Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)
Agosto 2017 #1
Neste boletín:
0) Nota dos editores
1) Boletín #17 Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (abril-xuño 2017)
2) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Portugal
3) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Guatemala
4) Ferramentas de Astronomía e Ciencia de Datos
5) Chamada de colaboración para proxectos educativos do Observatorio Las Cumbres
6) Actualizacións do Atlas “Virtual Moon” (VMA) e Atlas “Virtual Planets” (VPA)
7) Actividades da eclipse de Astrónomos Sen Fronteiras
8) Programa 1000 Mozas, 1000 Futuros
9) Encontros e actividades globais
10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU
0) Nota dos editores
O mundo está preparado para celebrar a eclipse total de Sol do 21 de agosto. O número de actividades relacionadas coa eclipse é moi grande, dende o desenvolvemento de aplicacións para a eclipse a vídeos en Internet e entrevistas, proxectos de ciencia cidadá e moitas cousas máis. O mundo enteiro xúntase para “observar” esta gran eclipse. Desexámosvos unha feliz eclipse e agardamos que compartades a vosa experiencia con nós.
Neste número, destacamos o último número de abril a xuño do boletín da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento, a busca de parceiros para educación do Observatorio Las Cumbres e as actualizacións do atlas “Virtual Moon”.
Queremos darlle as grazas en especial aos coordinadores de divulgación nacionais que continuamente colaboran co noso boletín, compartindo novas nacionais de divulgación de todo o mundo. Nesta edición facémonos eco dunha exposición única sobre o Sistema Solar en Portugal e das celebracións do Día do Asteroide 2017 en Guatemala.
Feliz lectura e ceos despexados!
O equipo da Oficina para a Divulgación da Astronomía da IAU
1) Boletín #17 Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (abril-xuño 2017)
O último boletín da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento está dispoñíbel en Internet. Hai moitas novas que comunicar dende a oficina! Aquí queremos destacar que xa está aberto o prazo para as bolsas de mobilidade RAS-OAD, que establecen colaboracións de investigación, educativas ou relacionadas co desenvolvemento entre o Reino Unido e países onde a investigación astronómica non está ben establecida; e o próximo obradoiro coorganizado pola OAD: Dot Astronomy 9, do 14 ao 17 de novembro de 2017 en Cidade do Cabo, Sudáfrica.
Novas sobre estes programas e moitos outros, no boletín completo: http://bit.ly/2hoWtNB
2) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Portugal
a) Sistema Solar a escala
O Sistema Solar a escala é un proxecto único que liga a ciencia, a arte e a inclusión social. As diferentes pezas -que inclúen o Sol e os oito planetas- están distribuídas por toda a municipalidade de Moimenta da Beira, en Portugal, e dispoñíbeis de forma permanente para todos os que queiran aprender máis sobre o noso Sistema Solar. A produción é froito dunha colaboración entre os clubes de ciencia das escolas de Moimenta da Beira e o goberno local e foi inaugurada o 21 de xuño, ante ducias de nenos das escolas de Primaria da zona. A concepción artística contou co apoio de diferentes arquitectos, deseñadores, pintores e escultores, e o deseño práctico tivo a participación de ArteNave, unha institución de inclusión social da rexión.
Podes atopar máis detalles deste proxecto (en portugués) aquí: http://www.cm-moimenta.pt/p/sistemasolar
3) Espazo de contacto da divulgación nacional (NOC): Novas de Guatemala
a) Día do Asteroide Guatemala 2017
O Día do Asteroide tivo en 2017 a súa primeira edición en Guatemala, unha emocionante aventura guiada polo Clube Astronómico Aq’ab’al (que significa amencer e solpor en Nahuatl, unha lingua Uto-Azteca orixinaria de América Central) e a Universidade Nacional (ECFM-USAC – Universidade de San Carlos de Guatemala). Nas actividades participaron profesores e estudantes de física, agrupacións astronómicas e centros culturais. Os obradoiros e sesións plenarias sucedéronse en diversas rexións de Guatemala e chegaron a audiencias moi variadas de todo o país. Estas actividades espertaron dun xeito amigábel a curiosidade polos asteroides e a súa influencia, impacto e repercusión na Terra.
