Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Agosto 2019 #1

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) A superficie do asteroide Bennu recibirá nomes de aves mitolóxicas
2) A Unión Astronómica Internacional aproba un segundo conxunto de nomes para lugares significativos de Plutón
3) Celebra a diversidade coa astronomía: IAU100 “Baixo un mesmo ceo” en Malasia
4) 17ª edición do Festival Nacional de Astronomía Popular en Alxeria
5) XXVII Semana Astronómica no Brasil
6) Convocatoria de parceiros para Global Sky
7) Conferencia da Comisión IAU C1 e AstroEdu sobre educación astronómica: Investigación aplicada e práctica
8) Primeiro obradoiro Shaw-IAU de “Astronomía para a educación”
9) Reunións e eventos globais
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Nas pasadas semanas, o noso equipo estivo traballando na selección do certame “Unha familia, un telescopio”. Tivemos 105 propostas de 23 países e os resultados anunciaranse o 25 de agosto. Lanzamos o programa de financiamento da Coordinación de Divulgación Nacional (NOC) para 2020 e, por primeira vez, a nosa oficina poderá achegar un financiamento específico ás persoas que exercen a coordinación nacional. Estamos actualmente consultando e debatendo coa comunidade vías para mellorar este apoio.

A comunidade de divulgación da IAU medra. Queremos darlle a benvida ás 24 novas persoas que nos últimos meses se uniron a nós para exercer a Coordinación de Divulgación Nacional e están activamente implicados na divulgación astronómica arredor do mundo.

Neste número, convidámosvos a escoitar as últimas achegas que celebran o Ano Internacional das Linguas Indíxenas, desta volta destacamos un exemplo dos moitos idiomas malaios nativos. Queremos salientar a vindeira conferencia IAU AstroEDU no Planetario Supernova ESO e Centro de Visitantes en Garching, Alemaña, e a convocatoria de parceiros do programa Global Sky Partners do Observatorio de Las Cumbres.

Desexámosvos ceos despexados e felices celebracións!

Lina Canas, en nome da Oficina do Equipo de Divulgación de Astronomía da IAU

1) A superficie do asteroide Bennu recibirá nomes de aves mitolóxicas

En traballo conxunto co equipo OSIRIS-Rex da NASA, o grupo  de traballo para a Nomenclatura do Sistema Planetario da IAU (WGPSN, polas súas siglas en inglés) aprobou o tema “aves e criaturas con forma de ave da mitoloxía” para designar puntos relevantes da superficie do asteroide (101955) Bennu.

Podes ler máis sobre este tema aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19053/

2) A Unión Astronómica Internacional aproba un segundo conxunto de nomes para lugares significativos de Plutón

Varias persoas e misións que facilitaron o camiño para a histórica exploración de Plutón e o cinto de Kuiper -os mundos máis afastados xamais explorados- serán honradas no segundo conxunto oficial de nomes de lugares significativos de Plutón aprobado pola Unión Astronómica Internacional, a autoridade internacional para a designación de corpos celestes e os seus detalles superficiais.

Tedes máis información aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19052/

3) Celebra a diversidade coa astronomía: IAU100 “Baixo un mesmo ceo” en Malasia

Axuda a crear conciencia da alarmante cantidade de idiomas que están a desaparecer en todo o mundo, resaltando a importancia do coñecemento astronómico dos pobos orixinarios, e alenta a outras rexións a tomar medidas en favor da apreciación da nosa diversidade cultural.

A nosa última contribución ao proxecto vén de Malasia e celébrao co noso lema “Baixo un mesmo ceo” nunha mostra de 16 linguas indíxenas de Malasia. Queremos darlle o noso máis cálido agradecemento a Nurul Fatini Jaafar polo impresionante traballo de recollida e gravación. Podes seguir os esforzos en favor da Astronomía Etnográfica (en malaio) no enderezo https://www.facebook.com/Etnoastronomi.

Se desexas participar no proxecto, podes contactarnos en translation@oao.iau.org. Visita o noso sitio web https://sites.google.com/oao.iau.org/iauoaonews/atn-indigenous-languages e descobre máis sobre este proxecto.

4) 17ª edición do Festival Nacional de Astronomía Popular en Alxeria

Desde 2001 celébrase en Constatina, Alxeria, o Festival Nacional de Astronomía Popular para beneficio do público xeral e a comunidade astronómica. O tema desta edición é “Baixo un mesmo ceo” en liña co aniversario IAU100 para celebrar un século de descubrimentos astronómicos e salientar o importante rol da astronomía na educación, así como o desenvolvemento económico e social. Desenvolvidas en máis de cen países, o equipo organizador cre que as celebracións IAU son unha grande oportunidade para as persoas que se dedican á astronomía, a comunicación da ciencia e a educación en todo o mundo para alcanzar o público xeral, políticos e políticas, docentes e estudantes e inspiralos nas marabillas do universo. O programa inclúe entre outros asuntos a ciencia espacial cunha Feira da Astronomía e o Espazo, conferencias e obradoiros.

