Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)
Agosto2018 #2 – Especial Asemblea Xeral da IAU
Neste boletín:
0) Nota dos editores
1) Focus Meeting 14: Papel da IAU na divulgación da astronomía global
2) Estrea en Viena da exposición de contidos abertos sobre o centenario da IAU – Celebrando un século de descubrimentos astronómicos
3) Exposición itinerante “Inspiring Stars” (Estrelas que inspiran) presentada na Asemblea Xeral
4) Na procura de ceos escuros en Viena
5) Benvida ás persoas participantes na Asemblea Xeral no posto da IAU
6) Conferencias públicas e variados eventos satélite da Asemblea Xeral para o público
7) Plan Estrátexico 2020-2030 da IAU
8) O boletín #21 da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento xa está dispoñíbel en liña
9) Encontros e actividades globais de 2018
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!
0) Nota dos editores
Neste número informamos en vivo desde Viena, onde o noso equipo está participando na XXX Asemblea Xeral da IAU. Estas dúas semanas acontecen unha morea de cousas emocionantes que podedes seguir no xornal electrónico “Keplersche Nachrichten” (“Noticieiro de Kepler”) e todo xira arredor da astronomía, con tres mil persoas xuntas pola ciencia, a comunicación e o desenvolvemento “baixo un mesmo ceo”. Esta é unha edición especial do noso boletín que destaca as accións de divulgación que se celebran durante esta asemblea xeral. Desde o lanzamento da exposición dos cen anos da IAU ao día inclusivo da IAU con “Inspiring Stars” e o encontro especial sobre comunicación da astronomía.
O noso posto está listo e en funcionamento e se andas por aquí para asistir á Asemblea Xeral, déixate caer pola xigantesca Bóla Terráquea da entrada e vén coñecernos! O noso equipo únese ás Oficinas de astronomía para o desenvolvemento e a Oficina para os astrónomos e astrónomas xoves.
Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!
O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU na Asemblea Xeral da IAU: Lina, Sze-leung, Hidehiko, Berenice e Hannah.
1) Focus Meeting 14: Papel da IAU na divulgación da astronomía global
A Asemblea Xeral en Viena ofrece unha boa oportunidade para que as persoas que fan investigación astronómica ou divulgación profesional se reúnan para debater o papel da IAU na divulgación astronómica global. O obxectivo do Focus Meeting 14 foi o de favorecer e coordinar a divulgación en favor dun mundo mellor. Os participantes compartiron o que xa están facendo e discutiron como poden mellorar.
Máis información sobre a reunión neste artigo escrito polas dúas persoas que coordinaron a sesión, Sze-leung Cheung e William Waller: https://bit.ly/2P7ZMoz
2) Estrea en Viena da exposición de contidos abertos sobre o centenario da IAU – Celebrando un século de descubrimentos astronómicos
A exposición “Above and Beyond” (No ceo e máis alá), de contidos abertos, foi inaugurada durante a primeira fin de semana da Asemblea Xeral da IAU en Viena, Austria. A exposición, comisionada no marco das celebracións do centenario, presenta algúns dos máis significativos e sorprendentes adiantos astronómicos que transformaron a ciencia, a tecnoloxía e a cultura do último século. Deseñada co espírito da ciencia aberta, está dispoñíbel como exposición itinerante e visitará as principais cidades europeas en 2018 e 2019. Os seus contidos estarán ademais dispoñíbeis para desenvolver grande variedade de experiencias en todo o mundo.
Podes saber máis desta exposición nesta ligazón: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau1808/.
3) Exposición itinerante “Inspiring Stars” (Estrelas que inspiran) presentada na Asemblea Xeral
“Inspiring Stars”, a exposición mundial inclusiva da IAU, foi presentada na Asemblea Xeral. Esta exposición itinerante, creada pola IAU e apoiada pola Sociedade Astronómica Americana, pretende destacar, apoiar e promover as iniciativas inclusivas para fomentar a igualdade e a equidade tanto na educación e o ensino da astronomía como a nivel profesional. A inauguración da exposición incluíu un rico programa de charlas e palestras coas cales os relatores e relatoras convidados compartiron coas persoas asistentes á asemblea e o público xeral as súas experiencias como homes e mulleres de ciencia con discapacidades ou minusvalías.
Máis información sobre o encontro nesta ligazón: https://bit.ly/2Np01LB
4) Na procura de ceos escuros en Viena
Na cerna da IAU está o desexo de manter os ceos escuros e as noites estreladas, non só polo porvir dos seus membros senón para preservar un legado cultural da humanidade. En liña con este obxectivo, a celebración da Asemblea Xeral da IAU en Viena foi aproveitada para desenvolver iniciativas para as persoas inscritas e o público xeral. Estes eventos son produto da Comisión C.B7 sobre protección dos sitios, en colaboración cos seus parceiros da IAU, a Comisión C1 sobre educación e a Oficina de divulgación da astronomía (OAO).
