Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Maio 2019 #2

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) A comunidade astronómica global celebra o centenario da eclipse solar de 1919
2) Grandes ideas da astronomía: folleto de alfabetización astronómica lanzado pola Comisión C1 da IAU
3) Memorando de entendemento entre a OAO e a Comisión C2
4) Anunciados os Simposios IAU de 2020
5) Revista Comunicar Astronomía co Público: novidades e actualización
6) Plan Estratéxico IAU 2020-2030 – traducións
7) IAU publica un folleto sobre aplicacións derivadas da astronomía
8) Celebra a diversidade coa astronomía: Ano das Linguas Indíxenas
9 ) Reunións e eventos globais
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Neste número, queremos destacar a celebración do centenario da eclipse solar de 1919, o folleto de alfabetización astronómica “Grandes ideas en astronomía”, e o memorando de entendemento entre a Comisión IAU C2 Comunicar Astronomía co Público e a nosa oficina IAU de Divulgación Astronómica (IAU OAO).

Queremos enviarlle un cálido agradecemento ao noso colega Pisit Nitiyanant, do Instituto de Investigación Astronómica Nacional de Tailandia (NARIT), que traballou connosco na nosa oficina no Xapón durante seis meses. Pisit colaborou coa oficina prestando apoio ao noso equipo coa Rede de Tradución Astronómica (ATN), Estrelas que inspiran, o programa IAU de Astronomía Inclusiva e outros proxectos, formando parte da primeira edición do Programa de Formación NARIT-NAOJ-IAU OAO.

Desexámosvos ceos despexados e felices celebracións!

Lina Canas, en nome da Oficina do Equipo de Divulgación de Astronomía da IAU

1) A comunidade astronómica global celebra o centenario da eclipse solar de 1919

2019 sinala o centenario da observación da eclipse solar que cambiou o paradigma da ciencia ao achegar por primeira vez unha proba experimental da Teoría Xeral da Relatividade de Einstein. A Unión Astronómica Internacional, no marco da celebración do seu centenario, apoia varias iniciativas relacionadas coa eclipse de 1919, incluídas conferencias, eventos de celebración e actividades educativas. Tamén se inclúe unha celebración en São Tomé e Príncipe coa participación do Presidente de São Tomé e Príncipe e o Presidente de Portugal.

Podes ler o artigo completo aquí: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau1907/

2) Grandes ideas da astronomía: folleto de alfabetización astronómica lanzado pola Comisión C1 da IAU

Que significa para o cidadán estar “alfabetizado” en astronomía? As persoas que pertencen á IAU activas na divulgación pública teñen experiencia práctica sobre o coñecemento astronómico que ten o público xeral. Até hai pouco, porén, non había unha avaliación sistemática e unha definición clara do que significa ter unha cultura astronómica. Agora foi lanzado o folleto “Grandes ideas da astronomía: unha proposta de definición de alfabetización astronómica” coa intención de clarificar esas ideas. Preténdese que sexa usado pola xente que se dedica á educación e divulgación astronómica e como ferramenta de consulta para a comunidade. O folleto representa a culminación de anos de debate e discusión sobre as cousas esenciais que unha persoa alfabetizada en astronomía debería coñecer.

Para máis información visitade o sitio web: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19029/

3) Memorando de entendemento entre a OAO e a Comisión C2

Durante a maior parte dos seus primeiros cen anos, a Unión Astronómica Internacional cumpriu a súa misión de promover e salvagardar a astronomía a través da colaboración internacional, mediante o traballo das persoas afiliadas individualmente organizadas en Divisións, Comisións e Grupos de Traballo. Recentemente a IAU creou tres (axiña serán catro) novas oficinas satélite, o cal expande moito as capacidades para darmos apoio á educación astronómica, a divulgación pública e o uso da astronomía para o desenvolvemento. Nalgúns casos, estas oficinas comparten os mesmos obxectivos que as outras estruturas da IAU. Para minimizar a duplicación de funcións e maximizar as sinerxías, a IAU está traballando na clarificación e mellora das relacións entre as Oficinas e as Divisións, Comisións e Grupos de traballo que se poden solapar.