A edición 2019 celébrase o 3 de outubro e unha breve descrición en inglés está dispoñíbel no sitio web principal do festival: https://siriusalgeria.net/salon019.htm.

5) XXVII Semana Astronómica no Brasil

Para debater asuntos astronómicos, presentar os últimos descubrimentos na área e achegar a ciencia á cidadanía, o Museo da Astronomía e Ciencias Afíns (MAST) promove a XXVII Semana da Astronomía (SEMA). A iniciativa terá lugar do 13 ao 17 de agosto e nela participarán profesionais da astronomía de varios países e institucións de investigación, incluída unha aparición especial virtual da Presidenta da IAU Ewine van Dishoeck. O tema da 27ª edición da semana é “O punto azul pálido”, inspirado pola famosa referencia de Carl Sagan ao planeta Terra e en liña coas celebracións IAU100 “Baixo un mesmo ceo”.

Máis información (en portugués) en https://www.facebook.com/events/3061429023884109/ e http://www.mast.br/pt-br/ultimas-noticias/xxvii-semana-de-astronomia-no-mast.html

6) Convocatoria de parceiros para Global Sky

O Observatorio Las Cumbres ten o pracer de anunciar que acepta solicitudes de parceiros educativos, Global Sky Partners, con proxectos que irán do 1 de decembro de 2019 ao 1 de decembro de 2020. O equipo está buscando xente e grupos con ideas interesantes, cativadoras e innovadoras para proxectos educativos en astronomía, usando a rede do telescopio robótico LCO de 0,4 metros. A data límite para as solicitudes é o 15 de setembro de 2019.

Máis información sobre a convocatoria, aquí: https://lco.global/news/global-sky-partners-2020/

7) Conferencia da Comisión IAU C1 e AstroEdu sobre educación astronómica: Investigación aplicada e práctica

O campo da educación astronómica medrou significativamente nas últimas décadas, cun número crecente de artigos publicados por un número tamén crecente de grupos académicos e profesionais. A pesar disto, non houbo até agora conferencias internacionais regulares para persoas que investigan ou traballan profesionalmente na educación astronómica en todo o mundo para que se reúnan e discutan o seu traballo neste campo. Do 16 ao 18 de decembro de 2019, ESO acollerá a primeira dunha serie de conferencias periódicas -bianuais- sobre educación astronómica, co ánimo de incrementar a calidade, cantidade, comunidade e impacto da investigación e a práctica nesta área.

Para máis información, podedes visitar o sitio web oficial https://iau-dc-c1.org/astroedu-conference/.

8) Primeiro obradoiro Shaw-IAU de “Astronomía para a educación”

Este ano a IAU establecerá a Oficina de Astronomía para a Educación (OAE), cuxo obxectivo é dotar de apoio estrutural á educación astronómica en todos os países, proporcionando formación e recursos que animen a usar a astronomía coma un estímulo para o ensino e a educación nas escolas desde a primaria até a secundaria. Lanzouse unha convocatoria de cartas de intención, seguida dun convite para propostas detalladas, e axiña a IAU iniciará o proceso de revisión das propostas para acoller a OAE. O primeiro obradoiro terá lugar desde a tarde do 17 de decembro de 2019 até a mañá do 19 de decembro no auditorio do IAP (Instituto Astrofísico de París), próximo á sede central do IAP.

Máis información, aquí: https://www.iau.org/education/oae/shaw-iau-workshop/.

9) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) Conferencia sobre educación astronómica: Investigación aplicada e práctica
Datas: do 16 ao 18 de setembro de 2019
Lugar: Garching, Múnic, Alemaña
Máis información: http://iau-dc-c1.org/astroedu-conference/

b) IAUS358: Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión – unha folla de ruta para as accións no marco do centenario da IAU
Datas: do 12 ao 15 de novembro de 2019
Lugar: Toquio, Xapón
Máis información: https://iau-oao.nao.ac.jp/iaus358/

c) Arte, Visualisación e Cosmos na Educación
Datas: 5 e 6 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia

d) Conferencia Educación e investigación con telescopios robóticos
Datas: do 8 ao 11 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
Máis información: https://rtsre.net/

e) Primeiro obradoiro Shaw-IAU de “Astronomía para a educación”
Datas: do 17 ao 19 de decembro de 2019
Lugar: París, Francia
Máis información: https://www.iau.org/education/oae/shaw-iau-workshop/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2019!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.