IAU Boletín Blog

Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Agosto2018 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) A Asemblea Xeral IAU 2018 celebra actividades astronómicas públicas en Viena
2) Mans nas estrelas: segunda listaxe comparativa internacional de termos astronómicos en linguaxe de signos – Chamada na procura de colaboración
3) Novas de Chipre e Sri Lanka
4) Deseño de proxectos de astronomía para o desenvolvemento – Curso en liña
5) GO-GA – Go-Lab vai a África
6) Convértete nun profesor ou profesora AstroBVI
7) Semana Mundial do Espazo: concurso de “selfie” espacial
8) O observatorio de Las Cumbres busca novos parceiros educativos
9) Encontros e actividades globais de 2018
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

0) Nota dos editores

Todo listo para a Asemblea Xeral da IAU de 2018! Este ano teremos un apaixonante programa científico para todas as persoas participantes, mais tamén unha programación divulgativa aberta ao público xeral. O noso equipo estará no posto da IAU xunto coas nosas oficinas irmás Oficina IAU de astronomía para o desenvolvemento (OAD) e Oficina IAU para astrónomos e astrónomas xoves (OYA). Se andas por Viena ou asistes á Asemblea aproveita para achegarte á nosa oficina e dicir ola!

Neste número, destacamos os eventos públicos da Asemblea Xeral da IAU, o curso en liña de deseño de proxectos da Oficina IAU de astronomía para o desenvolvemento e a chamada na procura de parceiros educativos do observatorio de Las Cumbres.

Agardamos que tivésedes boas observacións da eclipse de Lúa! Queremos darlles as grazas a todas as persoas que comparten as súas actividades co noso equipo. Como sabedes, temos a nosa base en Toquio e infelizmente o tempo aquí non acompañou nada. Porén, cando empezamos a ver as marabillosas fotos que todo o mundo estaba a compartir agarimosamente foi imposíbel non sentirmos que tiñamos moita sorte. Grazas!

Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!

O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU

1) A Asemblea Xeral IAU 2018 celebra actividades astronómicas públicas en Viena

A cidade austríaca de Viena acollerá a XXX Asemblea Xeral da Unión Astronómica Internacional (IAU) do 20 ao 31 de agosto este ano. Para alén de darlle a benvida a máis de 3000 astrónomos e astrónomas de máis de 88 países, a conferencia ofrecerá ademais diversas actividades para a comunidade local, gratuítas e abertas ao público.

Podes saber máis lendo a nota de prensa da IAU: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau1807/

2) Mans nas estrelas: segunda listaxe comparativa internacional de termos astronómicos en linguaxe de signos – Chamada na procura de colaboración

En decembro de 2017, como resultado dun proxecto desenvolvido durante moito tempo pola Comisión IAU C1 de educación e desenvolvemento da astronomía e o seu Grupo de Traballo 3 de Astronomía pola igualdade e a inclusión, foi compilada a primeira listaxe comparativa internacional de termos astronómicos en linguaxe de signos que na actualidade contén as 47 palabras máis frecuentemente empregadas en educación. O grupo de traballo abre agora unha chamada na procura de colaboración para lanzar unha nova listaxe de palabras. Se queres participar neste proxecto, por favor envíalle un correo electrónico a beatriz.garcia[at]iteda.cnea.gov.ar e amelia.ortiz[at]uv.es.

3) Novas de Chipre e Sri Lanka

Baixo a mesma eclipse – unha eclipse lunar total observada, medida e compartida por máis de mil estudantes en Sri Lanka e Chipre

O 27 de xullo a máis longa eclipse lunar deste século foi observada por diferentes grupos en Sri Lanka e en Chipre, neste caso tanto por poboación grego-chipriota como turco-chipriota, nunha experiencia cultural conxunta en que mediron distancias desde os dous lugares valéndose da eclipse. Grazas a isto, os equipos organizadores pretenden compartir as marabillas do universo en que vivimos e por extensión fomentar a idea de cidadanía global, poñendo en valor o noso lugar no universo, xuntos nun mesmo planeta. #UnderTheSameEclipse

Podes atopar os resultados desta actividade nas páxinas de Facebook da Sociedade Astronómica do Colexio Nalanda, a Antiga Sociedade Astronómica de Nalanda e Columba-Herschel: astronomía pola paz.

4) Deseño de proxectos de astronomía para o desenvolvemento – Curso en liña

Este curso está deseñado para axudar a calquera persoa que pretenda enviar unha proposta ás convocatorias da Oficina de astronomía para o desenvolvemento. Achega unha breve introdución á astronomía para o desenvolvemento e introdúcenos no ciclo de proxectos do OAD, desde a análise das necesidades ao seguimento e avaliación.