Para ler máis información, visitade a páxina https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19028/

4) Anunciados os Simposios IAU de 2020

Os simposios IAU, principais encontros científicos da IAU, pretenden xerar avances significativos e explorar as actuais cuestións chave e/ou os conceptos emerxentes en cada campo a través dun programa de traballos convidados e presentacións de pósters convidados ou enviados, para alén dun tempo amplo para o debate. Logo dun rigoroso proceso de selección, o programa dos simposios IAU de 2020 foi decidido, incluído o IAUS 367: Educación e Legado na era do “Big Data” en astronomía. Os primeiros pasos do Plan Estratéxico IAU 2020-2030.

Podes atopar máis información aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19032/

5) Revista Comunicar Astronomía co Público: novidades e actualización

CAPjournal é unha publicación IAU que sae dúas veces ao ano e é unha revista gratuíta de comunicación da astronomía, con revisión por pares e dispoñíbel en liña e en papel. O CAPjournal está mudando algunhas cousas no que atinxe ao proceso de envío de proposta, calendario de publicación, impresión e consello editorial, entre outras.

Por favor lede as últimas novas no sitio web da revista CAP: https://www.capjournal.org/index.php

6) Plan Estratéxico IAU 2020-2030 – traducións

O novo e extendido Plan Estratéxico IAU 2020-2030 achega unha visión comprensiva da IAU, para describir como encaixan xuntas as diferentes actividades da IAU e como se complementan unhas ás outras, e presenta ademais os seus obxectivos a longo prazo. Descríbense ademais as accións e actividades precisas para acadar eses obxectivos. O plan estratéxico está agora traducido ao xaponés.

Se queres axudar na tradución do documento ao teu idioma, por favor contáctanos no enderezo translation@oao.iau.org.

Podes atopar máis información aquí: https://www.iau.org/administration/about/strategic_plan/

7) IAU publica un folleto sobre aplicacións derivadas da astronomía

A Unión Astronómica Internacional publicou un novo folleto, “Da Medicina ao Wi-Fi: aplicacións técnicas da astronomía á sociedade”, que detalla técnicas desenvolvidas na astronomía que se integraron na vida contemporánea. Os usos prácticos da astronomía non sempre son obvios, mais o desenvolvemento desta ciencia tivo un grande impacto que vai máis aló da observación do ceo nocturno.

Podes aprender máis neste sitio web: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19022/

8) Celebra a diversidade coa astronomía: Ano das Linguas Indíxenas

Axuda a crear conciencia da alarmante cantidade de idiomas que están a desaparecer en todo o mundo, resaltando a importancia do coñecemento astronómico dos pobos orixinarios e alentando a tomar medidas en favor da apreciación da nosa diversidade cultural. Escoita “100 anos Baixo Un Mesmo Ceo” recitado por falantes nativos de Garífuna, Miskito e Tol, linguas indíxenas de Honduras en América Central. E tamén na lingua tailandesa do norte e na lingua Yong, idioma tailandés cunha fonética diferente da tailandesa do norte.

Se desexas participar no proxecto, podes contactarnos en translation@oao.iau.org.

9) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) Semana europea da astronomía e ciencias do espazo
Datas: do 24 ao 28 de xuño de 2019
Lugar: Lyon, Francia
Máis información: https://eas.unige.ch//EWASS/

b) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

c) Día do asteroide
Data: 30 de xuño de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/

d) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

e) IAU100: 50º aniversario da chegada á Lúa – Observemos a Lúa!
Datas: 20 de xullo de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.iau-100.org/moon-landing-anniversary

f) Conferencia sobre educación astronómica: Investigación aplicada e práctica
Datas: do 16 ao 18 de setembro de 2019
Lugar: Garching, Múnic, Alemaña
Máis información: http://iau-dc-c1.org/astroedu-conference/

g) IAUS358: Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión – unha folla de ruta para as accións no marco do centenario da IAU
Datas: do 12 ao 15 de novembro de 2019
Lugar: Toquio, Xapón
Máis información: https://iau-oao.nao.ac.jp/iaus358/

h) Arte, Visualisación e Cosmos na Educación
Datas: 5 e 6 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia

i) Conferencia Educación e investigación con telescopios robóticos
Datas: do 8 ao 11 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
Máis información: https://rtsre.net/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2019!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.