Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)
Outubro 2017 #2
Neste boletín:
0) Nota dos editores
1) Boletín #18 (xullo-setembro 2017) da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento
2) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas do Xapón
3) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Nova Celandia
4) Materiais divulgativos sobre Ondas Gravitacionais
5) UNOOSA: Misións espaciais para países en desenvolvemento
6) #HerschelMoments: Celebrando o legado do Observatorio Espacial Herschel
7) Detectives de Imaxes de CosmoQuest
8) O Desafío Europeo Astro Pi está de volta!
9) Encontros e actividades globais
10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU
0) Nota dos editores
Durante as últimas semanas o noso equipo estivo ocupado coa data límite de envío de propostas e pedimento de axudas para o Communicating Astronomy with the Public 2018. Estamos moi contentos de anunciar un gran número de propostas e rexistros! Participamos no Día de Portas Abertas do NAOJ no Campus de Mintaka (non perdades as imaxes na nosa páxina de Facebook) onde o noso proxecto de Rede de Tradución Astronómica foi un gran, gran éxito; todas as persoas participantes quixeron aprender a escribir “Eu amo a astronomía” en diferentes linguas!
Neste número do noso boletín, destacamos o proxecto de ciencia cidadá “Detective de Imaxes” de Cosmoquest, o regreso do AstroPi europeo e celebramos coa ESA o legado do Observatorio Espacial Herschel.
Finalmente, recibimos outra vez noticias asombrosas, agora relacionadas cun asunto de plena actualidade como as ondas gravitacionais! Grazas ao esforzo de colaboración internacional, os astrónomos e as astrónomas veñen de observar ondas gravitacionais e luz (radiación electromagnética) da fusión de estrelas de neutróns. Para celebralo, queremos compartir convosco algunhas ligazóns con grandes recursos e actividades relacionadas coas ondas gravitacionais. Desfrutade delas!
Feliz lectura e ceos despexados!
O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU
1) Boletín #18 (xullo-setembro 2017) da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento
O Boletín #18 da IAU OAD está xa na rede. O boletín lánzao trimestralmente a Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD) e nel podes ler información sobre as súas últimas actividades. Entre as novas máis destacadas deste boletín está a interacción da OAD con economistas con especialización no desenvolvemento e posíbeis colaboracións coa comunidade astronómica; a sesión “Astronomía para o Desenvolvemento: Unha Discusión sobre a Inclusión” no Fórum Científico 2017 de Sudáfrica, o 7 e 8 de decembro en Pretoria, Sudáfrica; e o lanzamento da versión alfa do lote de ferramentas de Ciencia de Datos en Astronomía. A OAD está aberta a contribucións da comunidade ao lote de ferramentas.
Podes ler máis aquí: http://bit.ly/2xPJmwF
O boletín está tamé dispoñíbel en PDF no sitio web da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento: www.astro4dev.org/media/newsletters/
2) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas do Xapón
a) Aula remota sobre o Sol para estudantes peruanos
O 21 de setembro vinte estudantes da Universidade Unión Peruana de Perú tiveron unha aula remota no Planetario Nacional IGP. Desde o telescopio solar localizado no Observatorio Astronómico Nacional do Xapón (NAOJ) no Campus de Mitaka, Toquio, por vídeoconferencia, Kentaro Yaji, astrónomo solar do NAOJ impartiu unha conferencia titulada “Que estrela é o Sol?”. En Perú, Taicho Tsujino, voluntario da Axencia de Cooperación Internacional do Xapón, traduciu a conferencia ao español. O alumnado de Perú ten poucas oportunidades de estudar ciencias especializadas e experiencias como esta dunha aula remota poden xogar un papel significativo na súa vida académica.
Podes ver os comentarios de Taicho Tsujino en xaponés aquí e o informe do Planetario IGP (en español) aquí.
3) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Nova Celandia
a) Festival Starlight Aoraki Mackenzie
Do 13 ao 15 de outubro Nova Celandia acolleu o Festival Starlight Aoraki Mackenzie, unha actividade de tres días cheo de observacións astronómicas, espectáculos de planetario, obradoiros, unha visita ao Observatorio Monte John da Universidade de Canterbury e conferencias, entre elas unha da científica da NASA Natalie Batalha, o Director da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento Kevin Govender e o Coordinador Internacional da Oficina IAU de Divulgación Astronómica Sze-leung Cheung. O festival celebrou tamén a primeira Reserva Dark Sky do hemisferio sur no Parque Nacional Aoraki / Monte Cook.
Para saber máis, visitade http://www.phys.canterbury.ac.nz/starlightfestival/
4) Materiais divulgativos sobre Ondas Gravitacionais
Coas últimas novas sobre ondas gravitacionais ocupando grandes titulares de prensa en todo o mundo (podedes ver a mensaxe de parabéns da IAU aquí), moitos educadores e educadoras de todo o mundo lanzáronse á busca dos mellores recursos para amosalos nas aulas ou nas súas actividades co público xeral. Valémonos desta oportunidade para compartir interesantes sitios web que acollen actividades educativas sobre o tema das ondas gravitacionais. O LIGO Collaborative Research ofrece recursos e actividades para o público xeral, o profesorado e o alumnado. A Universidade Penn State tamén achega unha boa colección de recursos. Outros grandes lotes de materiais poden atoparse en Caltech e no repositorio do JPL/NASA. Estes son apenas uns poucos bos exemplos. Sabedes de máis recursos sobre ondas gravitacionais? Por favor, compartídeos connosco e a comunidade vía outreach@iau.org ou Facebook.
5) UNOOSA: Misións espaciais para países en desenvolvemento
A Oficina das Nacións Unidas para os Asuntos do Espazo Exterior (UNOOSA) está colaborando coa Corporación Sierra Nevada (SNC) para ofrecer aos estados membros das Nacións Unidas a oportunidade de participar nunha misión espacial orbital usando o vehículo espacial da SNC “Dream Chaser” (Cazador de Sonos). A misión estará aberta a todos os estados membros das Nacións Unidas; os países emerxentes e en desenvolvemento son particularmente convidados a participar. A misión portará experimentos, equipamento ou satélites proporcionados por institucións dos países participantes. Se a túa institución está interesada en participar, debes completar o formulario antes do 1 de novembro de 2017.
Para máis información, visita o sitio web http://www.unoosa.org/oosa/en/ourwork/psa/hsti/FreeFlyer_Orbital_Mission.html
6) #HerschelMoments: Celebrando o legado do Observatorio Espacial Herschel
O pasado setembro a Axencia Espacial Europea (ESA) celebrou a ciencia e o legado do Observatorio Espacial Herschel cunha serie de artigos, novas imaxes e vídeos sobre os seus principais descubrimentos. Unha campaña nas redes sociais convida aos astrónomos e astrónomas a compartir os seus recordos persoais e imaxes favoritas. A campaña foi impulsada pola conta de twitter @esascience co cancelo #HerschelMoments (tamén nas páxinas de Facebook e Instagram da ESA).
Podes atopar contidos relevantes (artigos e vídeos) aquí e unha colección de reaccións da comunidade nesta compilación de Momentos de Twitter.
7) Detectives de Imaxes de CosmoQuest
Detectives de Imaxes de CosmoQuest é unha nova ferramenta para estudar a Terra empregando fotos tomadas por astronautas da Estación Espacial Internacional (ISS). É un proxecto de ciencia cidadá financiado pola NASA para que o público identifique rexións da Terra nas fotografías tomadas desde a ISS. Ás persoas participantes pidéselles que axuden a identificar accidentes xeográficos (naturais ou de fabricación humana) nas fotografías e logo determinar en que lugar da Terra foi captada a imaxe. A idea é etiquetar e facer fáciles de buscar as imaxes sen identificar da base de máis de 1,5 millóns de fotografías. Para máis información, contactade con Pamela L. Gay, investigadora principal de CosmoQuest (pamela[at]astrosociety.org).
Calquera persoa pode unirse, ti tamén podes formar parte de Detectives de Imaxes visitando o sitio web http://cosmoquest.org/ImageDetective.
8) O Desafío Europeo Astro Pi está de volta!