Podes atopar aquí todas as actividades (en inglés): http://bit.ly/2vtPr0l
4) Ferramentas de Astronomía e Ciencia de Datos
Xa está na rede o xogo de ferramentas de astronomía e ciencia de datos. O paquete de ferramentas proporciona materiais formativos de alta calidade en forma de exemplos, cursos e avaliacións que todos poden usar para ensinar ou planificar obradoiros ou escolas de verán. A Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento busca contribucións ao paquete de ferramentas dentro da comunidade de científicos, estudantes universitarios e astrónomos.
Podes atopar o paquete de ferramentas aquí: https://datascience.astro4dev.org
5) Chamada de colaboración para proxectos educativos do Observatorio Las Cumbres
O Observatorio Las Cumbres (LCO) anunciou que está aberta a novos parceiros educativos. LCO acepta propostas de ideas interesantes, atractivas e innovadoras en educación ou divulgación astronómica que fagan uso das capacidades únicas do LCO. Os parceiros observarán fenómenos astronómicos co LCO e usarán os datos como parte das súas actividades educativas. O deadline das propostas é o 23 de setembro de 2017.
Para máis información sobre esta convocatoria, criterios de elixibilidade e como facer a solicitude, consultade este sitio web: https://lco.global/news/call-for-education-partners-2018/
6) Actualizacións do Atlas “Virtual Moon” (VMA) e Atlas “Virtual Planets” (VPA)
Dúas utilidades de software libre, ferramentas valiosas para a divulgación planetaria, o Atlas “Virtual Moon” (VMA) e o Atlas “Virtual Planets” (VPA), lanzarán novas versións en 2018. A próxima versión do VMA incluirá mellores texturas e actualizará e incrementará a base de datos (máis de 80 mil cráteres). A próxima versión do VPA incluirá o planeta anano Ceres e o planeta Saturno, os seus aneis e maiores satélites (Mimas, Tetis, Dione, Rea, Titán, Iapeto). O lanzamento está previsto ao longo de 2018.
Podes atopar toda a información aquí: http://ap-i.net/avl/en/start e http://ap-i.net/avp/en/start.
7) Actividades da eclipse de Astrónomos Sen Fronteiras
Unha eclipse solar total cruzará os EEUU de costa a costa o 21 de agosto; polo camiño da totalidade hai varias grandes cidades. Todo o país terá unha eclipse parcial superior ao 50% e a eclipse parcial vaise ver tamén en boa parte de Canadá e a América Latina. Astrónomos sen Fronteiras ten varios programas para achegar a eclipse ás comunidades desfavorecidas e desenvolve iniciativas inspiradas nel. Convidámosvos a seguir algúns dos numerosos programas como a serie Facebook LIVE Eclipse, a App Guía da Totalidade, Historias da Eclipse ou a campaña de doazón de gafas da eclipse.
Podes atopar os programas da AWB para a eclipse aquí: http://bit.ly/2uBLwK1
8) Programa 1000 Mozas, 1000 Futuros
1000 Mozas, 1000 Futuros é unha iniciativa innovadora deseñada para animar ás mulleres novas a que se interesen pola ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas (STEM) e avancen na súa busca de carreiras nestas áreas a través da monitorización e o desenvolvemento de habilidades do século XXI. O programa está dirixido a mozas de todo o mundo entre os 13 e os 19 anos con entusiasmo polas STEM e a mulleres que traballan nestas disciplinas e sectores e desexen actuar como mentoras, adestradores e modelos.
Descubre máis deste programa aquí: www.1000girls1000futures.org
9) Encontros e actividades globais en 2017
Aquí tes unha listaxe de conferencias e actividades sobre educación e investigación astronómica en todo o mundo. Planifica con tempo un ano cheo de acontecementos interesantes!
