fondos
e impresionantes silencios siderais:
¡defendede a vosa independencia,
o voso privilexio
de mundos imposíbeis e lonxanos!
Manuel María, «Carta ás estrelas» (Remol, 1970)
*O Día das Letras Galegas está dedicado en 2016 ao poeta da Terra Chá Manuel María.
Preciosa poesía para o día das letras, e para o ano da luz!
«Illas marabillosas e lonxanas,
Ciscadas no inmenso mar da noite»
No podería dar mellor definición de estrela! Manuel María, poeta da Terra, mira ao ceo, e coñéceo, seguramente porque dende a súa Terra Chá as noites serían, (non sei se son todavía ..) marabillosas.
Grazas por compartirla, e grazas por eses hipervínculos que explican algúns dos nomes e conceptos. (Esta poesía non a coñecía )
Pingback: Loitando contra os virus emerxentes