IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Xullo 2018 #2

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Inauguración de “Inspiring Stars” (Estrelas que inspiran)
2) Novas de Bulgaria
3) Novas de Canadá
4) Historias de mañá – Escola de verán en Grecia
5) Lanzamento da aplicación de realidade virtual “Excursión ao Sol”
6) Revista Latinoamericana de Educación Astronómica (RELEA)
7) Física sen fronteiras
8) Un astrónomo explica un concepto en cinco niveis de dificultade
9) Encontros e actividades globais de 2018
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

0) Nota dos editores

Esta última semana o noso equipo estivo enfocado na preparación do evento inaugural “Inspiring Stars” (Estrelas que inspiran) na próxima Asemblea Xeral en Viena, Austria. “Inspiring Stars” é unha exposición que viaxará por distintos países impulsada pola Unión Astronómica Internacional e deseñada para destacar, apoiar e promover iniciativas inclusivas que fomenten a igualdade de oportunidades na divulgación e ensino da astronomía e tamén do exercicio profesional desta. Durante a Asemblea Xeral teremos un día completo dedicado á inclusión na astronomía. Se estás en Austria valora a posibilidade de achegarte e participar nas moitas actividades abertas ao público xeral que terán lugar o 22 de agosto.

Neste número destacamos a nova app de realidade virtual do Hinode, o proxecto Física Sen Fronteiras e o lanzamento do número 25 da Revista Latinoamericana de Educación Astronómica.

Por último, mais non é menos importante, queremos recordarvos que están abertas as candidaturas para o posto de Coordinación da Divulgación Internacional. Queres unirte ao noso equipo aquí no Xapón? Podes enviar a túa proposta até o 15 de outubro.

Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU

1) Inauguración de “Inspiring Stars” (Estrelas que inspiran)

“Inspiring Stars”, a exposición mundial inclusiva da IAU, é unha exposición internacional preparada pola Unión Astronómica Internacional e apoiada pola Sociedade Astronómica Americana (AAS). Foi deseñada para poñer en valor, apoiar e promover as iniciativas inclusivas en favor da participación igualitaria na divulgación e o ensino da astronomía, así como o traballo profesional nese campo. A exposición inaugúrase o 22 de agosto no Centro Austria de Viena, durante a Asemblea Xeral 2018 da IAU en Viena, Austria. A IAU convida a todas as persoas asistentes, incluído o público xeral, a visitar a exposición e os eventos especiais que terán lugar durante a inauguración.

Podes atopar máis información aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann18034/

2) Novas de Bulgaria

Programa de mestrado de ciencias “Astronomía e divulgación da astronomía”

Como podemos facer que xente con diferentes coñecementos de base, mesmo non científicos, teña a capacidade de empregar o pensamento crítico na vida real e aplicar o método científico para atopar solucións baseadas nas evidencias? A Universidade de Sofia, o máis antigo e principal centro de educación superior de Bulgaria, conta a triunfal historia dun moi innovador e interdisciplinar programa de mestrado de ciencias “Astronomía e divulgación da astronomía”.

O programa está impartido na actualidade só en lingua búlgara. Porén, hai información en inglés aquí: http://astro.phys.uni-sofia.bg/EN/education22_EN.html

Grazas a Vladimir Bozhilov, por compartir a noticia.

3) Novas de Canadá

Os mellores destinos de verán para a observación do ceo en Canadá

A Axencia Espacial Canadense divulgou unha listaxe dos mellores lugares en Canadá para observar as estrelas. A maioría dos lugares suxeridos son parques e reservas illados, protexidos da contaminación luminosa e situados idealmente a grande altitude. Cos seus numerosos grandes parques nacionais e diversas paisaxes naturais, Canadá é un territorio ideal para as persoas amantes da astronomía, mesmo as principiantes. Por todo o país podes atopar magníficos espazos para admirar as estrelas, desde as montañas da Columbia Británica ás praias da Illa do Príncipe Eduardo.

Podes saber máis nesta ligazón: http://www.asc-csa.gc.ca/eng/blog/2018/06/29/13-amazing-stargazing-locations-in-canada.asp

4) Historias de mañá – Escola de verán en Grecia

Varias ducias de participantes de diversos países, incluído profesorado de todos os niveis eduactivos, inestigadores e investigadoras na educación e persoal de organizacións sen ánimo de lucro, reuníronse en Ática, Grecia, do domingo 1 ao venres 7 de xullo para intercambiar noticias sobre actividades recentes nas escolas e compartir as últimas tecnoloxías e informacións. A “Escola de verán”, organizada por Ellinogermaniki Agogi, consistiu en obradoiros, conferencias, presentación e desenvolvemento de prototipos de novos libros electrónicos e excursións por un fermoso país rico en cultura e natureza. O profesorado non só aprendeu novos métodos para o seu traballo educativo, tamén descubriu como a educación científica pode promover a amizade, a tolerancia e a paz no planeta.

Historias de mañá é un proxecto de educación CTEM para a escola primaria que emprega recursos multimedia actualizados e está apoiado pola Comisión Europea.

Grazas a Akihiko Tomita por compartir connosco a noticia.

