-A exposición estará no Centro Cívico do Castrillón (Praza Pablo Iglesias, A Coruña) do 18 ao 30 de outubro

expo-cl

A partir do martes 18 de outubro o Centro Cívico do Castrillón acolle unha exposición sobre contaminación luminosa elaborada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. A través de seis paneis de gran formato profusamente ilustrados a mostra explora o impacto na saúde e no medio ambiente do abuso da luz artificial pola noite así como a dilapidación de enerxía e diñeiro que supón. Tamén reflexiona sobre a perda cultural asociada á desaparición do firmamento nocturno e apunta solucións, moi fáciles de executar, para garantir unha iluminación eficaz e sostenible.

A exposición compleméntase con outras accións divulgativas sobre este problema. O martes 25 no auditorio do centro cívico do Castrillón, a partir das 19:30, terá lugar unha charla sobre o tema baixo o título “En defensa do ceo nocturno”. Antes, este mesmo venres 21 ás 20:00, a Agrupación Ío ofrecerá unha charla sobre contaminación luminosa no local da Asociación de Veciños de Monte Alto.

A exposición sobre contaminación luminosa, de cuxo deseño gráfico se encargou Marta Cortacans, contou para a súa produción co apoio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.