Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)
Xuño 2018 #1
Neste boletín:
0) Nota dos editores
1) A Rede de Tradución Astronómica recibe financiamento do NAOJ
2) Brecha de xénero en ciencia
3) Boletín #87 da Comisión C1 da IAU de educación e desenvolvemento da astronomía
4) Novas tendencias en educación astronómica: obradoiro de día de educación en astronomía e astrobioloxía
5) Explora o Sistema Solar coa expedición a Vesta, a Lúa e Marte
6) Educación CTEM en Puerto Rico
7) Sons do sistema (System Sounds)
8) Escola de verán STEAM de comunicación da ciencia
9) Encontros e actividades globais de 2018
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!
0) Nota dos editores
Nas últimas semanas na institución que nos acolle, o Observatorio Astronómico Nacional do Xapón (NAOJ), o noso equipo estivo traballando na primeira charla convidada do Proxecto Diversidad @NAOJ, unha serie de conferencias no marco do vindeiro Simposio IAU 2019 “Astronomía para a Igualdade, a Diversidade e a Inclusión – unha folla de ruta para as actuacións no marco do centenario da IAU”. Coa mirada posta no 2019 e as celebracións do centenario da IAU, o noso equipo aspira a incrementar o número de representantes nacionais -os Coordinadores de Divulgación Nacional, NOCs– até cen! Se achas que o teu país non ten aínda representante nacional, por favor contacta con nós! Por último, mais non é menos importante, estamos contentos de anunciar que o proxecto da Rede de Tradución Astronómica (Astronomy Translation Network, ATN) foi galardoado pola NAOJ co premio “Financiamento para o mantemento do medio de estudo”, en recoñecemento ao valor do proxecto para difundir recursos en todo o mundo.
Neste número destacamos a enquisa mundial sobre brecha de xénero na ciencia, o boletín número 87 da Comisión 1 IAU de Educación e Desenvolvemento da Astronomía, e recomendamos o proxecto “Explora o Sistema Solar a través de Vesta, a Lúa e Marte”.
Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!
O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU
1) A Rede de Tradución Astronómica recibe financiamento do NAOJ
O noso proxecto da Rede de Tradución Astronómica NAOJ/IAU OAO recibiu do Observatorio Astronómico Nacional do Xapón o premio “Financiamento para o mantemento do medio de estudo”. O Director Xeral do NAOJ, o doutor Saku Tsuneta, achegou un millón de iens para apoiar a continuidade do proxecto pola súa relevancia para a comunidade astronómica internacional. A Rede de Tradución Astronómica é un proxecto global que centraliza os recursos máis valiosos que precisan tradución e asocia as necesidades de tradución cos voluntarios. Esta iniciativa está liderada por Yukiko Shibata, responsábel de divulgación internacional da OAO.
Visita a Rede de Tradución Astronómica en https://sites.google.com/oao.iau.org/translation/about e descubre máis sobre o proxecto.
2) Brecha de xénero en ciencia
Até o 31 de outubro de 2018 o Consello Internacional para a Ciencia (International Council for Science, ICSU) desenvolve a enquisa “Un achegamento global á brecha de xénero en matemáticas, computación e ciencias naturais: como medila, como reducila?”. A enquisa diríxese a 45000 persoas en múltiples idiomas para acadar un coñecemento máis preciso da brecha de xénero na ciencia global. A Unión Astronómica Internacional participa na enquisa canda outras asociacións e o ICSU.
Por favor, difundide e compartide a enquisa entre os vosos colegas:
https://icsugendergapinscience.org/2018-global-survey-of-mathematical-computing-and-natural-scientists/
3) Boletín #87 da Comisión C1 da IAU de educación e desenvolvemento da astronomía
O boletín #87 da Comisión C1 da IAU xa está dispoñíbel. Nesta publicación da IAU atoparedes información actualizada da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento, os informes “NASE reúnese con profesorado de bacharelato do Xapón”, “Educación astronómica: deberíamos escoitar”, “Astronomía para todas as persoas: un curso innovador que prepara ao profesorado para ensinar astronomía a estudantes con discapacidades”, “Estrelas que inspiran, reportaxe sobre o proxecto de exposición mundial inclusiva da IAU”, “Un século de astronomía e comunicación sen fronteiras” e moitas cousas máis.
Podes ler o boletín aquí: http://iaucc1.frm.utn.edu.ar/wp-content/uploads/2012/11/IAUNL87.pdf
4) Novas tendencias en educación astronómica: obradoiro de un día de educación en astronomía e astrobioloxía
A Inter-División Comisión B-C de “Protección dos sitios de observación existentes e potenciais”, a C1 de “Educación e Desenvolvemento da Astronomía” e a Inter-Comisión C1-F2-F3-H2 “Grupo de traballo de educación e formación en astrobioloxía”, propoñen un encontro para desenvolver diferentes asuntos e recursos que queden a dispor do profesorado. O profesorado de secundaria e bacharelato, así como os e as colegas da IAU, poden asistir ao obradoiro de educación de un día o 19 de agosto no observatorio Kuffner de Viena, Austria, xusto antes da Asemblea Xeral da IAU. A sesión de pósters constará de tres períodos durante a pausa para o café nos que se debaterá o traballo dos e das participantes arredor dos asuntos do obradoiro: contaminación luminosa e educación en astronomía e astrobioloxía. A data límite para as propostas é o 30 de xuño de 2018.
Para máis información sobre como participar, por favor contactade con Margarita Metaxa (marmetaxa[at]gmail.com) e Rosie Cane (rosiecane93[at]gmail.com).
