I. Antonia.
Antonia Caetana de Paiva Pereira Maury naceu en Nova York en 1866 no seo dunha familia acomodada; por parte de nai era descendente dunha familia nobre portuguesa emigrada ao Brasil polas guerras napoleónicas e do científico e intelectual estadounidense John William Draper, pai tamén de Henry Draper, o tío de Antonia. Dende moza tivo, pois, contacto coa cultura científica. Estudou física, astronomía e filosofía no Vassar College, daquela só para mulleres; unha das súas profesoras foi a gran Maria Mitchell. Logo de graduarse Antonia comezou a traballar no observatorio de Harvard formando parte dese mítico dream team feminino (e mal pagado) que foron as «calculadoras» contratadas por Edward Pickering. Singularmente curioso neste caso o de mal pagado cando ese esforzo investigador viña financiado por unha doazón procedente do legado que deixou o xa citado tío de Antonia por decisión da súa viúva, Anna Draper.
Como se dixo ao falar de Mina Fleming, nese tempo a fotografía comezaba a ser unha técnica de uso masivo no estudo do ceo. Mina fixera un importantísimo traballo inicial de clasificación das estrelas na análise do seu espectro, o “código de barras” das estrelas que obtemos ao descompoñer a luz que vén delas a través dun prisma. O estudo dos espectros foi un obxectivo primordial das calculadoras de Harvard, unha delas Antonia Maury. Mais non foi nin moito menos a única.
II. Annie
Annie Jump Cannon naceu en Delaware en 1863. Aprendeu a amar o ceo e a recoñecer as constelacións grazas á súa nai, que a animou a estudar ciencias noutro college para mulleres, o Wellesley de Boston. Parece que foi nesa altura que enfermou de escarlatina e a consecuencia diso perdeu moita capacidade auditiva; a xordeira puido limitar as relacións sociais e favorecer a súa asombrosa dedicación ao traballo, mais non lle restou alegría e xenerosidade, como se irá vendo.
Annie graduouse en 1884 mais o feito de ser muller non lle abriu portas precisamente, así que volveu ao Delaware natal durante dez anos. Desenvolveu interese na fotografía e nunha viaxe a Europa incluso pasou por España, estadía da que naceu un libriño con textos e fotografías dela titulado In the footsteps of Columbus. A morte da súa nai en 1894 complicou as cousas. Annie decidiu escribirlle a unha das súas antigas profesoras en Wellesley e foi contratada para o college. Adquiriu máis formación en física e astronomía e familiarizose co estudo dos espectros. Interesada en traballar con mellores telescopios apuntouse ao college de Radcliffe, case a “sección feminina” da universidade de Harvard, e aí foi que o seu camiño se acabou cruzando co de Edward Pickering, que a colleu coma axudante en 1896.
III. En Harvard
Nese momento xa temos a Antonia Maury e Annie Jump Cannon en Harvard e as dúas dedicáronse con fervor á clasificación estelar, proseguindo -e mellorando- o traballo de Mina Fleming. Máis próxima a esta, Annie agrupou as estrelas en sete tipos básicos designados por letras do alfabeto: O, B, A, F, G, K e M, por orde de temperatura e de cor. Unha frase fixo logo fortuna coma regra nemotécnica para recordar a orde das letras: Oh Be A Fine Girl Kiss Me (literalmente “Oh, sé boa moza e bícame”).
Ademais de incansábel, Annie Jump Cannon era velocísima. Ao longo de horas e horas de sistemática observación de espectros clasificou máis de trescentas mil estrelas; contan que podía clasificar tres estrelas por minuto mirando espectros e que armada dunha lupa chegaba a distinguir nas placas estrelas de magnitude 9, moi por debaixo do límite visual humano. E todo iso por 25 centavos a hora.
Para Antonia Maury a clasificación de Annie e Mina non era suficiente para unha axeitada descrición estelar e desenvolveu un sistema propio, máis complexo, que atopou severas discrepancias en Edward Pickering. Os seus desencontros provocaron a marcha de Antonia, que deixou o observatorio para dar aulas nunha escola para mozas. Con todo, conseguiu -non sen esforzo- que a súa clasificación estelar fose publicada en Harvard en 1897 co seu nome coma autora.
O seu método non foi do interese de Pickering, mais si doutros astrónomos posteriores; co andar dos anos o labor de Maury foi recoñecido e incluso voltou a Harvard en 1918, un ano antes de que falecese Pickering. A relación de Antonia co sucesor deste á fronte do observatorio, Harlow Shapley, foi moito máis fluída até a súa retirada en 1935.
Unha gran astrónoma posterior que coñeceu a estas dúas grandes mulleres, Cecilia Payne-Gaposchkin, escribiu isto sobre elas na súa autobiografía:
[Annie Jump Cannon] perdera o oído na súa mocidade, mais carecía do pesimismo que a miúdo dáse na xente xorda (…) Ela era cálida, alegre, entusiasta, hospitalaria (…) Miss Cannon foi extraordinariamente amábel comigo. Outra no seu lugar podería sentirse resentida cunha estudante nova e sen experiencia que intentaba interpretar os espectros que foran o seu territorio durante moitos anos. Ela nunca amosou o máis mínimo sinal nese sentido. «Decátaste -escribiume despois Shapley- do fácil que para ela sería sabotar o teu traballo?» Coa arrogancia da xuventude eu nin sequera pensara niso. Eu mesmo me permitín preguntarme como era posíbel que alguén que traballou con espectros estelares tantos anos non se preocupase por tirar conclusións deles. Ela era unha observadora pura, non intentou facer interpretacións. Cando o miro con perspectiva comprendo como o seu traballo perdurou máis cós meus primeiros esforzos de interpretación. O Catálogo Henry Draper é un monumento permanente.
Miss Maury era unha soñadora e unha poeta, sempre a denunciar con vehemencia as inxustizas, sempre a batallar por unha boa (e a miúdo perdida) causa. Tiña paixón por comprender as cousas (…) Coma Miss Cannon, ela foi extremadamente boa comigo. Moitas foron as horas de conversas que tivemos sobre o problema dos espectros estelares. Gustábanos ás dúas traballar de noite e as nosas discusións estaban puntuadas polas picaduras dos insectos, pois ela insistía en manter as xanelas abertas e non podía soportar a idea de matar mosquitos.
Annie finou en Cambridge en 1941. Antonia, nove anos despois en Nova York.