Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)
Decembro 2018 #2 – Último boletín de 2018 & Especial IAU100
Neste boletín:
0) Nota dos editores
1) Participa nas 100 Horas de Astronomía
2) Convértete nunha “Escola Einstein”
3) Leva a Exposición «Arriba e máis aló» á túa comunidade
4) Celebra o Día IAU das Mulleres e Nenas na Astronomía no teu país
5) Concurso de contos «Baixo un mesmo ceo»
6) Convocatoria para participar no proxecto “Astronomía Aberta nas Escolas”
7) Axuda a salvar a Vía Láctea para as xeracións futuras – Convocatoria aberta de kits educativos
8) Non perdas os simposios IAU de 2019
9) Encontros e actividades globais
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU
0) Nota dos editores
Prezados amigos, amigas e colegas,
Case non cremos que este sexa o último número do boletín de divulgación astronómica da IAU de 2018! E que fantástica travesía foi para o noso equipo! Coa Rede de Tradución de Astronomía (ATN) da IAU, que chega a case 350 tradutores e tradutoras en 49 idiomas diferentes. Coa conferencia Comunicar Astronomía co Público 2018 en Fukuoka, Xapón, que foi a máis grande e diversa até o momento, con 460 participantes de 53 países diferentes. Sacamos dous números da revista Comunicar Astronomía co Público, unha publicación impresa da que se distribúen internacionalmente 3000 copias. A nosa proposta de organizar o primeiro Simposio da IAU sobre Equidade, Diversidade e Inclusión foi aceptada e terá lugar no Xapón do 12 ao 15 de Novembro de 2019. Tamén en 2018 a nosa oficina alcanzou a cifra de cen persoas a cargo da Coordinación de Divulgación Nacional (NOCs).
Como en calquera outra travesía, a nosa é moito mellor porque a compartimos con amigos e amigas de todo o mundo. Desde os e as colegas no Observatorio Astronómico Nacional de Xapón (NAOJ), co seu forte apoio e amizade, á nosa familia estendida en París, Cidade do Cabo, Garching e Leiden. E, por suposto, nunca podemos esquecer o apoio de moitos e moitas profesionais da astronomía que forman parte da IAU, o arduo traballo das persoas que se ocupan da Coordinación de Divulgación Nacional e a dedicación dos tradutores e tradutoras da ATN. Un grande conxunto de colaboracións que temos a sorte de ter nas nosas vidas. Desexamos seguir escoitándovos e mantermos o apoio mutuo nesta marabillosa travesía. E que ano tan emocionante agarda por nós!
En 2019 celebraremos os 100 anos de existencia da IAU e canda iso os destacados descubrimentos e logros da astronomía que contribuíron á mellora da nosa sociedade no seu conxunto, estimulando o pensamento crítico, a cooperación internacional, a tolerancia e a paz. Non poderiamos pensar nun xeito mellor de celebralo que facérmolo con todos vós.
Desexámosvos os ceos máis despexados e todo o mellor para 2019!
Lina Canas, en nome do equipo da Oficina de Divulgación Astronómica da IAU
1) Participa nas 100 Horas de Astronomía
Faltan poucos días para que comece o ano de celebración do centenario da Unión Astronómica Internacional. Como gran evento inicial, o proxecto global “100 horas de astronomía” terá lugar entre o 10 e o 13 de xaneiro de 2019. Máis de 300 actividades en máis de 60 países están xa rexistradas. Aínda hai tempo para rexistrardes as vosas actividades astronómicas, con premios para as persoas participantes e entidades organizadoras. Todo o mundo en todo o planeta pode participar neste esforzo conxunto para levar a astronomía ao público xeral.
Podes atopar toda a información no sitio web oficial: http://www.100hoursofastronomy.org/
2) Convértete nunha “Escola Einstein”
O programa “Escolas Einstein” anima a mozos e mozas con talento en todo o mundo a aprender e comunicar o tema da gravidade na astronomía. Como parte dunha rede internacional, as escolas poderán compartir experiencias, beneficiarse de recursos de alta calidade e acceder a profesionais da astronomía que supervisarán as actividades.
Descubre como converterte nunha “Escola Einstein” no sitio web oficial: http://www.einsteinschools.org/
3) Leva a Exposición «Arriba e máis aló» á túa comunidade
A exposición de código aberto IAU100 “Arriba e máis aló” (Above and Beyond) presenta algúns dos avances astronómicos máis relevantes e asombrosos que deron forma á ciencia, a tecnoloxía e a cultura ao longo do século pasado. Agora podedes traer esta exposición a un lugar próximo de xeito personalizado para adaptala ás vosas necesidades.
A Secretaría IAU100 lanzou tres versións diferentes da exposición para facelas accesíbeis a cada comunidade:
Exposición “Arriba e máis aló” completa
Podedes traer ao voso país a exposición itinerante a gran escala que se presentou na Asemblea Xeral da IAU en Viena .
Exposición “Arriba e máis aló” DIY completa
Tamén podedes producir a vosa propia versión da exposición a gran escala e traducila ao voso idioma.
Exposición “Arriba e máis aló” en versión reducida
Unha versión reducida da exposición orixinal de baixo custo.
