Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)
Xaneiro 2017 #2
Neste boletín:
0) Nota dos editores
1) Cuarto Encontro IAU Oriente Medio e África (MEARIM IV)
2) B7&C1 Intercomisión WG: Acadar o desenvolvemento sostíbel nun marco de iluminación de calidade
3) Guía práctica para Sociedades de Estudantes de Física
4) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): novas de Vietnam
5) Global Science Opera anuncia o seu tema de 2017: Poboación da Lúa
6) CEDIC, congreso de imaxes de Ceo Profundo de Europa Central
7) Campamento de verán para estudantes de bacharelato do CERN
8) Festival Starmus 2017
9) Encontros e actividades globais
10) O noso boletín noutros idiomas
11) Contribucións para este boletín
0) Nota dos editores
O cuarto Encontro IAU Oriente Medio e África terá lugar en Etiopía, pouco despois da 39ª Escola Internacional para Novos Astrónomos (International School for Young Astronomers, ISYA) que se celebrará tamén en Etiopía. Será unha gran oportunidade para coñecer unha audiencia moi diversa e intercambiar ideas nas sesións dedicadas á divulgación e educación.
Neste número damos conta do proxecto Ópera Científica Global (Global Science Opera), apoiado por Luz Cósmica da IAU, que anunciou o seu tema para 2017; unha vez máis coa astronomía e as ciencias do espazo como foco. Hai tempo aínda para postular á primeira escola de verán promovida polo CERN, S’Cool LAB Summer CAMP. E o programa do Festival Starmus para 2017 xa está dispoñíbel e unha vez máis promete ser un gran acontecemento.
A medida que 2017 anda o camiño o noso equipo agarda que fagades da protección dos ceos escuros un dos puntos centrais das vosas actividades de educación e divulgación para este ano. Se precisades apoio ou ideas, por favor considerade unirvos a un dos programas propostos polo grupo de traballo IAU “Acadar o desenvolvemento sostíbel nun marco de iluminación de calidade”. Permanecede atentos para saber máis noticias.
Ceos despexados!
O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU
1) Cuarto Encontro IAU Oriente Medio e África (MEARIM IV)
MEARIM IV terá lugar do 22 ao 25 de maio de 2017 en Adís Abeba, Etiopía, e terá como tema “Explorar o noso Universo para beneficio da Humanidade”. Este Encontro IAU está organizado conxuntamente polo Observatorio e Centro de Investigación Entoto (EORC) e a Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da Rexión África Oriental (ROAD-IAU). A 39ª Escola Internacional para Novos Astrónomos (ISYA) 2017 celebrarase tamén en Etiopía, do 8 ao 19 de maio de 2017. A escola ISYA durará dúas semanas e incluirá unha serie de conferencias en astronomía e astrofísica, ademais de técnicas relevantes de observación e proceso de datos e actividades participativas.
Tes máis información sobre este encontro aquí: http://www.eorcworkshop.com/
2) B7&C1 Intercomisión WG: Acadar o desenvolvemento sostíbel nun marco de iluminación de calidade
O Grupo de Traballo da IAU “Acadar o desenvolvemento sostíbel nun marco de iluminación de calidade” está baixo o control da Inter-División B-C Comisión para a Protección dos Sitios de Observación Existentes e Potenciais e da Comisión C1 de Educación Astronómica e Desenvolvemento. Está enfocado a acadar o desenvolvemento sostíbel con iluminación de calidade a través da educación. O profesorado e a cidadanía informada axudan a reorientar o desenvolvemento sostíbel, e o corpo de 60 millóns de profesores do mundo pode ser un axente clave para o cambio, levando ás autoridades locais e globais a mensaxe da protección do ceo nocturno. A IAU apoia programas para ese fin como Globe at Night, Dark Skies Rangers, Cosmic Light EDU Kit, IYL Quality Lightning Teaching Kit (Material Docente sobre Iluminación de Calidade) e NASE (Rede de Educación Astronómica na Escola). O Grupo de Traballo está agora organizando comités nacionais que desenvolverán estes programas nun futuro cercano nas comunidades locais. Se queres saber máis e/ou colaborar co grupo de traballo, por favor ponte en contacto con outreach@iau.org.
3) Guía práctica para Sociedades de Estudantes de Física
A Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD) preparou unha guía práctica para apoiar a creación de sociedades de estudantes de física nas universidades. A guía está dirixida a universitarios que desexan fundar a súa propia sociedade de estudantes. Podedes baixar a carpeta na ligazón que se indica abaixo coa guía completa así como algúns recursos adicionais. As vosas valoracións sobre como pode mellorar a guía son importantes! Porf avor enviade os vosos comentarios e achegas a Munira Hoosain (munirahoosain1996[at]gmail.com).