Engadidos hai pouco
Astronomical Heritage of the Middle East
Datas: do 13 ao 17 de novembro
Lugar: Yerevan, Armenia
Máis información: http://unesco.aras.am/
Próximas actividades
a) Conferencia Global Hands-On Universe (GHOU) 2017 + Galileo Teacher Training Program (GTTP) International Workshop 2017
Datas: do 15 ao 21 de agosto de 2017
Lugar: Western Kentucky University, Bowling Green, Kentucky, US
Máis información: http://handsonuniverse.org/ghou2017/
b) Escola de verán de comunicación da ciencia Euro-Mediterráneo e Oriente Medio (EMME)
Data: do 10 ao 15 de setembro de 2017
Lugar: Nápoles, Italia
Máis información: http://www.cittadellascienza.it/emme2017/
c) Congreso Europeo de Ciencia Planetaria 2017
Data: do 17 ao 22 de setembro de 2017
Lugar: Radisson Blu Hotel Latvija, Riga, Letonia
Máis información: http://www.epsc2017.eu/
d) 3ª Simposio COSPAR
Data: do 18 ao 22 de setembro de 2017
Lugar: Illa Jeju, Corea do Sur
Máis información: https://cosparhq.cnes.fr/
e) Obradoiro Museos de Astronomía, Centros de Visitantes e Observatorios Públicos
Data: do 27 ao 29 de setembro de 2017
Lugar: Leiden, Países Baixos
Máis información: https://www.communicatingastronomy.org/visitorexperience/
f) Semana Mundial do Espazo 2017
Data: do 4 ao 10 de outubro de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/theme/
g) Noite Internacional de Observación da Lúa
Data: 28 de outubro de 2017
Lugar: en todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/
h) Astrónomos Novos do Leste Asiático 2017 (EAYAM2017)
Data: do 13 ao 17 de novembro de 2017
Lugar: Ishigaki, Okinawa, Xapón
Máis información: http://www-irc.mtk.nao.ac.jp/eayam/2017/index.html
i) Astronomical Heritage of the Middle East
Datas: do 13 ao 17 de novembro
Lugar: Yerevan, Armenia
Máis información: http://unesco.aras.am/
l) .Astronomy
Data: do 14 ao 17 de novembro de 2017
Lugar: Cidade do Cabo, Sudáfrica
Máis información: http://dotastronomy9.saao.ac.za/
m) Astrobioloxía 2017
Datas: do 1 de novembro ao 1 de decembro de 2017
Lugar: Coyhaique, Chile
Máis información: http://astrobiology2017.org/
n) Comunicar Astronomía co Público – CAP2018
Data: do 24 ao 28 de marzo de 2018
Lugar: Fukuoka, Xapón
Máis información: http://www.communicatingastronomy.org/cap2018/
ñ) 15º Conferencia Internacional de Comunicación Pública da Ciencia e Tecnoloxía (PCST2018)
Data: do 4 ao 6 de abril de 2018
Lugar: Dunedin, Nova Zelandia
Máis información: http://www.pcst2018.org/pcst18
o) Sociedade Planetaria Internacional 2018
Data: do 1 ao 6 de xullo de 2018
Lugar: Toulouse, Francia
Máis información: http://www.ips-planetarium.org/page/IPS2018Toulouse
Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.
10) O boletín de divulgación astronómica da IAU noutros idiomas
-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;
-Traducións ao español, elaboradas por:
Sofía Meneses-Goytia, doutora, investigadora asociada postdoutoral, Instituto de Cosmoloxía e Gravitación, Universidade de Portsmouth: http://bit.ly/2rIqVGe;
Basilio Solís-Castillo, estudante de doutorado, Instituto Max Planck de Radioastronomía, Universidade de Bonn: http://astronomia-para-todos.blogspot.de;
ASAFILE, Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;
-Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados aquí: http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html;
-Traducións ao galego, pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;
–Podes atopar números antigos deste boletín en español traducidos pola Sociedad Española de Astronomía neste enderezo: http://www.sea-astronomia.es/drupal/content/newsletter-iau-noc;
Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU
Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2017! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.