O curso en liña de deseño de proxectos da Oficina IAU de astronomía para o desenvolvemento (OAD) está xa dispoñíbel na seguinte ligazón: http://www.open.edu/openlearncreate/course/view.php?id=3071

5) GO-GA – Go-Lab vai a África

O principal obxectivo de GO-GA é adaptar e desenvolver o ecosistema de aprendizaxe Go-Lab en África, de éxito coñecido, primeiro facendo experiencias piloto en tres países e logo a maior escala. O Ecosistema Go-Lab (ou a Plataforma Go-Lab para xestionar e compartir recursos) diríxese ao profesorado de ciencias de escola primaria e secundaria e pretende enriquecer as aulas prácticas con enfoques de ensino innovadores e ferramentas técnicas de apoio. GO-GA acelerará a adopción de contornos de aprendizaxe máis ricos e mellorará os resultados educativos en ciencia e tecnoloxía, grazas á implantación de contidos dixitais e o desenvolvemento das capacidades do profesorado en toda África.

Podes obter máis información sobre este proxecto aquí: https://go-ga.org

6) Convértete nun profesor ou profesora AstroBVI (Blind and Vision Impaired, persoas cegas ou con deficiencia visual)

AstroBVI é un proxecto financiado pola Oficina IAU de astronomía para o desenvolvemento en 2018 e persegue crear e distribuír un kit de material educativo en diferentes países da América Latina e proporcionar formación ao profesorado para o seu uso.

As solicitudes para recibir o kit están abertas até o 31 de agosto (en español): www.AstroBVI.org

7) Semana Mundial do Espazo: concurso de “selfie” espacial

A asociación Semana Mundial do Espazo (WSWA) busca propostas de “selfies espaciais” no marco da acción “Selfie desde o espazo” da Semana Mundial do Espazo (World Space Week, WSW) de 2018, que terá lugar do 4 ao 10 de outubro. Estas fotos serán tomadas desde o espazo de eventos da WSW de grandes dimensións, empregando a rede Planet e os seus satélites con resolución de 3 metros.

A data límite é o 1 de setembro de 2018. Máis información e solicitude en http://www.worldspaceweek.org/news/space-selfies-during-world-space-week-2018/

8) O observatorio de Las Cumbres busca novos parceiros educativos

O observatorio Las Cumbres (LCO) abriu a convocatoria na procura de novos parceiros educativos que observarán fenómenos astronómicos con telescopios LCO e empregarán os datos como parte das súas actividades educativas. O equipo busca ideas interesantes, atractivas e innovadoras no campo da educación astronómica e proxectos de divulgación que fagan uso das capacidades únicas do LCO. O equipo ofrece un total de 1000 horas de tempo de observación para o conxunto de proxectos no telescopio LCO de 0,4 metros, que poderán empregarse entre o 1 de decembro de 2018 e o 1 de decembro de 2019.

A data límite para a recepción de propostas é o 1 de setembro de 2018. Para ter unha información completa sobre esta convocatoria, criterios de elixibilidade e como postular, por favor visitade o sitio web do LCO: https://lco.global/news/call-for-education-partners-2019/

9) Encontros e actividades globais de 2018

Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!

a) Asemblea Xeral da IAU
Datas: do 20 ao 31 de agosto de 2018
Lugar: Viena, Austria
Máis información: http://astronomy2018.univie.ac.at/

b) ASP2018: Astronomía para todas as persoas – Conferencia sobre educación, comunicación e diversidade en ciencia
Data: do 10 ao 13 de setembro de 2018
Lugar: Sonoma Wine Country, CA
Máis información: https://www.astrosociety.org/about-us/asp-annual-meetings/asp-2018-annual-meeting/

c) Congreso Europeo de Ciencia Planetaria
Datas: do 16 ao 21 de setembro de 2018
Lugar: Berlín, Alemaña
Máis información: https://www.epsc2018.eu/

d) Conferencia .Astronomy
Datas: do 24 ao 27 de setembro de 2018
Lugar: Baltimore, EEUU
Máis información: https://www.dotastronomy.com/

e) Congreso Xeración Espacial
Datas: do 27 ao 29 de setembro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: https://spacegeneration.org/sgc2018

f) Congreso Aeronáutico Internacional
Datas: do 1 ao 5 de outubro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: http://www.iafastro.org/events/iac/iac-2018/

g) Semana Mundial do Espazo
Datas: do 4 ao 10 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/

h) Noite Internacional de Observación da Lúa
Datas: 20 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/

i) Fórum Wissenschaftskommunikation
Datas: do 7 ao 9 de novembro de 2018
Lugar: Bonn, Alemaña
Máis información: https://www.wissenschaft-im-dialog.de/en/forum-wissenschaftskommunikation/forum-2018/

l) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

m) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita e Mikako Kuwamura a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por:

Emilio Zúñiga, ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.

1 Comment

  1. Mel Castro Fernandez 10 de agosto de 2018 at 13:19 01Fri, 10 Aug 2018 13:19:05 +020005.

    Hola
    Buenas tardes, quería consultar os si la noche del día 11 de Agosto creeis que podremos ver las Perseidas en Guitiriz ya q la prediccion para el 12 son de lluvia o si pensais a hacer alguna actividad