Podedes baixar a guía práctica aquí ou a través desta anotación no sitio web do OAD.
4) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): novas de Vietnam
A Sociedade de Astronomía Amadora de Hanoi é unha organización fundada en 2009 por observadores novos en Hanoi, Vietnam, que aspira a ser unha comunidade na que os entusiastas do espazo poidan coñecerse e compartir o seu coñecemento e paixón, así como achegar ao público as marabillas do Universo. Porén, como a maioría deles son estudantes que non poden pagar telescopios comerciais, intentan atopar formas alternativas de construíren telescopios eles mesmos -e conségueno! Algúns dos membros do club fixeron as partes mecánicas con materiais de prezo reducido e usaron lentes manufacturadas para obter un telescopio de calidade a baixo custo. Prepararon instrucións detalladas e compartíronas nas redes sociais para que calquera poida facer un telescopio. Unha versión en inglés está agora en preparación.
Podes atopar máis información (na actualidade só en vietnamita) coas instrucións para facer un telescopio refractor aquí e aquí.
5) Global Science Opera anuncia o seu tema de 2017: Poboación da Lúa
En 2017 Global Science Opera producirá a ópera “Moon Village” (Poboación da Lúa). Esta ópera científica será representada en todo o mundo e emitida en directo a través da rede, logo dun ano longo de desenvolvemento creativo compartido por colexios, universidades e institucións de arte de 25 países. Comunicará o proceso, a ciencia e a tecnoloxía do proxecto da Axencia Espacial Europea “Moon Village” (Poboación da Lúa). “Moon Village” será unha colaboración entre unha rede de institucións e proxectos educativos internacionais. Preme nesta ligazón para formar parte desta emocionante iniciativa!
6) CEDIC, Congreso de Imaxes de Ceo Profundo de Europa Central
O Congreso de Imaxes de Ceo Profundo de Europa Central (CEDIC) foi presentado durante as “100 Horas de Astronomía” do Ano Internacional de Astronomía 2009 por tres astrofotógrafos austríacos, e foi o primeiro encontro internacional de imaxes astronómicas en Europa. O congreso celébrase cada dous anos e crece en cada edición ofrecendo dous días de conferencias e obradoiros. Aínda que o foco primario son as imaxes de ceo profundo, trátanse outros temas de astrofotografía, como a fotografía The World at Night (O mundo de noite, TWAN), fotografía time-lapse, imaxes planetarias, de cometas, astronomía científica, etc.
Tes máis información no enderezo http://www.cedic.at.
7) Campamento de verán para estudantes de bacharelato do CERN
CERN ofrece a estudantes de bacharelato a oportunidade de pasar o verán no S’Cool LAB -laboratorio participativo de aprendizaxe de física de partículas- cun gran programa de conferencias e titoriais, o seu propio equipo de investigación de proxectos, e visitas ás instalacións de investigación do CERN. Este primeiro campamento de verán terá lugar do 23 de xullo ao 5 de agosto de 2017; 22 estudantes de entre 16 e 19 anos de todo o mundo pasarán dúas semanas explorando o fascinante mundo da física de partículas. O programa é gratuíto para os candidatos seleccionados, e cobre gastos de viaxe, aloxamento e comidas. Se desexas participar neste programa, presenta a solicitude até o 5 de febreiro de 2017.
Tes máis información aquí: http://bit.ly/2jKRGnb
8) Festival Starmus 2017
O Festival Starmus naceu para celebrar a ciencia e as artes co obxectivo de achegar ao público a gran escala a comprensión e a apreciación da ciencia. Este ano, Buzz Aldrin, Charlie Duke e Harrison Schmitt xuntaranse no IV Festival Starmus e participarán nun debate co título “Á Lúa e máis alá” no cal os tres paseantes da Lúa revisarán as súas incríbeis experiencias e compartirán as súas visións sobre futuras misións a Marte. O IV Festival Starmus celebrarase en Trondheim, Noruega, e reunirá a científicos, artistas, músicos, escritores e líderes dos negocios para celebrar a ciencia nunha estimulante combinación de charlas, concertos, debates, festas e aprendizaxe. Un festival que non debedes perder!
Podes atopar o programa de 2017 aquí: http://www.starmus.com
9) Encontros e actividades globais en 2017
Aquí tes unha listaxe de conferencias e actividades sobre educación e investigación astronómica en todo o mundo.