O Desafío Europeo Astro Pi 2017-2018 dálle ao alumnado das escolas a oportunidade de desenvolver o seu propio proxecto de investigación científica no espazo usando código informático. Este ano o Desafío propón dous niveis de complexidade: a Misión Cero e a Misíon Laboratorio Espacial. Calquera pregunta que teñades sobre o Desafío Europeo Astro Pi debedes formulala directamente a astropi[at]esa.int. Desexámosvos moita sorte!
Para saber máis sobre o Desafío Europeo Astro Pi 2017-2018 visitade o sitio web http://bit.ly/2yx6uxn.
9) Encontros e actividades globais en 2017
Aquí tes unha listaxe de conferencias e actividades sobre educación e investigación astronómica en todo o mundo. Planifica con tempo un ano cheo de acontecementos interesantes!
Engadidos hai pouco
129º Encontro anual ASP – Conferencia de divulgación STEM: “Beyond the Eclipse: Engaging Diverse and Underserved Communities in Astronomy and STEM”
Datas: do 5 ao 8 de decembro de 2017
Lugar: St. Louis, Missouri, EEUU
Máis información: http://bit.ly/2l0ibte
11º Encontro Internacional de Astronomía e Astronáutica
Datas: do 12 ao 14 de abril de 2018
Lugar: Campos de Goytacazes, Brasil
Máis información: http://bit.ly/2xP8uik
Próximas actividades
a) Noite Internacional de Observación da Lúa
Data: 28 de outubro de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/
b) Astrónomos Novos do Leste Asiático 2017 (EAYAM2017)
Data: do 13 ao 17 de novembro de 2017
Lugar: Ishigaki, Okinawa, Xapón
Máis información: http://www-irc.mtk.nao.ac.jp/eayam/2017/index.html
c) Astronomical Heritage of the Middle East
Datas: do 13 ao 17 de novembro
Lugar: Yerevan, Armenia
Máis información: http://unesco.aras.am/
d) .Astronomy
Data: do 14 ao 17 de novembro de 2017
Lugar: Cidade do Cabo, Sudáfrica
Máis información: http://dotastronomy9.saao.ac.za/
e) Astrobioloxía 2017
Datas: do 1 de novembro ao 1 de decembro de 2017
Lugar: Coyhaique, Chile
Máis información: http://astrobiology2017.org/
f) IFF 2017 – Festival de Cinema Inmersivo
Data: do 1 ao 3 de decembro de 2017
Lugar: Espinho, Portugal
Máis información: http://iff.multimeios.pt/en/
g) 129º Encontro anual ASP – Conferencia de divulgación STEM: “Beyond the Eclipse: Engaging Diverse and Underserved Communities in Astronomy and STEM”
Datas: do 5 ao 8 de decembro de 2017
Lugar: St. Louis, Missouri, EEUU
Máis información: http://bit.ly/2l0ibte
h) Comunicar Astronomía co Público – CAP2018
Data: do 24 ao 28 de marzo de 2018
Lugar: Fukuoka, Xapón
Máis información: http://www.communicatingastronomy.org/cap2018/
i) 15º Conferencia Internacional de Comunicación Pública da Ciencia e Tecnoloxía (PCST2018)
Data: do 4 ao 6 de abril de 2018
Lugar: Dunedin, Nova Zelandia
Máis información: http://www.pcst2018.org/pcst18
l) 11º Encontro Internacional de Astronomía e Astronáutica
Datas: do 12 ao 14 de abril de 2018
Lugar: Campos de Goytacazes, Brasil
Máis información: http://bit.ly/2xP8uik
m) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse
Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.
10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas
-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;
-Traducións ao español, elaboradas por:
Sofía Meneses-Goytia, doutora, investigadora asociada postdoutoral, Instituto de Cosmoloxía e Gravitación, Universidade de Portsmouth: http://bit.ly/2rIqVGe;
Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;
ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;
-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita e Mikako Kuwamura a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados aquí: http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html;
-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;
–Podes atopar números antigos deste boletín en español traducidos pola Sociedad Española de Astronomía neste enderezo: http://www.sea-astronomia.es/drupal/content/newsletter-iau-noc;
Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU
Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2017! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.