Dentro do ciclo de astronomía Coruña Científica, que conta co apoio do Concello da Coruña, organizamos a conferencia «O exceso de luz na planificación da seguridade«, impartida por Anna Almécija, avogada, criminóloga e directora de seguridade privada.

O aumento do número de luminarias ou da intensidade da luz é unha resposta frecuente ás demandas cidadás para diminuír a delincuencia ou evitar a sensación de temor que producen determinadas zonas escuras que poden parecer perigosas. Mais poucas veces se ten en conta se esas medidas son realmente efectivas ou cal é o seu impacto ambiental. Nesta charla abordaremos se o exceso de luz produce os resultados esperados polos que cren que a iluminación é a solución a todos os problemas de seguridade.

A conferencia terá lugar o xoves 27 de decembro ás 19:30h no planetario da Casa das Ciencias, con entrada libre ata completar a capacidade.