– Celebrarase o martes 30 de xullo ás 20:30 no Planetario da Casa das Ciencias da Coruña, con entrada gratuíta ata completar espazo.
– A actividade enmárcase dentro do ciclo de conferencias “Coruña científica”, que conta co apoio do Concello da Coruña.
Co título “Muchas preguntas (y algunas respuestas) sobre la actividad estelar y los planetas extrasolares”, a charla será impartida pola doutora Andrea Buccino, investigadora do Instituto de Astronomía e Física do Espazo (UBA-CONICET) da Arxentina.
Segundo explica a conferenciante, hai infinidade de estrelas semellantes ao noso Sol en canto á súa estrutura interna, temperatura, gravidade e mesmo idade, e todas elas presentan un comportamento magnético moi variado. Moitas destas estrelas posúen, ademais, planetas orbitando ao seu redor. Na charla, a investigadora falará do seu principal tema de investigación: a actividade magnética de estrelas de tipo solar e aínda máis frías. Tamén repasará os principais métodos de detección de planetas extrasolares e como a actividade magnética dunha estrela pode influír sobre a vida neses planetas.
Andrea Buccino é doutora da Universidade de Buenos Aires, área de Ciencias Físicas, cunha tese sobre radiación UV en estrelas frías. Forma parte activa da Unión Astronómica Internacional e é vogal da Asociación Arxentina de Astronomía. Como investigadora do CONICET traballa no campo das atmosferas estelares, as estrelas frías, os planetas extrasolares e a astrobioloxía.