5) Explora o Sistema Solar coa expedición a Vesta, a Lúa e Marte
O proxecto “Expedicións ao Sistema Solar” da NASA produce unha colección de visualizacións interactivas e portais de análise a través da rede e en modo web. Estas ferramentas permiten que as persoas que planifican misións e fan ciencia planetaria, os e as estudantes e o público en xeral poidamos explorar as superficies dun número crecente de corpos planetarios vistos a través dos ollos dos moi diversos instrumentos que viaxan nas sondas espaciais. As imaxes poden ser almacenadas e combinadas. Calquera usuario pode voar de forma interactiva sobre montañas e baixar aos vales en modo 3D; podemos medir distancias, alturas e profundidades dos accidentes xeográficos; e marcar zonas para xerar impresións 3D. Desenvolvéronse xa portais de exploración de Marte, Vesta e a Lúa, e axiña aparecerán novos portais para outros corpos. O proxecto está xestionado polo Instituto de Investigación e Exploración Virtual do Sistema Solar da NASA e foi desenvolvido polo Jet Propulsion Laboratory da NASA.
Máis información: https://science.nasa.gov/science-activation-team/solar-system-trek
6) Educación CTEM en Puerto Rico
Desde este verán, os nenos e nenas de Puerto Rico poderán explorar o espazo desde o patio da escola. A organización sen ánimo de lucro Astronomers Without Borders (Astronomía Sen Fronteiras) e Ciencia Puerto Rico distribuíron unha doazón de telescopios a vinte escolas con poucos recursos. Ademais dos telescopios, as escolas recibiron recursos de educación científica, entre elas “O universo aos teus pés”, unha colección de actividades astronómicas en español para as aulas, e planisferios e mapas celestes que axudan a identificar as estrelas visíbeis e as constelacións. Forma parte dunha nova iniciativa colaborativa chamada “Astronomía al Servicio”, que procura promover a educación, a exploración científica e a participación cidadá.
Máis información, neste enderezo: https://bit.ly/2rFwap5
7) Sons do sistema (System Sounds)
Inspirados polo descubrimento do sistema planetario TRAPPIST-1, un astrofísico, un músico e un músico/astrofísico decidiron experimentar que acontece cando os ritmos e harmonías dos sistemas astronómicos se traducen a música que poida ser escoitada polos oídos humanos. O resultado é Sons do sistema (System Sounds), unha colección de música e animacións xeradas a partir de simulacións numéricas, datos reais e un pouco de creatividade.
Podes saber máis deste proxecto aquí: http://www.system-sounds.com/
8) Escola de verán STEAM de comunicación da ciencia
A escola de verán STEAM de comunicación da ciencia é un curso intensivo de dez días, do 2 ao 11 de xullo, que cubrirá un amplo rango de temas de comunicación da ciencia, entre elas o xornalismo, redes sociais, políticas de comunicación, xestión, artes e actuacións, que fan del unha combinación única para un achegamento creativo na comunicación das materias CTEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). O curso será completo e non se require experiencia previa. Este ano acolle a escola a Universidade de Malta.
Tes máis información aquí: http://www.steamsummerschool.eu/
9) Encontros e actividades globais de 2018
Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!
Próximas actividades
a) Día do asteroide
Datas: 30 de xuño de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/
b) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse
c) Campamento Internacional para a Promoción da Ciencia (ISEC)
Data: do 6 ao 22 de xullo de 2018
Lugar: Barcelona, España
Máis información: http://www.isec2018.wordpress.com/
d) 5ª Conferencia Europea de Xornalistas de Ciencia
Data: 8 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: https://www.ecsj2018.eu/)
e) ESOF (EuroScience Open Forum) 2018
Datas: do 9 ao 14 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, France
Máis información: https://www.esof.eu/en/
f) Committee on Space Research – COSPAR
Datas: do 14 ao 22 de xullo de 2018
Lugar: Pasadena, California (EEUU)
Máis información: http://cospar2018.org/
g) Conferencia Robotic Telescopes, Student Research and Education (RTSRE) & Cimeira InterNational Astronomy Teaching
Datas: do 22 ao 27 de xullo de 2018
Lugar: Hilo, Hawai’i, EEUU
Máis información: rtsre.org
h) Asemblea Xeral da IAU
Datas: do 20 ao 31 de agosto de 2018
Lugar: Viena, Austria
Máis información: http://astronomy2018.univie.ac.at/
i) ASP2018: Astronomía para todas as persoas – Conferencia sobre educación, comunicación e diversidade en ciencia
Data: do 10 ao 13 de setembro de 2018
Lugar: Sonoma Wine Country, CA
Máis información: https://www.astrosociety.org/about-us/asp-annual-meetings/asp-2018-annual-meeting/
l) Congreso Europeo de Ciencia Planetaria
Datas: do 16 ao 21 de setembro de 2018
Lugar: Berlín, Alemaña
Máis información: https://www.epsc2018.eu/
m) Conferencia .Astronomy
Datas: do 24 ao 27 de setembro de 2018
Lugar: Baltimore, EEUU
Máis información: https://www.dotastronomy.com/
n) Congreso Xeración Espacial
Datas: do 27 ao 29 de setembro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: https://spacegeneration.org/sgc2018
ñ) Congreso Aeronáutico Internacional
Datas: do 1 ao 5 de outubro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: http://www.iafastro.org/events/iac/iac-2018/
o) Semana Mundial do Espazo
Datas: do 4 ao 10 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/
p) Noite Internacional de Observación da Lúa
Datas: 20 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/
q) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/
Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;
-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita e Mikako Kuwamura a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;
-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;
-Traducións ao español, elaboradas por:
Emilio Zúñiga, ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;
Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;
Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!
Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.