Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Xullo 2019 #2

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Dous sitios astronómicos acadan o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade a través da colaboración IAU-UNESCO
2) Carta aberta dos Observatorios Maunakea
3) Proxecto Ceos Despexados
4) 10 x 10 “10 Temas 10 Países”
5) Compartimos a mesma Lúa
6) Inscricións pechadas para o Simposio IAU de Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión
7) Certame Un Telescopio, Unha Familia: grazas por participar
8) Celebra a diversidade coa astronomía: Ano das Linguas Indíxenas
9) Reunións e eventos globais
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Queremos darlle unha cálida benvida ao equipo OAO a Wanda Diaz Merced. A doutora Wanda estará connosco aquí no NAOJ como Profesora Convidada até decembro de 2019 investigando sobre “O rol do discurso en favor da diversidade na astronomía”, e como as persoas que se dedican profesionalmente á astronomía poden mellorar a súa comunicación científica, para promover a diversidade ao minimizar tendencias inconscientes no discurso.

Tamén lle queremos dar a benvida ao noso equipo a Mizuho Matsumoto. Matsumoto-san forma parte do departamento de Relacións Internacionais do NAOJ e colaborará connosco na Loxística e Xestión da oficina e os proxectos. Ela é ademais parte do equipo de desenvolvemento do Simposio IAU de Astronomía para a Equidade, Diversidade e Inclusión.

Neste número, queremos darlles as grazas a todas as persoas que participaron no certame Un Telescopio Unha Familia, destacamos o proxecto “Ceos despexados” e o programa 10 Temas x 10 Países.

Desexámosvos ceos despexados e felices celebracións!

Lina Canas, en nome da Oficina do Equipo de Divulgación de Astronomía da IAU

1) Dous sitios astronómicos acadan o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade a través da colaboración IAU-UNESCO

O 7 de xullo de 2019, a Organización Educativa, Científica e Cultural das Nacións Unidas (UNESCO, polas siglas en inglés) declarou Patrimonio da Humanidade 29 novos lugares. Entre eles están Risco Caído e as Montañas Sagradas de Gran Canaria, e Jodrell Bank, dous lugares de grande significado astronómico. Son os primeiros sitios astronómicos inscritos como Patrimonio da Humanidade, e isto sucede como resultado da Iniciativa Astronomía e Patrimonio Mundial (AWHI, polas siglas en inglés), unha colaboración entre a UNESCO e a IAU.

Podes ler máis información no anuncio oficial da IAU: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19049/

2) Carta aberta dos Observatorios Maunakea

“En nome das máis de 500 persoas empregadas nos Observatorios Maunakea, ofrecemos unha perspectiva sobre a situación de Maunakea coa sincera esperanza de que as nosas palabras alenten un maior entendemento das complexas circunstancias en que nos atopamos”.

Podes ler a Carta Aberta completa aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19048/

3) Proxecto Ceos Despexados

O proxecto Ceos Despexados da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento pretende promover o pensamento racional entre a xuventude da India. O proxecto desenvolve actividades en escolas de Hyderabad, India, por medio da astronomía.

Máis información sobre o proxecto: https://clearskies2019.wordpress.com/

4) 10 x 10 “10 Temas 10 Países”

A iniciativa 10×10 consiste nun programa de intercambio virtual entre escolas que abrangue dez países e dez temas de ciencia, dentro do proxecto “Eddington at Sundy” no que, cada día 29 do ano 2019 (excepto os meses de febreiro e maio), unha persoa convidada presenta un asunto que será discutido ao mesmo tempo por estudantes e docentes de varias institucións educativas. A nosa colega Kumiko Usuda-Sato, do Observatorio Nacional de Xapón (NAOJ) e membro do equipo OAO, dirixiu a última edición do programa preguntándolle aos rapaces e rapazas que imaxinaran que farían para comunicarse de forma efectiva cuns extraterrestres se visitasen a súa escola ou vila. A actividade tiña o obxectivo de espertar conciencia sobre as diversas e alternativas formas de comunicación, tales como a linguaxe de signos e os recursos táctiles.