5) Lanzamento da aplicación de realidade virtual “Excursión ao Sol”

O Observatorio de Ciencia Solar do Observatorio Astronómico Nacional do Xapón vén de lanzar e iniciar a distribución gratuíta da nova aplicación de realidade virtual “Excursión ao Sol”, que proporciona unha magnífica oportunidade de achegarnos á superficie solar e experimentar as estruturas fundamentais do Sol. A maioría das imaxes visuais na aplicación son froito de observacións da sonda Hinode. Viaxando polo espazo, poderás achegarte ao Sol, pousar na súa superficie e ver as xigantescas manchas desde as cales se extenden cara ao espazo exterior as liñas do campo magnético.

Para unha descrición xeral da aplicación, visita o sitio web
http://hinode.nao.ac.jp/en/news/notice/vr-app-excursion-to-the-sun-has-been-released/

6) Revista Latinoamericana de Educación Astronómica (RELEA)

A Revista Latinoamericana de Educación Astronómica (RELEA) axuda a fomentar e consolidar a educación astronómica na América Latina e máis alá. O número 25 xa está dispoñíbel. Acéptanse artigos orixinais, non publicados, que conteñan investigación empírica, ensaios teóricos e revisións de interese no campo do ensino da astronomía. Os artigos poden estar escritos en portugués, español ou inglés. A páxina principal está en portugués, mais podes cambiar a inglés ou español no menú da dereita. Calquera comentario ou suxestión pode ser enviada directamente a relea@ufscar.br.

As directrices para os e as autoras e as pautas de proposta de artigos indícanse no sitio web www.relea.ufscar.br.

7) Física sen fronteiras

Física sen fronteiras asóciase con departamentos de física e matemáticas de universidades selectas de todo o mundo que non son capaces de ofrecer cursos específicos por falta de recursos para proporcionarlles cursos universitarios con conferenciantes experimentados e profesores axudantes tanto para a formación de grao como para niveis máis avanzados. Poden ofrecerse outros cursos en función das necesidades da universidade parceira. Idealmente, estes cursos acaban formando parte do currículo regular da universidade. Física sen fronteiras convida a todos os departamentos universitarios interesados en cursos específicos a que formulen a súa solicitude aquí. Se ti das conferencias e tes interese en ofrecer un curso, ou es un postdoc interesado en participar destas iniciativas, por favor ponte en contacto con physicswithoutfrontiers[at]ictp.it.

Máis información, aquí: https://www.ictp.it/physics-without-frontiers/pwf-university-courses.aspx

8) Un astrónomo explica un concepto en cinco niveis de dificultade

A revista WIRED desafiou a Varoujan Gorjian, investigador astronómico do Jet Propulsion Lab da NASA, a que explicase os buracos negros a cinco persoas diferentes: unha nena, un adolescente, un estudante universitario, unha estudante graduada e unha experta. Podes ver o vídeo aquí. Este desafío vale tamén para os astrónomos e astrónomas de calquera outra institución en todo o mundo. Se estás traballando nun centro de investigación astronómica en estreita relación con profesionais da astronomía e tes experiencias semellantes, por favor comparte os teus vídeos connosco. Pensamos que os e as espectadoras atoparán a premisa destes vídeos moi interesante. Por que non probas a facer un vídeo propio?

9) Encontros e actividades globais de 2018

Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!

a) Conferencia Robotic Telescopes, Student Research and Education (RTSRE)  & Cimeira InterNational Astronomy Teaching
Datas: do 22 ao 27 de xullo de 2018
Lugar: Hilo, Hawai’i, EEUU
Máis información: rtsre.org

b) Asemblea Xeral da IAU
Datas: do 20 ao 31 de agosto de 2018
Lugar: Viena, Austria
Máis información: http://astronomy2018.univie.ac.at/

c) ASP2018: Astronomía para todas as persoas – Conferencia sobre educación, comunicación e diversidade en ciencia
Data: do 10 ao 13 de setembro de 2018
Lugar: Sonoma Wine Country, CA
Máis información: https://www.astrosociety.org/about-us/asp-annual-meetings/asp-2018-annual-meeting/

d) Congreso Europeo de Ciencia Planetaria
Datas: do 16 ao 21 de setembro de 2018
Lugar: Berlín, Alemaña
Máis información: https://www.epsc2018.eu/

e) Conferencia .Astronomy
Datas: do 24 ao 27 de setembro de 2018
Lugar: Baltimore, EEUU
Máis información: https://www.dotastronomy.com/

f) Congreso Xeración Espacial
Datas: do 27 ao 29 de setembro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: https://spacegeneration.org/sgc2018

g) Congreso Aeronáutico Internacional
Datas: do 1 ao 5 de outubro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: http://www.iafastro.org/events/iac/iac-2018/

h) Semana Mundial do Espazo
Datas: do 4 ao 10 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/

i) Noite Internacional de Observación da Lúa
Datas: 20 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/

l) Fórum Wissenschaftskommunikation
Datas: do 7 ao 9 de novembro de 2018
Lugar: Bonn, Alemaña
Máis información: https://www.wissenschaft-im-dialog.de/en/forum-wissenschaftskommunikation/forum-2018/

m) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

n) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita e Mikako Kuwamura a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por:

Emilio Zúñiga, ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.

1 Comment

  1. Tomas Peña Marti 01 de agosto de 2018 at 00:01 12Wed, 01 Aug 2018 00:01:19 +020019.

    interesante