Máis información: https://www.iau-100.org/exhibition-materials-release
Sitio web oficial da exposición “Above and Beyond”: http://100exhibit.iau.org/
4) Celebra o Día IAU das Mulleres e Nenas na Astronomía no teu país
Baixo o lema “Astronomía inclusiva” as celebracións IAU100 organizan unha ampla serie de actividades e eventos globais durante todo o ano para promover a inclusión, a equidade e a diversidade na astronomía. Estes eventos iniciaranse ao redor do 11 de febreiro de 2019 coa celebración do Día IAU100 das Mulleres e Nenas na Astronomía no marco do Día Internacional das Mulleres e as Nenas nas Ciencias promovido polas Nacións Unidas. É a oportunidade perfecta para celebrar a muller na astronomía e alentar as nenas a ter en conta a astronomía como destino formativo e profesional. Animamos a todas as persoas a organizar eventos na súa comunidade local.
Máis información: https://www.inclusive-astronomy.org/women-girls-in-astronomy
5) Concurso de contos «Baixo un mesmo ceo»
Comprácenos convidar a estudantes de astronomía de todo o mundo a participar no concurso de escritura IAU100 «Baixo un mesmo ceo”. A IAU valora a participación da mocidade nas súas actividades, e este concurso ten como obxectivo estimular a creatividade e a imaxinación dos e das estudantes a través de relatos breves relacionados cos temas «Baixo un mesmo ceo» e «Estrelas que inspiran». Os e as participantes terán a oportunidade de asistir ao evento principal IAU100 en Bruxelas, Bélxica. O evento IAU100 “Baixo un mesmo ceo” terá lugar no Palacio das Academias en Bruxelas do 11 ao 13 de abril de 2019.
Máis información: https://www.iau-100.org/underonesky-storycompetition
6) Convocatoria para participar no proxecto “Astronomía Aberta nas Escolas”
O proxecto “Astronomía Aberta nas Escolas” (OAS) pretende formar o profesorado para lidar con temas científicos e mellorar as súas habilidades docentes organizando sesións de formación en todo o mundo, que permitan a alfabetización científica e a adquisición de técnicas de ensino modernas. A convocatoria achega financiamento inicial (até 500 Euros) e apoio básico para alentar obradoiros de capacitación docente nas rexións en desenvolvemento. Estes fondos de apoio ás actividades OAS poden empregarse para producir materiais que se distribúan entre os participantes do obradoiro ou para apoiar a viaxe e aloxamento do profesorado que participe.
O prazo de solicitudes estará aberto até o final das celebracións IAU100. As propostas que soliciten fondos deben presentarse antes do 31 de xaneiro de 2019 ás 11:00 pm UTC. Todas as solicitudes que pidan apoio financeiro terán resposta final en febreiro de 2019.
Podedes atopar máis información aquí: https://www.iau-100.org/teacher-training-call
Sitio web oficial: https://open-astronomy-schools.org/
7) Axuda a salvar a Vía Láctea para as xeracións futuras – Convocatoria aberta de kits educativos
O proxecto global IAU100 “Ceos escuros para todas as persoas” ten como obxectivo crear conciencia sobre a conservación dos ceos escuros e o dereito das xeracións futuras a seguir dispoñendo de verdadeiros ceos nocturnos. O IAU100 lanza unha convocatoria para a recepción do kit educativo «Acende a noite» e anima ao profesorado, profesionais da astronomía e astrónomos e astrónomas amadoras en todo o mundo a solicitalo.
Ao longo do programa global IAU100, uns 200 educadores e educadoras de todo o mundo poderán ter este kit ao custo de produción. Outros 50 kits adicionais serán distribuídos gratuitamente pola Secretaría IAU100 a aquelas persoas que non poidan pagar o custo de produción. Para solicitar estas condicións especiais, por favor enchede a solicitude completa antes do 1 de marzo de 2019.
Máis información neste enderezo web: https://www.iau-100.org/darkskies-for-all
8) Non perdas os simposios IAU de 2019
O programa de reunións científicas é un dos medios máis importantes polos cales a IAU persegue o seu obxectivo de promover a ciencia da astronomía a través da colaboración internacional. 2019 é un ano emocionante cun programa diverso de simposios IAU en todo o mundo. Un dos elementos principais de cada simposio son os eventos satélites con programas educativos e de divulgación que envolven os científicos e científicas asistentes coa comunidade en xeral.
Tes máis información para planificar con anticipación un ano cheo de actividades nesta ligazón: https://www.iau.org/science/meetings/future/
9) Encontros e actividades globais
Aquí tes unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!
a) IAU100: 100 Horas de Astronomía
Datas: do 10 ao 13 de xaneiro de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.100hoursofastronomy.org/
b) IAU100: Día das Mulleres e as Nenas na Astronomía
Datas: 11 de febreiro de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.inclusive-astronomy.org/women-girls-in-astronomy
c) Encontro rexional asiático “Global Hands-On Universe”
Datas: do 6 ao 8 de marzo de 2019
Lugar: Pokhara, Nepal
Máis información: https://sites.google.com/view/ghou-asia-regional-conference/home
d) 8ª conferencia internacional “Novas perspectivas en educación científica”
Datas: 21 e 22 de marzo 2019
Lugar: Florencia, Italia
Máis información: https://conference.pixel-online.net/NPSE/
e) Noite de Yuri
Data: 12 de abril de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://yurisnight.net/
f) Semana europea da astronomía e ciencias do espazo
Datas: do 24 ao 28 de xuño de 2019
Lugar: Lyon, Francia
Máis información: https://eas.unige.ch//EWASS/
g) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/
h) Día do asteroide
Data: 30 de xuño de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/
i) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/
l) IAU100: 50º aniversario da chegada á Lúa – Observemos a Lúa!
Data: 20 de xullo de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.iau-100.org/moon-landing-anniversary
Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.
11) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;
-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;
-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;
-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;
-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.
-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).
Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.
12) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU
Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.
Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.