Podes ver o programa completo aquí.

5) Compartimos a mesma Lúa

“Compartimos a mesma Lúa” é un proxecto especial IAU100 do Reino Unido que leva a ciencia ás escolas de primaria dunha maneira orixinal a través da narración asociada a actividades creativas. O profesorado e os e as profesionais da divulgación fóra do Reino Unido na procura dun currículum alternativo poden atopar moitos recursos (ordenados por tema científico), útiles para as súas propias prácticas docentes.

Podes saber máis sobre o proxecto aquí: https://wstsm.drmeganargo.net/

6) Inscricións pechadas para o Simposio IAU de Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión

O primeiro Simposio IAU de Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión, que terá lugar en Toquio, Xapón, do 12 ao 15 de novembro de 2019, recibiu até a data máis de 180 propostas, de xeito que o rexistro agora está na súa capacidade máxima (120 participantes). A organización pechou o rexistro dada a alta demanda de participación. A dirección de SOC e LOC acordou fixar este límite, dada a natureza do simposio, enfocado en promover a discusión personalizada e a proximidade no diálogo. A organización creou unha listaxe de agarda e aceptará novas inscrición en función da dispoñibilidade. Podes enviar un email a iaus358contact[at]prcml.mtk.nao.ac.jp (Asunto: “Application to Registration Waiting List”).

Para recibir as últimas noticias e actualización, sigue o grupo de traballo da IAU sobre Astronomía para a Equidade e a Inclusión en https://www.facebook.com/Astro4Inclusion/notifications/

7) Certame Un Telescopio, Unha Familia: grazas por participar

Queremos darlles as grazas a todas as persoas que participaron no certame “Un Telescopio, Unha Familia”, que pon o foco na fermosa diversidade de familias en todo o mundo. Recibimos 80 propostas de todo o planeta e o noso equipo contactará agora con todas as persoas participantes, incluídas as gañadoras, durante o mes de agosto.

Podes atopar tamén diversas actividades que serán desenvolvidas co Telescopio KIT do NAOJ. O pasado xullo, o pequeno telescopio foi presentado no Museo Ghibli de Mitaka, Xapón. Podes ver algunhas fotos simpáticas das actividades aquí.

Máis información sobre o certame “Unha familia, un telescopio”, nesta ligazón.

8) Celebra a diversidade coa astronomía: Ano das Linguas Indíxenas

Axuda a crear conciencia da alarmante cantidade de idiomas que están a desaparecer en todo o mundo, resaltando a importancia do coñecemento astronómico dos pobos orixinarios, e alenta a outras rexións a tomar medidas en favor da apreciación da nosa diversidade cultural. Escoita “100 anos Baixo Un Mesmo Ceo” recitado por falantes nativos de Garífuna, Miskito e Tol, linguas indíxenas de Honduras en América Central. E tamén na lingua tailandesa do norte e na lingua Yong, idioma tailandés cunha fonética diferente da tailandesa do norte. O último engadido é o Minderico, unha lingua dunha pequena rexión de Portugal. Queremos darlle as grazas a Catarina Leote, co-coordinadora do Grupo de Lingua Portuguesa da Rede de Tradución Astronómica da IAU, por compartilo connosco.

Se desexas participar no proxecto, podes contactarnos en translation@oao.iau.org.

9) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) Conferencia sobre educación astronómica: Investigación aplicada e práctica
Datas: do 16 ao 18 de setembro de 2019
Lugar: Garching, Múnic, Alemaña
Máis información: http://iau-dc-c1.org/astroedu-conference/

b) IAUS358: Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión – unha folla de ruta para as accións no marco do centenario da IAU
Datas: do 12 ao 15 de novembro de 2019
Lugar: Toquio, Xapón
Máis información: https://iau-oao.nao.ac.jp/iaus358/

c) Arte, Visualisación e Cosmos na Educación
Datas: 5 e 6 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia

d) Conferencia Educación e investigación con telescopios robóticos
Datas: do 8 ao 11 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
Máis información: https://rtsre.net/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2019!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.