Engadidos hai pouco
Congreso de Imaxes de Ceo Profundo de Europa Central (CEDIC)
Data: do 10 ao 12 de marzo de 2017
Lugar: Linz, Austria
Máis información: http://www.cedic.at
Datas importantes
Cuarto Encontro IAU Oriente Medio e África (MEARIM IV)
Data límite de presentación de comunicacións: 30 de marzo de 2017
Data: do 22 ao 25 de maio de 2017
Lugar: Adís Abeba, Etiopía
Máis información: http://www.eorcworkshop.com/mearim-iv-home
Próximas actividades
a) Obradoiro Internacional “Data to Dome” (Datos á Cúpula)
Data: 2 e 3 de marzo de 2017
Lugar: Observatorio Astronómico Nacional de Xapón (NAOJ), Mitaka, Tokyo, Xapón
Máis información: http://prc.nao.ac.jp/fukyu/dtod/index.html
b) 7º Festival Internacional da Visualización da Ciencia – Dome Fest
Data: do 5 ao 7 marzo, 2017
Lugar: Tokyo, Japan
Máis información: http://ifsv.org/en/index.html
c) Congreso de Imaxes de Ceo Profundo de Europa Central (CEDIC)
Data: do 10 ao 12 de marzo de 2017
Lugar: Linz, Austria
Máis información: http://www.cedic.at
d) Mes Astronómico Global
Data: abril de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://www.astronomerswithoutborders.org/
e) 10º Encontro Internacional de Astronomía e Astronáutica
Data: do 6 ao 8 de abril de 2017
Lugar: Campos, RJ, Brazil
Máis información: http://bit.ly/2e3Gj5k
f) Noite de Yuri
Data: 12 de abril
Lugar: en todo o mundo
Máis información: https://yurisnight.net/
g) Cuarto Encontro IAU Oriente Medio e África (MEARIM IV)
Data: do 22 ao 25 de maio de 2017
Lugar: Adís Abeba, Etiopía
Máis información: http://www.eorcworkshop.com/mearim-iv-home
h) IV Festival Starmus: a vida e o universo
Data: do 18 ao 23 de xuño de 2017
Lugar: Trondheim, Noruega
Máis información: https://www.starmus.com
i) Semana Europea da Astronomía e Ciencia do Espazo (EWASS)
Data: do 26 ao 30 de xuño de 2017
Lugar: Praga, República Checa
Máis información: http://eas.unige.ch/EWASS2017/about.jsp
l) Día do Asteroide
Data: 30 de xuño de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/
m) Encontro astronómico nacional da Royal Astronomical Society 2017
Data: do 2 ao 6 de xullo de 2017
Lugar: Universidade de Hull, Reino Unido
Máis información: https://nam2017.org/
n) 13º Encontro Rexional Asia-Pacífico (APRIM 2017)
Data: do 3 ao 7 de xullo de 2017
Lugar: Taipei, Taiwan
Máis información: http://www.aprim2017.tw/
ñ) Simposio Internacional sobre Educación en Astronomía e Astrobioloxía
Data: do 3 ao 8 de xullo de 2017
Lugar: Utrecht, Países Baixos
Máis información: http://ise2a.uu.nl/
o) Congreso Europeo de Ciencia Planetaria 2017
Data: do 17 ao 22 de setembro de 2017
Lugar: Radisson Blu Hotel Latvija, Riga, Letonia
Máis información: http://www.epsc2017.eu/
p) 3ª Simposio COSPAR
Data: do 18 ao 22 de setembro de 2017
Lugar: Illa Jeju, Corea do Sur
Máis información: https://cosparhq.cnes.fr/
q) Noite Internacional de Observación da Lúa
Data: 28 de outubro de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/
r) Comunicar Astronomía co Público – CAP2018
Data: do 24 ao 28 de marzo de 2018
Lugar: Fukuoka, Xapón
Máis información: http://www.communicatingastronomy.org/cap2018/
s) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse
Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.
10) O noso boletín noutros idiomas
-Traducións ao serbio, pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;
-Tradución ao español, por ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;
-Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados aquí: http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html;
-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;
-Podes atopar números antigos deste boletín en español traducidos pola Sociedad Española de Astronomía neste enderezo: http://www.sea-astronomia.es/drupal/content/newsletter-iau-noc;
Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.
11) Contribucións para este boletín – desexamos recibir noticias vosas en 2017!
Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2017! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.