Máis información sobre isto neste artigo de Connie Walker: https://bit.ly/2Mws7YN
5) Benvida ás persoas participantes na Asemblea Xeral no posto da IAU
Durante a Asemblea Xeral, podes atopar os membros do noso equipo Hidehiko Agata, Sze-leung Cheung, Lina Canas, Berenice Himmelfarb e Hannah Harris, que terán todo o gusto de coñecervos e saudarvos se vos achegades ao posto da IAU. O seu traballo consiste en tender pontes entre todo o mundo e o equipo aprovéitase desta oportunidade única de conversar cara a cara en Viena con algunhas das persoas que están transformando a astronomía a nivel internacional: os e as astrónomas que están producindo ciencia de vangarda e a xente que fai divulgación e educación para levar a astronomía ás súas comunidades locais. Se queres compartir con nós o teu traballo, aprender máis sobre o que estamos facendo en comunicación e accesibilidade, achegar información para os nosos proxectos actuais e futuros ou simplemente dicir “Ola”, déixate caer polo posto da IAU situado na entrada da sede da Asemblea Xeral, onde a Bóla Terráquea. Todo o mundo é benvido!
Máis información: http://astronomy2018.cosmoquest.org/newspaper/
6) Conferencias públicas e variados eventos satélite da Asemblea Xeral para o público
Ademais de dar a benvida a máis de 3000 astrónomos e astrónomas de 88 países, a asemblea ofrece varias actividades para a comunidade local, gratuítas e abertas ao público. Podes atopar a información máis destacada aquí: https://astronomy2018.univie.ac.at/outreach/
7) Plan Estrátexico 2020-2030 da IAU
O novo e estendido Plan Estratéxico 2020-2030 achega unha visión completa da IAU e describe como as diferentes actividades da IAU encaixan e se complementan, ademais de presentar os seus obxectivos a longo prazo. As celebracións asociadas ao centenario da IAU en 2019 son unha oportunidade para reflexionar sobre un século de fantástico progreso na astronomía. Ao mesmo tempo, proporcionan inspiración para mirar cara a(s) próxima(s) década(s) e tomar accións como as descritas aquí que melloren o impacto da astronomía na sociedade. Traballando xuntos “Baixo un mesmo ceo” faremos isto posíbel.
Aquí podes saber máis sobre o Obxectivo nº 4 da divulgación da astronomía, «envolver o público na astronomía» (páxina 36): https://www.iau.org/static/education/strategicplan-2020-2030.pdf
8) O boletín #21 da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento xa está dispoñíbel en liña
O boletín #21 da IAU OAD está xa en liña. Distribúeo trimestralmente a Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento. Entre os aspectos máis salientábeis deste número está o Focus Meeting 15 da Asemblea Xeral da IAU sobre Astronomía para o Desenvolvemento, a exposición “Inspiring Stars” e diversas informacións de actualidade achegadas polas oficinas rexionais.
O arquivo de todos os boletíns OAD pode consultarse aquí.
9) Encontros e actividades globais de 2018
Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!
a) Asemblea Xeral da IAU
Datas: do 20 ao 31 de agosto de 2018
Lugar: Viena, Austria
Máis información: http://astronomy2018.univie.ac.at/
b) ASP2018: Astronomía para todas as persoas – Conferencia sobre educación, comunicación e diversidade en ciencia
Data: do 10 ao 13 de setembro de 2018
Lugar: Sonoma Wine Country, CA
Máis información: https://www.astrosociety.org/about-us/asp-annual-meetings/asp-2018-annual-meeting/
c) Congreso Europeo de Ciencia Planetaria
Datas: do 16 ao 21 de setembro de 2018
Lugar: Berlín, Alemaña
Máis información: https://www.epsc2018.eu/
d) Conferencia .Astronomy
Datas: do 24 ao 27 de setembro de 2018
Lugar: Baltimore, EEUU
Máis información: https://www.dotastronomy.com/
e) Congreso Xeración Espacial
Datas: do 27 ao 29 de setembro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: https://spacegeneration.org/sgc2018
f) Congreso Aeronáutico Internacional
Datas: do 1 ao 5 de outubro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: http://www.iafastro.org/events/iac/iac-2018/
g) Semana Mundial do Espazo
Datas: do 4 ao 10 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/
h) Noite Internacional de Observación da Lúa
Datas: 20 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/
i) Fórum Wissenschaftskommunikation
Datas: do 7 ao 9 de novembro de 2018
Lugar: Bonn, Alemaña
Máis información: https://www.wissenschaft-im-dialog.de/en/forum-wissenschaftskommunikation/forum-2018/
l) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/
m) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/
Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;
-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita e Mikako Kuwamura a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;
-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;
-Traducións ao español, elaboradas por:
Emilio Zúñiga, ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;
Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;
Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!
Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.